O Parlamento de Galicia aprobou o 11 de outubro por unanimidade unha iniciativa do PP que declara o 2012 como ano Celso Emilio Ferreiro, coincidindo co centenario do seu nacemento.

A iniciativa destaca o labor desenvolvido polo poeta como renovador da literatura galega, así como a súa actividade política e literaria “de compromiso con Galicia e defensa das liberdades democráticas”.

A declaración do Parlamento incluirá actuacións de difusión da súa biografía e obra e procurará a implicación de institucións públicas na conmemoración do centenario.

Ver o documento

Caracas adiántase á celebración do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro no 2012 dándolle o nome do poeta a unha rúa da capital.

A Alcaldía de Caracas aprobou o cambio de nome da cuarta transversal de Maripérez, rúa onde residiu o poeta durante a súa etapa venezolana, polo de cuarta transversal Celso Emilio Ferreiro Míguez.

A Fundación Celso Emilio Ferreiro ve así cumprido este obxectivo polo que comezou a loitar no ano 2009 e que contou co informe favorable do cronista da capital caraqueña, quen considerou a decisión do cambio de nome “plenamente xustificada, non só en atención á traxectoria literaria do poeta Ferreiro Míguez, senón que, ao propio tempo, coñecemos o compromiso social e político que acompañou a este insigne poeta ao longo de toda a súa prolífica vida”.