Unha nova edición de “Longa noite de pedra” proxecta a obra literaria de Celso Emilio Ferreiro no ámbito internacional

Mar 6, 2012 editor de CEF novas

A obra literaria de Celso Emilio Ferreiro dá un paso adiante na súa difusión fóra das fronteiras de Galicia e na chegada a novos públicos. Faino cunha nova edición de Longa noite de pedra, unha versión bilingüe galego-castelán de Auga Editora, que foi presentada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa publicación do volume no marco do Ano Celso Emilio Ferreiro. O pasado mes de febreiro, durante a presentación pública da programación coa que se está a conmemorar o centenario do nacemento do escritor e os cincuenta anos de Longa noite de pedra, Anxo Lorenzo xa avanzara a publicación de novas edicións da obra do escritor, “que permitan un mellor coñecemento do autor en Galicia, pero tamén no ámbito internacional, dada a calidade e o interese que ten a súa poesía”, dixo.

Estudo introdutorio e ilustracións

A obra acompáñase dun estudo introdutorio sobre a vida e a produción poética do autor, realizada polo filólogo e crítico literario Ramón Nicolás, que tamén foi o encargado de traducir os versos ao castelán. O poemario complétase con ilustracións de María Lires, que fixo “unha lectura en imaxes da obra, para ofrecernos un pouco de luz e de cor nos versos da noite de pedra”, explicou o secretario xeral.

Anxo Lorenzo, Ramón Nicolás e María Lires participaron xunto coa responsable de Auga Editora, Mercedes Pacheco, na presentación do volume. Tamén asistiu o presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro e fillo do escritor, Luís Ferreiro, ao que Anxo Lorenzo lle agradeceu “a súa colaboración permanente co conxunto de actuacións programadas para este ano 2012”, proclamado polo Parlamento de Galicia o Ano de Celso Emilio Ferreiro.

Nova ventá aberta a América Latina

Para que esta nova edición chegue ás mans dos lectores interesados, a consellería reforzará as canles de distribución comercial coa presentación da obra na Feira do Libro de Bos Aires, o próximo mes de abril, á que a Xunta acudirá cun expositor para a literatura galega. Ademais, está prevista unha doazón de exemplares á Biblioteca do Goberno da Cidade de Bos Aires, na que a Xunta de Galicia iniciou nos últimos anos a sección Rosalía de Castro, dedicada ao libro galego.

Traducións ao inglés e ao francés

“Non temos dúbida ningunha do interese destes versos entre lectores doutras latitudes”, asegurou Anxo Lorenzo. Por iso, en 2012, ademais desta edición bilingüe, publicaranse  unha edición galego-inglés do poemario, que se incluirá na nova entrega da colección  Galician Classics da Xunta de Galicia, e outra galego-francés, preparada por Editions L’Harmattan.

A Secretaría Xeral de Cultura aborda estas edicións desde a colaboración con editoras que apostan por situar a obra de Celso Emilio Ferreiro no mercado, “con rigor, con estética e con profesionalidade”. Neste sentido, Anxo Lorenzo agradeceu o esforzo editorial de Auga Editora, así como as facilidades que Edicións Xerais de Galicia está a ofrecer para favorecer a saída ao mercado destes proxectos. 

Estas novas publicacións que se presentarán ao longo deste ano constitúen, segundo afirmou Anxo Lorenzo, “pequenos pasos para avanzarmos na difusión internacional dos nosos escritores e tamén pequenos pasos para dar a coñecer a literatura galega a través do diálogo cos falantes doutras linguas”.

Iniciativas que van da vila natal do poeta a internet

A celebración do Ano Celso Emilio Ferreiro conta cun completo programa de actividades co que lle achegar á cidadanía a obra e a vida do escritor. Diversos departamentos da Xunta de Galicia promoven esta celebración coa implicación de múltiples entidades públicas e privadas, como o Consello da Cultura Galega, o Concello de Celanova, a Real Academia Galega, universidades estranxeiras, empresas editoriais e, particularmente, a Fundación Celso Emilio Ferreiro.

Esta colaboración xa permitiu poñer en marcha no que vai de ano diversas iniciativas. É o caso da campaña Cen anos, cen comercios, cen poemas, unha actuación singular que difunde os versos do escritor a través dos escaparates de Celanova e que inclúe tamén un xogo literario no que poden participar os estudantes que visiten durante 2012 a Casa dos Poetas de Celanova.

Tamén está xa accesible en internet o sitio web oficial de Celso Emilio Ferreiro, unha base de información imprescindible para se achegar á vida e á obra do escritor, dispoñible no sitio web www.celsoemilioferreiro.org

Artigos relacionados


Celso Emilio, “Pra Moraima, sempre”
Presentación de “Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro”
Longa Noite de Pedra en linguaxe dos signos