1973-1979 Madrid

1912-1936 1936-1940 1940-1950 1950-1966 1966-1973 1973-1979

MADRID E O FINAL

A primeiros de 1973 retorna a España con destino a Madrid logo de que Álvaro Gil o contrate para traballar na revista Tribuna médica, da que era presidente do consello de administración. De novo son moitas as portas que se lle pechan en Galicia.

Dedícase tamén ao Ateneo Científico, Literario y Artístico de Madrid, no que desempeñará o cargo de Director da Aula de Cultura na sección de Literatura Galega dende o primeiro de xullo de 1974, desenvolvendo unha intensa actividade cultural, non exenta de certa polémica.

Publica en edición bilingüe, impreso por Editora Nacional, Onde o mundo se chama Celanova (1975), o poemario máis intimista do autor, marcado pola temática amorosa e evocadora da infancia en Celanova entendida como paraíso perdido, poemario que foi Premio da Crítica de Poesía Galega de 1976.

Publica Al César enano (1975), recompilación asinada baixo o pseudónimo de Stow Kiwotto Lumen que recolle unha ducia de versos antifranquistas do poeta escritos entre 1961 e o momento da súa publicación.

Dá a coñecer en Ediciós Castrelos A taberna do Galo (1978), que non son unhas «memorias nun senso estricto, senón que se trata dunhas memorias maxinadas baseadas en feitos reais». En realidade, este libriño recolleu o que era o primeiro capítulo dunhas máis longas «Memorias de nunca» que xamais chegou a publicar como tales, aínda que si se conservan fragmentariamente. Publica asemade Curros Enríquez: Obra poética completa (1977) e Cemiterio privado (1974) para as Ediciones Expediente de Caracas; edita a súa propia Antología (1977) bilingüe para Plaza y Janés de Barcelona (única escolma esta xunto coa portuguesa Autoescolha poética de 1972; e supervisa a publicación dos primeiros volumes das súas Obras completas (1975, vols. I e II, 1981, vol. III) para Akal e a versión corrixida e aumentada para Ediciones Júcar de Xixón da súa clásica biografía sobre Curros Enríquez (1973).

Desenvolve tamén unha intensa actividade cultural en moi distintos lugares, entre os que salientan a súa participación, xunto con Carlos Velo e Méndez Ferrín, na homenaxe mexicana a León Felipe en 1973 ou a representación das letras galegas en Congresos desenvoltos en Venecia (1976), Almería (1979) ou Canarias (1979). Pronuncia varios pregóns, como os de Celanova ou Lalín, e participa nunha homenaxe que se lle tributa a Antonio Machado en Salamanca.

Colabora no xornal ABC, entre outros, asinando a sección «Mirador Literario: Escrito en Gallego», na que ía dando conta das novidades literarias galegas.

Sitúase na órbita do Partido Socialista de Galicia (P.S.G.) e concorre como candidato da fronte multipartidista Candidatura Democrática Galega a un escano de senador pola provincia de Ourense nas primeiras Eleccións Xerais de 1977. Implicado de cheo neste proceso electoral, participa na campaña dando mitins (en Ourense, A Coruña…) e recitando o “Romance eleutoral do cego de Trasmiras”. Non sae elixido por un escaso milleiro de votos. Por outro lado, nos seus últimos tempos achegouse aos postulados do PSOE.

O 30 de agosto, mentres gozaba dun período vacacional en Vigo, falece na súa casa e o 1 de setembro é soterrado en Celanova.

Postumamente aparece O libro dos homenaxes (1979), do que entregara o seu orixinal ao seu amigo Xesús Alonso Montero oito días antes de falecer. A obra é unha compilación de textos, a maior parte deles xa publicados en revistas e mesmo en libros anteriores. Júcar edita os relatos de El alcalde y otros cuentos, autotradución ao castelán dos contos que compuñan A fronteira infinda con algunha adición, que no 2007 apareceu reeditado baixo o título de La frontera infinita (Faktoría K de Libros).

Sucédense as homenaxes á súa memoria entre os que destacan os actos do Polideportivo do Sar en Santiago de Compostela o 28 de outubro e a do 3 de novembro no Palacio dos Deportes de Madrid.

En 1981 o Concello de Vigo instituíu o Premio de Poesía Celso Emilio Ferreiro, e por ese mesmo tempo creábase en Santiago a Fundación do mesmo nome e en 1989 dedícaselle o Día das Letras Galegas, o que provocou a aparición de abondosos estudios e monografías sobre a súa obra e a súa peripecia vital.

Por último, no 2003 celébrase o 25 cabodano da seu falecemento, realizándose numerosos actos na súa honra e a reedición de boa parte da súa obra, ademais da publicación de obra inédita e non compilada.

Poema relacionado: Vispras

Na memoria de Blas de Otero

Chegou á derradeira encosta da montaña
coas misteriosas luces sobre os médanos,
co seu baúl ó lombo.
Dende aquí vexo o mar acolá diante,
dixo, axiña saberéi quén son.
O intre de zarpar vaise achegando,
é hora de ceibar as pombas.
Adeus, paisaxe irrepetivel da vida,
coas misteriosas luces sobre os médanos,
os insones abrentes
nos muiños albares da esperanza.
Adeus horas de dor e de ledicia,
lonxe ficou o páxaro dos soños
e o rito ardente da segreda ira.
Non voltarán as rosas
nen o esplendor dos máxicos fulgores.
O tempo pasa, devala o lusco-fusco,
escrito está nos siños das estrelas.
Se perdes a mañán, perdes o día,
quen perde a mocedá, perdeu a vida.

Poema relacionado: Eiquí será

Á memoria de Aquilino Iglesia Alvariño

Quero morrer eiquí (cando me chegue
a hora da viaxe que me agarda).
Eiquí niste silencio de pombas arroladas,
niste vento que dorme nos piñeiros
un profundo soño de arelanzas.
Quero morrer eiquí cos ollos postos
no fumegar das tellas, na borralla
do tempo, frente a frente
de mín, aberta a ialma
aos latexos das horas, nunha tarde
ateigada de arpas.
Van e veñen as nubes viaxeiras,
as anduriñas pasan.
O pandeiro da chuvia
repenica unha maina
melodía de outono,
que no roncón do río se acompasa.
Quero morrer eiquí. Ser sementado
nesta miña bisbarra.
Finar eiquí o meu cansancio acedo,
pousar eiquí pra sempre as miñas azas.