Exposición interactiva no IES Lauro Olmo de Valdeorras sobre Celso Emilio Ferreiro

Dec 6, 2012 editor de CEF novas

05-12-2012,El Correo Gallego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva ao IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras unha exposición interactiva sobre a vida e a obra de Celso Emilio Ferreiro. A mostra, que estará no centro valdeorrés ata o vindeiro 12 de decembro, enmárcase dentro das actividades programadas pola Xunta para conmemorar o Ano Celso Emilio Ferreiro, declarado polo Parlamento de Galicia con motivo do centenario do nacemento do poeta.
Con esta mostra, os estudantes poderán achegarse ao poeta de Celanova a través dun formato interactivo e anovador que inclúe imaxes, poemas musicados, audiovisuais, xogos interactivos e mesmo gravacións sonoras co recitado de Celso Emilio Ferreiro. Ademais, xunto coa instalación multimedia, tamén se exhiben algúns dos seus obxectos persoais, entre os que se inclúen pezas significativas como unhas lentes, a súa máquina de escribir e unha cámara fotográfica.
Esta mostra interactiva, que está percorrendo centros educativos das catro provincias galegas, chegará proximamente ao IES de Celanova, na propia vila natal do autor, última parada da itinerancia que se levou a cabo 2012.
Un enfoque interactivo e lúdico para achegarse a Celso Emilio .Moitos dos contidos están accesibles vía web na páxina oficial do escritor, http://celsoemilioferreiro.org/, que puxeron en marcha este ano a Xunta de Galicia e a Fundación Celso Emilio Ferreiro.

No seu obxectivo de achegarlle a obra de Celso Emilio Ferreiro ao alumnado galego, a Secretaría Xeral de Cultura tamén promoveu a realización de dúas unidades didácticas interactivas sobre o poeta adaptadas aos niveis de primaria e secundaria. Ambas están dispoñibles no espazo Abalar da Consellería de Cultura e Educación, en http://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/espazos/recursos. 

A superación dos diferentes retos en forma de dameiros, chuvias de palabras e cuestionarios permítenlle ao alumno ir sumando puntuación como elemento de motivación para superar novas probas. No desenvolvemento destas actividades os participantes acceden a fotografías do autor, os seus textos orixinais e mesmo á voz de Celso Emilio recitando os poemas da súa autoría.

 

 

Artigos relacionados


Inauguración da cuarta tempada de “Poesía de OídAs” – Sesión de diciembre: Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario
O Concerto-Homenaxe a Celso Emilio celebraráse o día 26 de Xuño do 2012 en Vigo
Celso Emilio, “Derradeira vontade de Fuco Buxán”, cantado por Suso Vaamonde