A FORMACIÓN
Celanova ten un vento,
Celanova un vento ten,
un vento peleriñante,
un vento que vai e ven.
Realiza os seus primeiros estudos cos Escolapios en Celanova e axiña vai asumir dous elementos que marcarán o seu carácter: a escrita e o compromiso ideolóxico e político. Comezará a manter contacto cos galeguistas ourensáns: Risco, Otero… e ao tempo principia coas súas primeiras actividades políticas en Celanova, fundando, con Xosé Velo Mosquera, as Mocedades Galeguistas do distrito de Celanova, será secretario de organización do conxunto das Federación das Mocedades e dirixirá Guieiro. Outavoz patriótico da F.M.G. Algúns textos políticos que asinou aí conlevan un proceso xudicial que finalmente quedaría sen efecto. Durante un curto espazo de tempo exerce como concelleiro nacionalista na corporación municipal de Celanova.
Asina, tamén, os seus primeiros poemas en Heraldo de Galicia e xunto con Xosé Velo concibe o Cartafol de poesía: poemas que enviaban desde Celanova a persoas interesadas na poesía.
- De pé (esquerda a dereita), L. Freire, M. Montes, X. Rodríguez Gosende, D. León e O. Pérez, da Federación de Mocedades Galeguistas. Sentados, P. Lezón, Celso Emilio e X. F. Álvarez Bernárdez. Celanova-Veiga, 2/05/1935.
- Vestido de Primeira Comunión. Celanova, 1920.
- Celso Emilio, con case tres anos de idade, xunto á súa irmá Pilar. Trátase da imaxe máis antiga do poeta. Celanova, 15 de decembro de 1914.
- Acompañado dunhas amigas e veciñas nunha festa en Celanova.
- Celso Emilio, de pé o terceiro pola esquerda, xogaba no Spórting de Celanova de extremo dereito. Celanova, 1929.




