1º Premio Celso Emilio Ferreiro de Poemas Musicados

Premio-Celso-emilio-2016_hz

A Fundación Celso Emilio Ferreiro (FUNCEF) entende que a expresión musical cumpre unha función clave no fomento e difusión da expresión poética en xeral e, nomeadamente, na divulgación do legado poético, de Celso Emilio Ferreiro cuxa obra foi reiteradamente musicada, nunha múltiple variedade de estilos, ao longo dos últimos cincuenta anos.

Por iso, convoca con carácter bianual o PREMIO CELSO EMILIO FERREIRO DE POEMAS MUSICADOS, co obxectivo de premiar a mellor canción con música orixinal e textos dun poema de Celso Emilio Ferreiro.

  • Bases do concurso

    A presente convocatoria estará regulada de acordo coas seguintes bases:

    Primeira
    Poderán concorrer ao certame todos os compositores e compositoras que o desexen, de forma individual ou agrupada, amateurs ou profesionais, sen ningún tipo de limitación pola súa procedencia ou formación. Só poderá ser presentada unha obra por autor, autora ou colectivo.

    Segunda
    As composicións consistirán en obras músico-vocais, nas que a letra sexa a totalidade ou parte dun poema de Celso Emilio Ferreiro e a música sexa unha creación orixinal do autor, autora ou colectivo, admitíndose calquera estilo musical.

    As composicións deberán ter sido publicadas ou postas á disposición do público, tanto por vías discográficas tradicionais coma en plataformas dixitais online, gratuítas ou de pago, entre o 30 de outubro do 2014 e o 30 de outubro do 2016. O xurado valorará especialmente a inexistencia doutras versións musicais sobre o poema escollido e a novidade na composición musical do mesmo de existiren outras musicacións anteriores.

    Así mesmo o xurado terá en conta a súa formulación estética global e as potencialidades futuras de divulgación da composición.

    As gravacións deberán estar libres de cargas económicas e o autor ou autora asegurará a orixinalidade da composición musical, debendo responder a título particular ante calquera demanda por motivos de plaxio.

    Terceira
    As letras dos temas musicais presentados terán que conter, como mínimo, oito versos dun poema. Con excepción dos poemas enteiros que conteñan menos dos versos requeridos, en ambos casos serán única e exclusivamente procedentes da obra poética de Celso Emilio Ferreiro. quedando excluídas automaticamente as cancións con outro tipo de textos poéticos ou non poéticos de diferente autoría.
    Serán admitidos igualmente os temas musicais orixinais sincronizados con imaxes e presentados en formato vídeo.

    Serán admitidos poemas de Celso Emilio Ferreiro traducidos e editados oficialmente noutras linguas.

    Cuarta
    Calquera composición ou poema que non reúna as condicións dos apartados anteriores poderá ser excluída do Certame.

    Quinta
    Establécese un único premio de 3.000 euros para a persoa gañadora do Certame, correndo por parte do gañador ou gañadora a liquidación dos impostos pertinentes. Quen resulte gañador non poderá presentarse novamente en solitario ou colectivamente ao certame por un período de dúas edicións.

    Sexta
    Para participar no Certame é preciso enviar a interpretación da peza musical en formato .mp3 en calidade alta, .wav, .aiff ou de tratarse de vídeos en formatos .mpeg, .avi ou .mp4.
    Para o envío habilitarase un formulario na web da Fundación desde o que se deberán cubrir os seguintes datos: pseudónimo do autor, autora ou grupo, o nome do grupo ou artista que o interpreta, o nome do tema musical e o título do poema de Celso Emilio Ferreiro, así como o teléfono e o e-mail de contacto, e tamén o médio ou plataforma onde foi publicada, xunto coa data de publicación.

    A dirección URL para consultar as bases do concurso e acceder ao formulario de rexistro é a seguinte: http://celsoemilioferreiro.org/premio

    Con respecto ás obras non galardonadas a FUNCEF garantirá o anonimato da autoría e a non difusión das obras presentadas. Tan só se publicitará o nome do autor ou autora, dos intérpretes e da obra gañadora.

    Sétima
    O prazo de recepción das obras finalizará o día 30 de outubro do 2016. O anuncio do veredicto do xurado darase a coñecer o día 20 de novembro de 2016 a través da páxina web www.celsoemilioferreiro.org. E o acto de entrega do premio será no transcurso da Feira Culturgal a celebrar en Pontevedra en decembro de 2016.

    Oitava
    Un xurado nomeado pola Fundación Celso Emilio Ferreiro, integrado por personalidades do mundo musical e poético, e encabezado pola súa Presidenta, outorgará o premio establecido na base quinta do Certame. Se na consideración do xurado non se acadase a calidade musical e estética desexada, o premio podería ser declarado deserto. A súa decisión será inapelable e terá a facultade de resolver calquera problema de interpretación das bases ou non previsto nestas.

