Un espazo violeta. Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, artigo de Xavier Castro

Mar 20, 2012 editor de CEF novas

Nas páxinas de opinión de Galicia Hoxe, Xavier Castro, na súa habitual columna “Couso e arca” publica este artigo:

 

No 1979, logo duna frutífera vida literaria dedicada esencialmente ao labor poético, falecía Celso Emilio Ferreiro, o escritor que conseguira facer dalgúns poemas galegos auténticas bandeiras, sonoros himnos -dentro e fóra de Galicia- contra o poder, a desigualdade, a inxustiza e a guerra. Morría o poeta e permanecerían no ideario colectivo O soño sulagado, Viaxe ao país dos ananos e aquela tan poliédrica Longa noite de pedra que se ergueu como manifestación lírica e, para moitos lectores, como metáfora esencial dun tempo pasado que arrancaba da guerra civil e percorría as décadas da ditadura. Moitos poetas, de idades e promocións diferentes, viron no celanovés un guieiro, un compromiso chantado por un poeta consecuente que se fixera popular polo seu compromiso e por ter sido, para algúns, o iniciador do que se dera en chamar socialrealismo, unha etiqueta que el mesmo non compartía por entender que esa liña creadora xa existía desde moito tempo atrás.

   Pois naquel mesmo ano do seu pasamento, e coincidindo co tempo do estío, outro poeta que se estaba a iniciar no gozoso traballo da poesía decidiu renderlle puntual homenaxe cunha curiosa publicación, editada por Mogor de Vigo, titulada A tarde cheia de verán. Un enxalzamento feito a partir dun longo poema presentado nun despregable de gran formato (24×31) que aberto e cuarteado acada unhas proporcións poéticas pouco habituais: 48×62. Dezanove composicións dunha mesma secuencia vital e literaria, de extensión moi heteroxénea que se nos presentan como a elexía, o pranto e a homenaxe que se deitan sobre o leito do poeta desaparecido. Daquela, Manuel Vilanova, que xa apuntaba maneiras moi serias, rigorosas e precisas do que significaba ser poeta, realiza un fermoso xogo metapoético onde cada verso e cada estrutura lírica espellan espazos e tempos, todo á vez que recrean a esencia e realidade de Celso Emilio o de semblante enrugado de pai/espléndido sosega a distancia que hai até o meu berro.   O morado, o violeta e as pretas moreiras, ateigan estes case trescentos versos escritos desde a emoción do intre no que “hai un vacío violeta entre os fillos das moreiras”..

 

Artigos relacionados


O CONCELLO DE LALÍN DEDICARÁ A CELSO EMILIO FERREIRO UNHA RÚA OU UN ESPAZO PÚBLICO
Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro en Madrid
Universidade de Padova: “Un’introduzione a Celso Emilio Ferreiro (con sei poesie da Longa noite de pedra)”