Celso Emilio xa ten rúa en Caracas
Caracas adiántase á celebración do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro no 2012 dándolle o nome do poeta a unha rúa da capital.
A Alcaldía de Caracas aprobou o cambio de nome da cuarta transversal de Maripérez, rúa onde residiu o poeta durante a súa etapa venezolana, polo de cuarta transversal Celso Emilio Ferreiro Míguez.
A Fundación Celso Emilio Ferreiro ve así cumprido este obxectivo polo que comezou a loitar no ano 2009 e que contou co informe favorable do cronista da capital caraqueña, quen considerou a decisión do cambio de nome “plenamente xustificada, non só en atención á traxectoria literaria do poeta Ferreiro Míguez, senón que, ao propio tempo, coñecemos o compromiso social e político que acompañou a este insigne poeta ao longo de toda a súa prolífica vida”.