    Novena
    A FUNCEF resérvase o dereito á libre disposición e uso non venal por calquera medio e sen limitación temporal da obra premiada.
    O autor ou autora da composición gañadora, pola aceptación destas bases, comprométese a ceder expresamente á FUNCEF os dereitos non exclusivos de reprodución, distribución e comunicación pública tanto da obra como da fixación da obra incorporada ao arquivo dixital enviado á FUNCEF para participar no concurso. A cesión establécese polo límite máximo que recolle a vixente lexislación sobre propiedade intelectual.
    O autor ou autora da composición gañadora comprométese expresamente, pola aceptación destas bases, á cesión de dereitos á FUNCEF recollida nesta cláusula é plenamente remunerada por medio da cantidade expresada como premio, sen que haxa posibilidade de reclamar cantidade económica ningunha á FUNCEF por este concepto.
    A FUNCEF non realizará uso algún a título lucrativo dos dereitos adquiridos en virtude da aceptación destas bases.
    A cesión realízase con carácter non exclusivo, polo que o autor ou autora non terá impedimento algún para negociar ulteriores cesións a terceiros, a título gratuíto ou oneroso, e nos termos que libremente decida pactar, sempre que permanezan salvagardados os dereitos adquiridos por FUNCEF en virtude da aceptación destas bases.

    Décima
    O feito de participar no Certame implica o coñecemento e a aceptación das bases e o resultado emitido polo xurado non poderá ser apelado nin recorrido.

    Undécima
    O xurado para a presente edición estará composto por:
    Raquel Ferreiro Llatas. En calidade de Presidenta e representando á FUNCEF
    Ramón Nicolás Rodríguez. En calidade de Secretario e representando á FUNCEF
    Manuel Bragado Rodriguez. Editor e representando á FUNCEF
    Lorena López Cobas. Musicóloga
    Juan Durán. Compositor
    Cristina Pato. Música
    Salvador García. Director de producción e emisións de Radio Vigo G.C. e responsable do proxecto MAKETON de Los40 Vigo


  • O Xurado

    O xurado para a presente edición estará composto por:

    Raquel Ferreiro Llatas. En calidade de Presidenta e representando á FUNCEF
    Ramón Nicolás Rodríguez. En calidade de Secretario e representando á FUNCEF
    Manuel Bragado Rodriguez. Editor e representando á FUNCEF
    Lorena López Cobas. Musicóloga
    Juan Durán. Compositor
    Cristina Pato. Música
    Salvador García. Director de producción e emisións de Radio Vigo G.C. e responsable do proxecto MAKETON de Los40 Vigo


  • Preguntas frecuentes

    Quen se pode presentar ao Certame? Farase pública a lista de participantes?
    Todos os compositores e compositoras que o desexen, de forma individual ou agrupada. A organización nunca fará pública a lista de participantes, só comunicará o nome da persoa ou colectivo gañador.

    Podo inscribirme se non son galego ou non vivo en Galicia?
    Claro que si, e tamén poderás presentar poemas traducidos oficialmente a outros idiomas.

    Podo participar sen ter ningún tipo de estudo, formación ou título musical?
    Non pedimos ningún requisito académico. Todas as propostas, tanto de profesionais coma de amateurs, son benvidas.

    Podo presentar dúas propostas: tanto a título individual coma membro dun colectivo?
    Si, podes facelo. E lembra que só poderá ser presentada unha obra por autor, autora ou colectivo.

    Podo enviar unha versión dunha canción xa existente?
    Si, aínda que valoramos máis que a música sexa orixinal.

    Podo gravar na casa?
    Non hai problema sempre que o resultado teña unha calidade profesional.

    Ata cando podo participar?
    Ata o día 30 de outubro do 2016, incluído.

    Podo subir a YouTube ou outras canles o vídeo ou audio?
    É condición para participar no Certame que o tema estea a disposición pública ben en formato disco ou nalgunha das redes sociais, incluída YouTube.

    Como presento a miña candidatura?
    Para presentarte tes que cubrir o formulario que se encontra nesta páxina (acceso máis abaixo) e envialo xunto co teu arquivo de audio ou link ao vídeo. No formulario poderás engadir tanto o link a un vídeo como un arquivo de audio en calquera das extensións permitidas (.wav, .aiff ou .mp3).

    Recibirei confirmación da aceptación da miña candidatura?
    Por suposto, recibirás un correo electrónico de confirmación no enderezo que indiques no formulario.

    Podo presentar unha canción coa que xa participara noutro concurso?
    Si, sempre que fora editada ou posta a disposición pública no período que abarca esta convocatoria.

    Cal é o premio?
    Hai un único premio de 3.000 euros, correndo por parte do gañador ou gañadora a liquidación dos impostos pertinentes se ten que facelo.

    Como saberei se gañei?
    O anuncio do veredicto do xurado darase a coñecer o día 20 de novembro de 2016 a través da páxina web www.celsoemilioferreiro.org e dos medios de comunicación.

    Podo participar en varias edicións?
    Si, claro, sempre que cumpras os requisitos. Só no caso de resultar gañador, terás que esperar duas edicións para volver participar.


  • Contacto

    Fundación Celso Emilio Ferreiro
    Avda. Castrelos 29-4º-B
    36210 Vigo
    España
    Email: funcef@fundacioncelsoemilioferreiro.es         Facebook        Twiter     

  • Formulario de participación

    O prazo expirou.