CARACAS: O DURO EXILIO
En ocasións disfrazada como “aventura migratoria” ou termos semellantes, a saída de Celso Emilio Ferreiro cara a América responde, na realidade, á única posibilidade que lle quedaba logo de sentir moi próximo o alento da persecución das forzas represivas do réxime franquista. Relátao moi diafanamente nunha carta persoal dirixida a Camilo Díaz que explica por que aceptou o posto de activista cultural no seo da Irmandade Galega de Caracas.Con todo, os seus amigos forman unha comisión organizadora para preparar unha grande homenaxe de despedida. Así reúnense Luís Soto e Xosé Luís Méndez Ferrín, en representación da U.P.G., con Xesús Alonso Montero, voceiro naquela xuntanza do P.C., e acordan aproveitar a convocatoria da comida-homenaxe de despedida para significar nela un importante acto de protesta diante da decisión do goberno de Franco de asolagar as fértiles veigas de Castrelo de Miño e Ventosela en favor dos proxectos de FENOSA.
O domingo 15 de maio de 1966 celébrase nos baixos do Hotel Roma de Ourense o xantar. Acoden a el douscentos cincuenta comensais, recibíndose mil duascentas cincuenta adhesións. Pronuncian discursos para a ocasión Ramón Otero Pedrayo, Antón Tovar, Eduardo Blanco Amor, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Emilio Álvarez Blázquez, entre outros.
Na Hermandad Gallega venezolana ocúpase da dirección, redacción e confección do periódico quincenal Irmandade, da dirección e orientación do Cine Clube da sociedade, da dirección e redacción da emisión radiofónica Sempre en Galicia e mais da dirección e orientación da Escola Castelao de primeiro ensino.
Funda e preside dende 1967 a Agrupación Nós, entidade que pretendía politizar nun sentido claramente nacionalista á Hermandad Gallega.
Pouco despois unha facción da Hermandad en sintonía cos desexos do embaixador de España en Venezuela acaba co labor dinamizador do poeta coa vitoria conseguida a través dunhas eleccións fraudulentas.
En xullo de 1968 recibe comunicación oficial da Hermandad da súa expulsión nunha carta coasinada polo presidente e o secretario xeral.
Comeza un percorrido laboral que o leva dun traballo a outro: profesor de gramática castelá nunha academia, corrector de probas na imprenta dun galego emigrado…, oficios que perderá rapidamente debido á persecución á que se ve sometido por parte dos directivos da Hermandad.
Obtén a cidadanía venezolana en marzo de 1969 e por mediación de Antidio Cabal logra en 1970 acceder ao posto de corrector de estilo no Gabinete de Prensa da Oficina Central de Información do entón presidente Rafael Caldera. Algúns directivos da Hermandad chegan a filtrar a xornais galegos a falsa noticia da súa morte e do seu fillo, que foi así anunciada por La Región o 25 de marzo de 1970. Como reacción, Celso Emilio publica Viaxe ao país dos ananos (1968), que na súa primeira parte constitúe un ataque a eses emigrantes enriquecidos e envilecidos.
Ese mesmo ano publica en Caracas Cantigas de escarnio e maldecir, asinado polo seu heterónimo satírico Arístides Silveira. Obra que gozará de continuidade en Os autentes (1973), significativamente subtitulada Novas cantigas de escarño, cun introito, sete gómitos e unha náusea final, folleto da autoría de Alexis Vainacova —outro dos seus pseudónimos— publicado ao chegar a España acaidamente por Ediciones Pirata.
Nesta liña publica en castelán, malia o título, Fóronse á puñeta (1973) —asinado co nome de Neskezas Cokhan Mordhe, editado polo selo Alén de Venezuela e xurdido como despedida sarcástica dos entón directivos saíntes da Hermandad—, amais do romance de cego Paco Pixiñas. Historia dun desleigado contada por il mesmo. Romance de Arístides Silveira cun limiar tirado dos proverbios do Conde de Vimioso (o Vello) e epílogo de Celso Emilio Ferreiro (1970), publicado en Ediciós do Castro por Isaac Díaz Pardo.
