‘Sei que fixen un contrato de por vida con Celso Emilio’

Oct 1, 2012 editor de CEF novas

Atlántico Diario 29-09-2012

Onte, Ramón Nicolás presentou o seu libro nun emotivo acto na galería JT Photogallery, en Abelereira Menéndez. Labregos do Tempo dos Sputniks amosaron a musicalidade dos versos de Celso Emilio. Os seus fillos tamén deron testemuña: Luis, falando do seu pai e Isabel recitando algúns dos seus poemas.

Máis de 600 páxinas dun achegamento á figura de Celso Emilio Ferreiro tanto dende o punto de vista persoal coma literario son o resultado de anos de investigación e estudo que convirten por dereito propio ao seu autor Ramón Nicolás no biógrafo do de Celanova: ‘Sei que fixen un contrato de por vida con Celso Emilio e que dende agora a miña actividade vai estar vencellada a el, o que para min supón un orgullo’, recoñece o filólogo vigués, quen descarta que a súa sexa a definitiva: ‘É unha obra aberta e colectiva porque a conforman moitas voces que falan de Celso Emilio, a miña só pon orde’.
Para Nicolás, non houbo espazo para analizar polo miudo as súas colaboracións xornalísticas, a producción poética perante a guerra ou textos como o libro de poemas nos que traballaba cando morreu ou o seu caderno de pensamentos: ‘Só puiden aludir a eles nun pé de páxina, pero son aspectos pendentes, polo que a miña aportación é un paso máis no coñecemento desde autor’.

A publicación de ‘Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro’ coincide conscientemente coa celebración do centenario do seu nacimento e co 50 aniversario da edición de ‘Longa noite de pedra’, o seu poemario máis coñecido.
‘Non pretendo facerlle xustiza, vénselle facendo dende hai anos, xa que é un dos poetas máis lidos das letras galegas; é unha das grandes figuras do século XX e xa se considera un auténtico clásico’. Despois de anos adicados ao seu estudo, destaca de Celso Emilio o ‘seu perfil vitalista, a súa alegría de vivir, o enorme sentido que tiña da fidelidade e a súa convicción, pero tamén a súa humildade’. A súa importancia no mundo das letras, dende unha producción reivindicativa, pero tamén dende versos amorosos, queda para Nicolás demostrada día tras día ‘en como o descubre o alumnado de hoxe e segue atopándoo de actualidade’.

 

 

Artigos relacionados


La taberna del Galo
Celso Emilio, Derradeira vontade de Fuco Buxán
Eiquí será, poema de Celso Emilio cantado por Miguel Ángel Gómez Naharro