Unha pintada no Mosteiro, por Iria Ameixeiras

Mar 27, 2012 editor de CEF novas

Letra en obras incorpora este artigo de Iria Ameixeiras arredor da pintada publicitaria do Adiante en Celanova. Reprodúcese a continuación:

 

Recomendo para ler este artigo escoitar L’Avvelenata, de Francesco Guccini.

Leváronas coma quen rouba mazás na casa dun cura. Coa certeza de que lle pertencían. Era 1997 e aínda as mordazas, xa gardadas en caixóns, tiñan fresca a saliva dos últimos días do réxime de silencio. Por iso, quero pensar, cando se fixo a restauración das vidreiras da igrexa románica de Moraime, en Muxía, ninguén alzou a voz. Aínda que non volveran a aparecer. Aínda que se descoñecera a súa importancia. Aínda que detrás da rehabilitación estivera o panóptico xigante de San Caetano. É parte do noso temperamento aletargado. Deixarnos calar e usar o somier de cancela.

Cincuenta e catro anos antes, alguén pintou unha mensaxe nas paredes do Mosteiro de Celanova. A pintada ten o amén de Xosé Luís Méndez Ferrín e a virtude de sobrevivir á lixivia do franquismo. “Adiante, Semanario”, di en letra negra. Durante anos a súa existencia foi un misterio. Ninguén vira número algún daquel semanario das Mocidades Galeguistas de Celanova en tempos da II República. E, mentres, a pintada continuaba impasible e rebelde, pero diminuta na inmensidade das mesmas paredes que retiveron a Celso Emilio durante tres días nunha gaiola de pedra. Unha cuncha de ovo empedrada na que se agocharan os libros prohibidos do medievo e á que só se accede desde o balcón que dá á capela mozárabe de San Miguel. Pero hai dous anos, Chon Fernández rebeirando nunha gabeta na súa casa en Celanova deu con aquela publicación pantasma de xaneiro de 1933. No seu haber de formato berliner conta coa sinatura de Celso Emilio, pero tamén coa de Otero Pedrayo, Filgueira Valverde, Xosé Velo, Martínez Doval, Vicente Risco ou Florentino López Cuevillas. Grazas á Fabrica de Chocolates ou ao Gran Café Club, que anunciaban a berros de tinta calefacción central e radios philips, “Adiante” saíu dese gran prelo que era Celanova. Os artigos de opinión son unha ofrenda aos galegos, para se espeliren. Case cen anos despois, as reivindicación mantéñense intactas, camufladas en bandeiras das que escapan os paseantes por pensar que están aí para marcar territorio. Coma se os seus himnos fosen un código morse incomprensible.

Agora a Fundación Curros Enríquez reparte os facsímiles coma unha beizón, propagando a súa recuperación coa esperanza de que se volva contaxioso, na Costa da Morte, por exemplo. Nas liñas á mocidade faise un reclamo do labor de Ultreya e da lucidez das vontades. Coma o facho de luz dun faro que se apaga por veces. Bo é que na súa intermitencia cansiña, as desafeccións convértense nun intenso sentimento de noxo, que, coma as pintadas en pedra dun home polémico na súa relación coa guerra e a política, pero comprometido na súa poesía carnívora, expón a súa queixa eterna á “Galiza do mouro caciquismo- en que o Galego é lobo do Galego”, para rematar unha vez máis implorando. “Irmáns: Os tempos son chegados”.

Artigos relacionados


Celso Emilio, “Derradeira vontade de Fuco Buxán”, cantado por Suso Vaamonde
Exposición conmemorativa dos 50 anos da publicación de Longa noite de pedra
Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro na inauguración do Local da SAF