12-01-2013,Concello de Lalin
Anunciouno o alcalde, José Crespo, no transcurso da inauguración da exposición interactiva multimedia en homenaxe ao poeta celanovés, que tivo lugar no Auditorio, e á que asistiron os secretarios xerais de Cultura, Anxo Lorenzo, e de Política Lingüística, Valentín García, ademais dos concelleiros María Álvarez e Manuel González Aller
Abrindo os actos de homenaxe do Concello de Lalín a Celso Emilio Ferreiro, onte tivo lugar no Auditorio lalinense a inauguración da exposición interactiva multimedia sobre este destacado poeta, escritor e galeguista con motivo do seu centenario. Unha mostra que incorpora obxectos persoais, fotos, poemas musicados, narraccións de poesías coa propia voz de Ferreiro, e na que estiveron presentes o alcalde de Lalín, José Crespo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e os edís María Álvarez e Manuel González Aller. Participaron nela ao redor dun público conformado por 60 persoas, procedentes de centros educativos e do mundo artístico da comarca.
Crespo destacou a especial vinculación que Celso Emilio Ferreiro tivo con Lalín, xa que foi amigo de Laxeiro, degustou cocido con Castroviejo e foi pregoeiro da Feira do Cocido en 1978, un pregón do que se conserva copia e que “se nota que o preparou”. Por este especial arraigo do poeta celanavés con Lalín, Crespo anunciou que ao longo deste ano se lle dedicará unha rúa ou un espazo público: “Celso Emilio Ferreiro terá un recuncho en Lalín, KM0 de Galicia, a modo de recoñecemento á traxectora deste gran poeta”.
Valentín García tamén abondou na relación de Ferreiro con Lalín, especialmente con Laxeiro e co escritor Ramón de Valenzuela e Anxo Lorenzo subliñou que en 2012 non acaba o ano de Celso Emilio, continúa para seguir poñendo en valor a súa obra.