“Celso Emilio no Ateneo”, por Salvador García-Bodaño

Jan 22, 2012 editor de CEF novas

O 22 de xaneiro de 2012 o académico da RAG e poeta Salvador García-Bodaño publica nas páxinas de Opinión de El Correo Gallego o seguinte artigo:

DE VERDADEIRO ABARROTE -con ampla presenza estudantil- cabería cualificar a concorrida asistencia  á recente sesión de Os Luns do Ateneo, celebrada como de costume ás oito da tarde no auditorio da Fundación Caixanovagalicia Claudio San Martín (onde, por certo, acaba de ter lugar a presentación do último libro da escritora Otilia Seijas, Los amigos lejanos, á que me foi imposíbel asistir por cuestións médicas) sobre o soar no que tivo asento o antigo casal do pozo na compostelá Rúa do Vilar. O Ateneo de Santiago iniciaba así o ciclo correspondente a este curso cun acto literario dedicado á conmemoración do primeiro centenario do nacemento, en Celanova, do ilustre e influínte poeta Celso Emilio Ferreiro.

O 11 de outubro último o Parlamento galego reunido en sesión plenaria, e logo de debater unha meritoria iniciativa do PPdeG, acordou por unanimidade instar á Xunta de Galicia a que se declarase o 2012 como Ano de Celso Emilio Ferreiro e de tal xeito se determinou, “acompañando a declaración con actuacións de promoción e difusión da súa obra literaria e buscando a implicación das diferentes institucións públicas e culturais”. Entre as entidades culturais de carácter privado e sen ánimo de lucro, o Ateneo de Santiago (dende a súa Sección de Arte, Educación e Cultura, dirixida polo dramaturgo Euloxío R. Ruibal) quixo ser o primeiro en abrir este tempo de celebración coa conferencia “Celso Emilio Ferreiro: unha revisión no centenario do nacemento”, impartida polo profesor de lingua e literatura galega, ensaísta e crítico literario Ramón Nicolás (patrón da Fundación Celso Emilio Ferreiro), presentado pola profesora Pilar Sampedro.

Tal como se nos adiantou na exposición de Ramón Nicolás (precursora da próxima edición dunha esperada biografía do poeta que aparecerá en Xerais nun prazo arredor dos meses de marzo-abril) o obxectivo que persegue na súa achega é asediar a figura de CEF dende unha tripla perspectiva: a) afondar nas dimensións máis puramente vitais e que se relacionan co seu  perfil humano; b) subliñar algúns aspectos pouco divulgados arredor da súa traxectoria literaria; c) clarexar os pasos que deu no que atinxe á súa militancia política ao longo da súa vida. Todo isto fágoo -dinos o autor- acudindo á memoria de moitas persoas que o coñeceron, aos estudos e análises publicadas até agora e consultando fondos bibliográficos, hemerográficos e mais aqueles que se conservan no arquivo familiar; dentro deles a consulta do epistolario conservado permite botar luz sobre as relacións persoais que mantivo con persoas que foron moi próximas como Luís Soto, Xosé María Álvarez Blázquez, Alonso Montero, Manuel María, Neira Vilas ou Méndez Ferrín. Rematada a interesante conferencia, en troques do habitual coloquio, ademais dun breve texto do sindicalista Xesús R. Abuín, leron composicións do poeta celebrado Lucrecia Carril (de Ditea),  Xosé Ramón Pousa e Francisco Candela, porque o avanzado da hora impediu continuar coa lectura. (…)

 

Artigos relacionados


Inauguración da cuarta tempada de “Poesía de OídAs” – Sesión de diciembre: Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario
“Longa noite de pedra”, en finés
Celso Emilio, Monólogo do vello traballador interpretado polo Grupo RAIBA