«Celanova é un alfa e omega na vida de Celso Emilio Ferreiro», Ramón Nicolás no Consello da Cultura Galega

Jun 6, 2012 editor de CEF novas

Vía Caderno da crítica:

 

Crónicas de la emigración incorpora unha colaboración de Rebeca Caride na que resume algunhas das ideas que desenvolvín na Xornada Celso Emilio Ferreiro que se celebrou hai uns días no Consello da Cultura Galega. Deixo aquí a súa versión en galego:

A actividade cultural e política de Celso Emilio Ferreiro centrou a conferencia que Ramón Nicolás, profesor de lingua e literatura galega, impartiu no marco da xornada organizada polo Arquivo da Emigración Galega para celebrar o centenario do nacemento do ilustre galeguista. Considerado por Xosé Manuel Núñez Seixas, coordinador deste encontro, como «o mellor coñecedor da vida de Ferreiro», Ramón Nicolás iniciou o seu relato en Celanova, a vila natal do insigne intelectual e que, segundo dixo, «é unha alfa e omega na súa vida».

Celso Emilio Ferreiro funda en 1932, xunto co seu amigo Xosé Velo, as ‘Mocedades Galeguistas de Celanova’  e, un ano máis tarde, segundo Ramón Nicolás, implícase na redacción do semanario ‘Adiante’, que só publica un número, e que lle serve para «comezar a fortalecer a súa voz pública». Ademais, participa na constitución da Federación de Mocedades Galeguistas, que celebra a súa primeira asemblea en maio de 1934 e nace co fin de «crear unha conciencia nacionalista no noso país». Así pois, encárgase de fomentar os estudos sobre historia, literatura e economía galega, construír unha biblioteca galega e promover a cultura da terra. É na segunda asemblea da Federación de Mocedades Galeguistas, que ten lugar en Ourense en 1935, cando Celso Emilio Ferreiro e Xosé Velo empezan a dominar os órganos executivos da  entidade. Nese momento, búscase «máis operatividade, resultados a curto prazo alimentados polo ideal nacionalista» e se «acentúan as posicións maximalistas», explicou Ramón Nicolás.
Cabe destacar que, uns meses despois, o intelectual galeguista é designado concelleiro de Celanova, cargo do que dimite porque non sentía o apoio da organización á que pertencía aínda que o que en realidade sucedía era que, segundo dixo o relator, «non» quería colaborar cos partidos estatalistas».  No terceiro encontro da entidade, celebrado en Ourense en maio de 1936, ambos os dous dirixentes abandonaron a Federación tras perder as eleccións. Despois de vivir en Ourense e Celanova, Ferreiro é destinado a Oviedo, onde vive como soldado do exército sublevado. Ao seu regreso a Galicia oposita á Fiscalía de Taxas e, entre 1941 e 1949, aséntase en Pontevedra, colaborando con diversas revistas e xornais. Nesta etapa comeza a relacionarse con células do Partido Comunista (PC) aínda que «con baixa intensidade», indicou Ramón Nicolás.

Ao mesmo tempo, Ferreiro continúa coa súa formación e logra o título de procurador dos tribunais. É entón cando se traslada a vivir a Vigo e inicia a súa actividade política na clandestinidade, aproximándose ao PC e participando no proxecto de creación da UPG, partido que se funda en xullo de 1964. A súa colaboración cos Cantos della nuova resistenza espagnola provoca que a policía lle poña cerco á súa vida política e vital o que, unido ás súas dificultades económicas, orixina que emigrase. Nese instante, explicou Ramón Nicolás, o ilustre intelectual «tiña idealizado o mundo da emigración». Tras ser expulsado da Irmandade Galega de Venezuela, declarou o experto, «non» perde «a idea de retornar, unha realidade que ve de preto da man de Felipe Armesto e de María Victoria Fernández España, os cales estudan a posibilidade de que traballe en ‘Tribuna Médica’, en Madrid». Durante a súa  estancia en Caracas, Celso Emilio Ferreiro «vive unha ausencia total de información da UPG» e, en 1974, dá por finalizada a súa relación coa agrupación. Catro anos máis tarde, ingresa no PSOE de Vigo, onde participa en reunións sobre o Estatuto de Autonomía e colabora na tradución ao galego do programa electoral do partido. Finalmente falece en agosto de 1979.

Artigos relacionados


Unha lectura persoal de Celso Emilio Ferreiro
Proseguen as celebracións arredor de Celso Emilio Ferreiro cunha nova web e cunha mostra interactiva
Colectivo “Celso Emilio Ferreiro” de New York