Pertence a este ciclo o libro de epitafios burlescos Cemiterio privado (1973), publicado por un grupo de mozos nacionalistas que levaban adiante Ediciós Roi Xordo en Xenebra.
Esta vea lírica incendiaria confirmou a Celso Emilio como o poeta de preferencia entre os cantautores que, como voces musicalmente contestatarias, comezaban a agromar en Galicia, tendo un papel destacado na chamada “Nova Canción Galega” o que contribuíu a difundir aínda máis a súa poesía.
Publica Terra de ningures en 1969 na colección Val de Lemos da editorial Xistral, que dirixía en Monforte o poeta Manuel María con poemas asinados e datados en diferentes países polos que viaxara.
En 1970 edita os “13 poemas iracundos y una canción inesperada”, separata da revista caraqueña Expediente, no 2, setembro 1970, publicación trimestral dirixida por Antidio Cabal. Gaña o IV Premio Internacional de Poesía Álamo de Salamanca que publica Antipoemas, pero sen dez composicións mutiladas. Celso Emilio publicará os dez poemas «expurgados» autoeditando en Caracas ese mesmo ano a carpeta Poemas prohibidos. Diez poemas no incluidos en el libro «Antipoemas» por causas no imputables a la voluntad del autor.
Publica o libro de relatos A fronteira infinda, en Edicións Castrelos de Vigo na colección O Moucho en 1972, incluíndo aquí elementos de filiación autobiográfica.
Desenvolve unha salientable actividade política en Caracas no seo da UPG como responsable da Secretaría de Relacións Exteriores deste partido, publicando durante un tempo o Terra e tempo. Asemade establece contactos co Consello de Galiza en Bos Aires solicitando unha credencial que o avalase como persoa autorizada para nuclear e coordinar unha delegación de tal organismo en Venezuela, credencial que lle sería concedida.
Nestes anos, nos Xogos Florais do Idioma Galego de Bos Aires de 1968, gaña o Premio Rosalía de Castro ao mellor «Canto á muller galega» polo seu poema «Miña Matria Galiza». Nos I Jogos Florais Minho-Galaicos de Guimarães de 1970 resultará gañador na modalidade de poesía e da de narrativa.
- Baldomero Fernández, José Seijo, Jesús López e Celso Emilio, o terceiro pola esquerda, na súa chegada a La Guaira, entrada marítima de Venezuela, no Santa María en xuño de 1966.
- Celso Emilio, o segundo pola esquerda, co seu amigo, o poeta e debuxante Xosé Sesto, a súa dona Charo e Jaime Sesto, na praia da baía de Cata. Caracas, 1966.
- Entrega de premios en 1967 na Hermandad Gallega de Caracas, onde Celso Emilio exercía o cargo de director de Cultura, responsable da publicación Irmandade, o programa de radio e a Escola Castelao.
- De vacacións con Moraima nos Andes venezolanos (Santo Domingo), en agosto de 1968.
- Celso Emilio, o segundo pola dereita, co ex vicepresidente de Venezuela, José Vicente Rangel, e o secretario do Partido Comunista Español de Venezuela en aquela época, Manuel Gallego. Caracas, 1969.
- Na biblioteca da súa casa de Caracas en 1970 acompañado por Xulio Formoso, xornalista e daquela xefe de prensa do Ministerio de Minas de Venezuela. O seu fillo musicaría o poema de Celso Emilio O dedo na chaga.
- Na súa casa de Caracas en 1970 co comandante Soutomaior, quen dirixiu o secuestro do buque Santa María como protesta contra as dictaduras española e portuguesa.
- Celso Emilio, o primeiro pola dereita, con Joaquín Marta Sosa e co poeta Pedro Francisco Lizardo, ollando a primeira edición de Longa noite de pedra. Caracas, 1971.
- A familia Ferreiro na despedida de Venezuela. La Guaira, 5 de maio de 1973.








