Budiño e Luis Tosar cantan a Celso Emilio


05-12-2013

BUDIÑO E LUIS TOSAR – Hoxe Canto en Libertá

Música: BUDIÑO
Voz:     LUIS TOSAR
Letra:   CELSO EMILIO FERREIRO
Gravación incluída no disco SOTAQUE de BUDIÑO

A letra desta canción contén dous poemas de Celso Emilio Ferreiro:

PREMER/PULSAR

SPIRITUAL

Cicais mañá
cando a miña mirada
non abrolle na luz
como cativa mapoula de auga,
veña a soedade.
Pero hoxe canto en libertá
e mentras canto
non estou isolado,
que o corazón vai comigo
e con il falo.
Beberei a paisaxe
nun amencer de lirios.
As campanas do mar
nos ventos fuxidíos.
Cada intre un paxaro,
cada pulso un latexo.
Unha espada de chuvia
cortando a frol do vento.
Nin as olladas torvas,
nin os beizos esquivos,
nin as voces nemigas
nin os homes cativos.
Vivirei coma o lume
alcendido na noite.
Terei cumios de estrelas,
cantarei para os homes.
Estou comigo mesmo.
O corazón é quen manda,
i eu obedezo.

TÍ E MAIS EU

(Non falemos dos bobos
que tódolo adeprenden nos libros.
Non falemos dos parvos
con cara de domingo;
nin dos sapientes memos,
nin dos túzaros listos,
nin do eterno mal gusto
dos probes novos ricos).
Falemos de tí e min
xa que vivimos.
Tí i eu nos ventos
e nos solsticios.
Tí i eu nos bosques
e nos ríos.
Tí i eu, historia
de corpos nidios.
Tí i eu, saudade
de álbores íntimos.
Tí i eu sin tempo
polo tempo que imos.
Tí i eu cantando,
chorando e rindo.


Artigos relacionados


Un espazo violeta. Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, artigo de Xavier Castro
OS DIPLOMÁTICOS DE MONTE ALTO, Deitado Frente ao Mar
Luís Ferreiro, Presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro, en Zig Zag Diario, TVG, emisión do 30 de xaneiro de 2012