Sempre Celso Emilio

Mar 12, 2012 editor de CEF novas

Desde a sección de opinión “Agora xa foi”, que mantén en El Correo Gallego desde hai anos o poeta, narrador e profesor Vicente Araguas, publica este interesante artigo baixo título “Sempre Celso Emilio”

 

 

Non preciso de efemérede ningunha, aínda que sexa tan xubilosa como a do centenario do seu nacemento, para loar a un escritor. Sobre todo cando este foi amigo, e de algunha maneira mentor, e a maiores siga gañando batallas despois de morto. E iso por máis que algúns “rompipalle”, abeirados no anonimato blogueiro, lembren que cando a guerra Celso Emilio escrbira un poema de “exaltación patriótica”. Que xa son gañas, o de andar remexendo nesas historias, cando o autor de Longa noite de pedra, por exemplo, que é o que de verdade conta, xa non é que redimise con este libro calquera conto pasado, senón que ergueu con el bandeira de belixerancia para sempre xamais. E eu, como os estudantes no Santiago de 1967-68, chegara a CEF a través deste título, na edición bilingüe de El Bardo. Dándose logo o caso de que Voces Ceibes, o grupo de canción ao que penso pertencer ata o día que morra, porque foi cousa que imprimira carácter, botou man de Celso para moitas das súas cancións. Non eu, de certo, porque adoitaba cantar as miñas letras, por máis que musicase o Goethe ferreirán, con música que está no disco de Miro Casabella O meu país. E que asinan, con cara lavada inmensa, os “senhores” Branco e Faro. Celso Emilo, en fin, volvera de Caracas, traballar en Madrid en mesteres varios, como traducir textos lusos para “Noticias Médicas” onde o levara aquel mecenas chamado Álvaro Gil, da burguesía galeguista, houbéraa e fica por ocupar ese espazo, coido, o do Partido Galeguista anterior ao espanto. E foi daquela, xa en Madrid, pola parte de Delicias cando coñecín a Celso, outono de 1974, da man do gran Ramón Pernas, activo dinamizador en Ámbito Cultural. Celso Emilio Ferreiro, con casa aberta aos “vencellados”. Celso no Ateneo, en Sargadelos, no San Juan Evangelista, no Café Gijón, partllando poesía e gañas de vivir. Celso agora en Juan Bravo, onde lle levei a Miro Casabella e Monika Van Crayelinghe e Ana Eiroa e Brian Hughes, e Celso tirando unha botella de whisky que tiña agachada dos ollos de Moraima a brindar polos curmáns escoceses. E pois Brian era de Glasgow, e Glasgow estaba con Lugo nun poema de Celso xa todo canxaba. Como Celso con Moraima, musa dos seus poemas de amor, Outra historia para outro día. Si.

 

Artigos relacionados


Universidade de Deusto,Recital poético-musical en homenaje a Celso Emilio Ferreiro
Celso Emilio, poema “Prá Mocedade” cantado por Benedicto e Bibiano
Celebrouse a homenaxe a Celso Emilio Ferreiro na Casa de Galicia de Madrid