A Conselleria de Cultura e Educación, a través da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, realiza un intercambio documental coa Fundación Celso Emilio Ferreiro

Mar 8, 2013 editor de CEF novas

7 de marzo de 2013,Iria Flavia (Coruña)

As entidades intercambian en copia dixital os fondos correspondentes á intensa relación que ambos escritores mantiveron.

Trátase de máis de 170 cartas cruzadas e diverso material relativo á revista de creación literaria “Papeles de Son Armadans”, fundada e dirixida por Cela de 1956 a 1979 e na que colaborou activamente Celso Emilio Ferreiro

.– A Fundación Pública Galega Camilo José Cela e a Fundación Celso Emilio Ferreiro veñen de realizar un importante intercambio documental que permitirá a estudosos e investigadores destes dous grandes escritores galegos o acceso ao fondo documental conxunto que se conservaba en ambas fundacións.

Deste xeito, póñense a disposición da comunidade científica máis de 170 cartas e documentos que amosan a intensa relación literaria e profunda amizade que uniu ao premio Nobel padronés e ao poeta de Celanova dende finais dos 40 ate o falecemento do segundo en 1979. Unha relación que se consolidou nos anos 50 a raíz da continua colaboración do poeta na revista de creación literaria Papeles de Son Armadans (fundada e dirixida por Cela entre 1956 e 1979) e por mor da participación de Celso Emilio nas Conversaciones poéticas de Formentor organizadas tamén por Cela en 1959.

Referencias persoais, anécdotas e expresións de profundo amor a Galicia impregnan esta relación epistolar que, sen dúbida, sorprenderá a moitos, pero que non deixa de ser unha mostra máis da enorme personalidade destes dous clásicos.

Dende ambas institucións quérese salientar que este é o primeiro banzo dunha liña de traballo conxunto en prol do fomento da obra de Cela e Ferreiro, á procura dun beneficio mutuo na difusión do traballo de ambos creadores.

 

 

Artigos relacionados


Celso Emilio Ferreiro no Clube de Lectura de Silleda
La campaña sobre Celso Emilio Ferreiro llega a Burela
«Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro», a esperada biografía de Celso Emilio Ferreiro, xa está nas librarías