O centenario de Celso Emilio reclama a súa condición de poeta popular
O escritor de Celanova aínda conserva con orgullo o recoñecemento popular cen anos despois de nacer.
CAMILO FRANCO santiago / la voz 18 de febrero de 2012
Celso Emilio Ferreiro volverá ás rúas ao longo de 2012. Rúas, casas, escaparates e escenarios serán, ademais dos académicos, espazos de celebración para un escritor que aínda conserva con orgullo o recoñecemento popular cen anos despois de nacer en Celanova.
Un conxunto de institucións culturais galegas presentaron as liñas xerais das conmemoracións que lembrarán este centenario, poñendo de manifesto o procedemento de cooperación para a organización das actividades e a vixencia absoluta da figura e da obra de Celso Emilio Ferreiro e das súas reivindicacións.
Ata oito institucións presentaron este arranque do centenario ferreiriano. Ademais de Cultura, a Real Academia, o Consello da Cultura, o Concello de Celanova, o Pen Clube de Galicia, Política Lingüística, e a fundación que leva o nome do autor de Longa noite de pedra aportarán distintas actividades para conformar un calendario que non deixe fóra ningunha das facetas do escritor e que ligue co carácter universal que o autor ten.
Entre as primeiras iniciativas que xa están en marcha cóntase a páxina web celsoemilioferreiro.org, que, segundo o seu fillo, Luís Ferreiro, «recolle toda a información segmentada nas súas etapas vitais, incluíndo material gráfico». Nesta web tamén se ofrecerá información sobre todas as actividades deste centenario e do cincuentenario da edición de Longa noite de pedra.
Entre as actividades anunciadas figura unha iniciativa de ler versos do escritor en casas de rúas de Galicia que leven o nome de escritor, unha iniciativa á que poden sumarse os veciños que o desexen en cada unha das poboacións. No mesmo sentido, versos e textos de Ferreiro están presentes xa en escaparates de comercios de Celanova e en espazos públicos da vila.