”Fe, fe, ferrové, / ferrové, ferrovello”: VIGO
En outubro de 1949 obtén o título de procurador dos tribunais e en setembro de 1950 marcha a Vigo a exercer como tal. Na cidade olívica vai compaxinar o seu traballo de procurador co de accionista nunha oficina de seguros sociais primeiro e co de director dun obradoiro de fotogravado despois.Publica Voz y voto (1955), poemario social editado por Gráficas Numen de Vigo, aínda que polo seu carácter clandestino figúrase falsamente impreso na inventada colección Papel de Estraza da Editorial Rex de Montevideo.
Dá ao prelo O soño sulagado (1955), onde recolle trinta e unha composicións de diverso xénero, dende o intimismo saudoso da infancia pasando pola poesía reivindicativa ata cederlle espazos aos versos de orientación irónica ou sarcástica.
Publica Longa noite de pedra (1962), poemario co que se consagra como poeta, editado na colección Salnés que el mesmo codirixía con Emilio Álvarez Blázquez e Francisco Fernández del Riego para a Editorial Galaxia. Con esta obra Celso Emilio consagraríase como escritor, pois o seu recoñecemento foi unánime tanto por parte dos lectores coma da crítica. Con todo, a sona de Celso Emilio como poeta veulle dada, en parte, polas edicións bilingües do poemario realizadas por El Bardo, unha editorial catalá dirixida por José Batlló.
No eido do ensaio publica Curros Enríquez. Biografía (1954), publicado pola Editorial Moret e no que achegou numerosos datos ou informacións até daquela descoñecidas. Por outro lado, colabora adoito na revista viguesa Alba, da que chegou a formar parte do consello de redacción dende 1952, e mais en Aturuxo de Ferrol, na mexicana Vieiros e a revista mallorquina dirixida polo seu amigo Camilo José Cela, Papeles de Son Armadans.
Xa desde 1949 publica con certa asiduidade no xornal Faro de Vigo, onde mantivo diversas columnas ata o ano 1964. A máis coñecida foi a titulada «La jaula de los pájaros raros» que ademais ía ter unha publicación en libro independente, prologado por Camilo José Cela; proxecto que finalmente se fanou. En parte, este proxecto foi recuperado en 2005 no libro Semblanzas, crónicas e artigos: primeira compilación dunha parte fundamental da súa obra dispersa publicada nas páxinas de Faro de Vigo ao longo de case trinta anos, xunto cun novidoso conxunto de gorentosas e sorprendentes crónicas informativas sobre o Camiño Portugués, alén de diversos artigos nos que o autor de Celanova revela claves da súa vida e obra como os que se achegan aos seus lugares, á literatura, á sociedade do seu tempo, á política, á gastronomía, á cartomancia ou á visión peculiar que el gardaba do feito histórico, entre outros temas.
Ao tempo colabora noutros soportes: Litoral, Vida Gallega…, e en xornais como El Ideal Gallego, La Región de Ourense ou o Diario de Pontevedra.
Desenvolve unha intensa actividade cultural como demostra a súa participación no Congreso Internacional de Poesía en xullo de 1954; nas Conversacións Poéticas de Formentor en 1959; ou no Congreso Internacional de Etnografía de 1963 en Portugal. Ademais recibe galardóns literarios como nos II Xogos Florais da Asociación Cultural Santa Cecilia de Marín en agosto de 1962 e nos Xogos Florais de Ourense en xullo de 1963.
Politicamente prosegue co seu activismo político, tenteando a formación do P.C.G. Con todo, o 25 de xullo de 1964 xa se atopa entre os dez membros fundadores da Unión do Pobo Galego, á que pertencerá ata a súa ruptura definitiva en setembro de 1974.
En 1962 figuran inseridos na colectánea Canti della nuova resistenzaspagnola (1939-1962) catro cantigas e dous sonetos antifranquistas da súa autoría.
- Celso Emilio, sentado abaixo, o segundo pola esquerda, con Moraima e co poeta e debuxante Xosé Sesto, a esposa deste, Manuel Prego de Oliver e Emilio Álvarez Blázquez, na Praza da Quintana de Compostela, o 25 de xullo de 1955.
- Celso Emilio e Moraima na rúa do Príncipe en 1951, cando se instalan a vivir en Vigo (Foto Company, Vigo).
- A parella nunha festa do Casino de Vigo (Foto Ramón, Vigo).
- Xantar despois da cacería nos Ancares con Xosé María Castroviejo, con quen comparte xeración poética: a do 36. Celso Emilio é o primeiro pola esquerda.
- Cerimonia de imposición da Medalla de Salvamento de Náufragos a Celso Emilio na Comandancia de Mariña de Vigo, 7 de marzo de 1955. Entre os presentes está o seu irmán Pepe, Moraima e o seu fillo Luís.
- Felicitación de Aninovo coa efixie do propio Celso Emilio. Vigo, 1958.
- Baldomero Fernández e Celso Emilio, o segundo pola esquerda, entre outros amigos, fotografados por Eduardo Blanco Amor en Ourense.
- Celso Emilio, no centro, a principios dos 60 con Manuel María e Xosé Luís Méndez Ferrín. Os tres escritores, xunto con outros compañeiros, fundaran en 1964 a Unión do Pobo Galego (UPG).
- Con Moraima nas Conversacións Poéticas de Formentor, 1959.








