«O meu primeiro Celso Emilio» en concerto

Jul 31, 2012 editor de CEF novas

28 Xullo, 2012-Brétemas, Manuel Bragado

Memorable foi o concerto no Auditorio Municipal de Teo de presentación do librodisco O meu primeiro Celso Emilio. Unha gozada escoitar oito poemas de Celso Emilio interpretados por unha ducia de músicos extraordinarios. Unha ocasión única que sabemos será moi difícil repetir. Abriu María Manuela –tamén formidable ilustradora do libro– con «Erguerémo-la espranza», un dos poemas civicos de Longa noite de pedra. Fermoso o seu diálogo con Manolo Dopico, apoiado na firmeza das cordas da guitarra de Xurxo Varela e o violín de Nuria Lestegás. «Saúde a todos, compañeiros!» foi o retrouso que deu inicio a un concerto no que a emoción e a complicidade do público foron en incremento. Continuaron Xiana e Mero cun dúo inédito con «Eu en ti», un intenso poema de amor d’ O soño sulagado, musicado polo propio Mero. A interpretación de Xiana de «María Soliña» foi un dos momentos máis inesquecibles do serán; o arranxo de Xurxo Varela da versión de A. Paz Valverde é marabilloso. Outrosí sucede cos «Cantares» de María Manuela, un tema que ela arranxou ao xeito tradicional de Onde o mundo se chama Celanova, cun acompañamento de José L. do Pico á zanfona. A versión potentísima de «Irmaus», probablemente a peza estrela do disco, marcou outro momento de máxima emoción. O centenar de asistentes quedamos abraiados pola interpretación coral do himno de Mini, un dos temas esenciais na formación sentimental da nosa xeración de nacionalistas galegos. De bagoar. A seguir, «Moraima», versión de Suso Vaamonde do poema «Xaneiro 1972,II», recuperou a voz do íntimo doutro poema de amor de beleza desbordada. Xiana deixounos pampos coa súa versión de «Agardarei», con arranxos jazzísticos de Nani García, mellorando de lonxe a que fixera Batallán. Quedará para a nosa memoria a saída de Xosé Lastra para compañar(fachendoso) a Xiana no escenario. Todo o elenco no escenario bailou cos aires caribeños do derradeiro tema, «A mulata Coromoto», outro dos temas de Miguel Varela, o músico ferrolán ao que se lembrou en varias ocasións ao longo do concerto. Pagou moito a pena editar este traballo musical e literario no centenario de Ferreiro, cheo de matices e sutilezas. Un modelo do que entendemos é a edición estendida que precisa un momento como o actual. Se o público así o entende, pretendemos que teña continuidade o vindeiro ano con «A miña primeira Rosalía», con motivo da celebración do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos. Luís Ferreiro e máis eu baixamos cantando pola autoestrada máis contentos ca cucos. O de Teo foi moito. A próxima presentación d’ O meu primeiro Celso Emilio será o xoves, 9 de agosto, ás 21:15 horas, na Feira do Libro da Coruña. Avisados quedamos.

 

Artigos relacionados


Inauguración da cuarta tempada de “Poesía de OídAs” – Sesión de diciembre: Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario
O Circo Lírico do País dos Ananos
Celso Emilio, Romance Eleutoral do Cego de Trasmiras