1912-1936 Celanova

1912-1936 1936-1940 1940-1950 1950-1966 1966-1973 1973-1979

A FORMACIÓN

Celanova ten un vento,
Celanova un vento ten,
un vento peleriñante,
un vento que vai e ven.

Nace Celso Emilio o día catro de xaneiro de 1912 en Celanova, vila que constituirá un elemento axial na súa produción literaria. As longas tempadas que pasaría en Acevedo do Río, nunha magnífica casa familiar que contaba cunha curtidoría tradicional e numerosas terras, marcará tamén a súa memoria da infancia, xunto co ambiente progresista e galeguista no que alentará os seus primeiros anos, pois seu pai pertencera ás Irmandades da Fala.

Realiza os seus primeiros estudos cos Escolapios en Celanova e axiña vai asumir dous elementos que marcarán o seu carácter: a escrita e o compromiso ideolóxico e político. Comezará a manter contacto cos galeguistas ourensáns: Risco, Otero… e ao tempo principia coas súas primeiras actividades políticas en Celanova, fundando, con Xosé Velo Mosquera, as Mocedades Galeguistas do distrito de Celanova, será secretario de organización do conxunto das Federación das Mocedades e dirixirá Guieiro. Outavoz patriótico da F.M.G. Algúns textos políticos que asinou aí conlevan un proceso xudicial que finalmente quedaría sen efecto. Durante un curto espazo de tempo exerce como concelleiro nacionalista na corporación municipal de Celanova.

Asina, tamén, os seus primeiros poemas en Heraldo de Galicia e xunto con Xosé Velo concibe o Cartafol de poesía: poemas que enviaban desde Celanova a persoas interesadas na poesía.

Poema relacionado: Modestia fora

Nacín (modestia fora)
nun lugar onde o mundo
se chama Celanova.

Moitas vegadas
a miña nai contóumo.
O día que ti naciche
houbo estranas sinales no ceo.
Outo era entón o vento de xaneiro,
as pombas do solpor tornaban lentas
na serán sosegada.
Arpas invisíbeles,
penduradas das torres centinelas,
mentían un rumor de frautas doces.
Cando chegóu a noite envolta en nardos
coutóu a derradeira luz do día
que aguniaba alá lonxe
como brasa mortiza dun rescaldo.

(Como brasa mortiza
ten sido a miña vida,

como brasa mortiza dun rescaldo.
Por eso vivo coa angueira
de non saber si son lume
ou si son somente fume
dunha remota fogueira.)

Poema relacionado: Alma da terra

Lonxana Celanova vinculeira,
torre ebúrnea da miña mocedade,
cando te lembro sai da súa toqueira
coma un furón de soños, a saudade.

Unha chuvia monótona e tristeira
cai decote na miña intimidade,
e sinto que unha sombra silandeira,
coma un solpor o meu esprito invade.

Quero voltar a ti, nai garimosa,
colo natal, arxila rumorosa,
pra acalar esta anguria que me berra

dende o fondo da noite estrelecida,
pedindo amor, pregando fe de vida
pra ser eternamente alma da terra.