Cronoloxía literaria

1936
Publica o orixinal proxecto, concibido con Xosé Velo, do Cartafol de poesía (Edición de autor), conxunto de poemas que os autores remitían desde Celanova a persoas interesadas na poesía.

1941
Edita o seu libro de poemas en castelán  Al aire de tu vuelo. (Edición de autor)

1947
Publica Bailadas, cantigas y donaires en Edicións Céltiga, un conxunto de poemas neopopularistas prologados por Fermín Bouza-Brey y portada de Ramón Peña.

1951
Aparece Musa alemá na colección Benito Soto, escolma de 15 poemas de autores alemáns versionados por Celso Emilio.

1954
No terreo do ensaio publica Curros Enríquez. Biografía na Editorial Moret.

1955
Dá ao prelo O soño sulagado na Colección Alba. Este ano tamén ve a luz Voz y voto nas Gráficas Numen de Vigo.

1962
Publica na Colección Salnés,a obra Longa noite de pedra, coa que se consagra definitivamente coma poeta.

1968
Este ano aparecen Viaxe ao país dos ananos na Editorial Ciencia Nueva (El Bardo) e mais Cantigas de escarnio e maldecir (NÓS,Caracas), asinada polo seu heterónimo satírico Arístides Silveira.

1969
Dá a coñecer Terra de ningures na colección Val de Lemos da editorial Xistral, dirixida en Monforte por Manuel María.

1970
Edita os “13 poemas iracundos y una canción inesperada”, separata da revista caraqueña Expediente, como adianto editorial da súa obra Antipoemas.

1971
Envía a tradución ao castelán destes antipoemas ao IV Premio Internacional de Poesía Álamo de Salamanca e resulta gañador.

1972
No momento de ser impresa a obra premiada, os editores censuraron sen permiso do autor dez poemas. Como resposta, Ferreiro publicou en Venezuela unha separata co título “Poemas prohibidos. Diez poemas no incluidos en el libro ANTIPOEMAS por causas no imputables a la voluntad del autor”. Ademais, ese mesmo ano ve a luz o libro de relatos A fronteira infinda e mais Autoescolha poética (1954-1972).

1973
Publica Os autentes, asinado co nome de Alexis Vainacova, e mais Fóronse á puñeta -co nome de Neskezas Cokhan Mordhe-(Edición de autor), e o libro de epitafios burlescos Cimenterio privado en Edicións Roi Xordo (Xenevra).

1975
Ve a luz Onde o mundo se chama Celanova en edición bilingüe, así como a obra Al César enano, recompilación asinada baixo o pseudónimo de Stow Kiwotto Lumen que recolle unha ducia de versos antifranquistas do poeta escritos entre 1961 e o momento da súa publicación.

1976
Premio da Crítica de Poesía Galega pola obra Onde o mundo se chama Celanova na Editora Nacional. Edita tamén El Alcalde y otros cuentos con Ediciones Júcar.

1977
Publica Curros Enríquez: Obra poética completa e mais a súa propia Antología bilingüe para Plaza y Janés de Barcelona.

1978
Dá a coñecer en Ediciós Castrelos A taberna do Galo.

1979
Postumamente aparece O libro dos homenaxes en Akal Editor, do que entregara o seu orixinal ao seu amigo Xesús Alonso Montero oito días antes de falecer.