OS DUROS ANOS PONTEVEDRESES, A PRIMEIRA POSGUERRA
Celso Emilio Ferreiro oposita e gaña o posto de secretario e logo de xefe de Xustiza na Fiscalía de Taxas de Pontevedra, onde traballou entre 1941 e 1950. Esta será a época na que escribirá poemas, contos e artigos, integrarase intensamente na vida cultural da cidade e frecuentará os faladoiros do Carabela e do Imperial, entre outros.En 1941 publica o seu poemario castelán Al aire de tu vuelo, singular libro de noivado con poemas amorosos escritos dende 1938, moi influídos polos poetas da xeración do 27 española. Tamén en 1947, en Edicións Céltiga publica Bailadas, cantigas e donaires, poemas neopopularistas prologados por Bouza-Brey.
Colabora en Sonata Gallega (1944-1952), revista dirixida por Ramón Peña; nela consta desde o seu segundo número como coordinador das «Seleccións literarias».
Tamén é redactor xefe en Finisterre (1943-1946), revista dirixida por Emilio Canda. Escribe abondosas prosas no semanario pontevedrés Ciudad e noutros soportes como Mar, Guía Anuario de Pontevedra e Mensajes de Poesía de Vigo.
Entre setembro de 1948 e xullo de 1949, colabora coas emisións radiofónicas do Galician Programme da B.B.C. de Londres, que coordinaba Francisco Fernández del Riego.
En 1949, Celso Emilio é chamado por Sabino Torres Ferrer para que, xunto con Emilio Álvarez Negreira e Manuel Cuña Novás leven adiante a colección Benito Soto de poesía, primeira empresa editorial que daría a coñecer poemarios en galego na posguerra, entre eles Musa alemá (1951), escolma de quince poemas de poetas alemáns como Hölderlin, Dehmel, Rilke, Heine, Miegel e Werfel, traducidos por Antonio Blanco Freijeiro e versionados polo propio Celso Emilio.
- Laxeiro e Celso Emilio, licenciados despois de estar os dous na fronte de Asturias da Guerra Civil.
- Celso Emilio, de pé o segundo pola esquerda, con Moraima e cun grupo de amigos de vacacións en Sanxenxo en agosto de 1943.
- Celso Emilio, o primeiro pola esquerda, Filgueira Valverde, Pache, Luis María Iglesias Vilarelle, Juan Novoa e Ramón Peña na Festa dos Maios de 1945.
- Celso Emilio recibindo un premio de mans do seu admirado Aquilino Iglesia Alvariño en 1946.
- Xantar de homenaxe a Celso Emilio, sentado o segundo pola dereita, na súa marcha de Pontevedra. Está presente Sabino Torres, con el e con Manuel Cuña Novás fundara a colección de poesía Benito Soto. Pontevedra, 1950 (Foto Graña, Pontevedra).
- Fotografía de estudo realizada por Pacheco en Vigo, o 11 de abril de 1953.
- Con Xosé María Álvarez Blázquez nas Festas da Peregrina de 1958 (Foto Rodríguez, Pontevedra).
- Celso Emilio e Moraima cos seus fillos maiores, Luís e Xosé María, en 1954 (Foto José Tilve).







