O Circo Lírico do País dos Ananos xorde da fusión dun recital poético cun espectáculo circense. Unha pista na que a poesía xera números musicais, monicreques, visións extraordinarias e moito humor, na presenza dun público moi participativo. Dirixido por María Lado abre xa o periódo de contratación.

A velada do Circo Lírico do País dos Ananos presenta música en directo da man do grupo Labregos do tempo dos Sputniks -formado por García de Dios Ke Te Crew, o Leo i Arremecághona, mais Silverio Outeiro ex Xenreira- números de marionetas de fío e sombras chinesas con Borxa Ínsua xunto á voz das poetisas María Lado e Lucía Aldao. Complétase o elenco coa participación dun reducido número de poetas locais, convidados a participar na pista, con textos propios ou alleos, nun arriscado número con feras devoradoras de vates. O público tamén ten moito que dicir, pois, cal circo romano, eles poderán salvar ou pedir a cabeza dos artistas presentes.

O ano de 2012 vén marcado, no noso mundo cultural, por dous aniversarios intimamente relacionados: por unha banda, o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro (1912); pola outra, cúmprense 50 anos da publicación da que sería a súa obra máis emblemática, Longa noite de pedra. Estas dúas efemérides permítennos afonda tanto na figura do escritor celanovés como nas páxinas do seu poemario; é por isto que, dentro das nosas accións, se atopa a celebración das Xornadas de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro.

Estas xornadas terán lugar, como as do ano pasado, na Facultade de Filoloxía da USC, os vindeiros 11 e 12 de abril. Podedes atopar toda a información sobre o programa e como matricularse -están recoñecidas cun crédito de libre configuración para todas as titulacións da Universidade de Santiago de Compostela- no blogue que vimos de habilitar para o acto: http://homenaxecef.blogaliza.org. (vía http://ligaestudantilgalega.info/xornadas-de-homenaxe-a-celso-emilio-ferreiro/)

O venres 13 de abril de 2012, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova terá lugar un Concerto-Homenaxe a Celso Emilio.

O próximo 14 de Abril, na Cidade da Cultura, dentro da programación "O Ceo das Letras",
 o profesor Ramón Nicolás falará sobre Celso Emilio (Vida e Obra),
e pecharán o Acto os Labregos do Tempo dos Sputniks.
12:00 | Ramón Nicolás Rodríguez. Profesor e crítico literario.
13:00 | Labregos do Tempo dos Sputniks (35’). Tres colosos do punk (O Leo),
do hip hop (García Mc -Dios Ke Te Crew) e do ska (Vero –Xenreira-) conflúen nunha das
 bandas máis poderosas da escena musical galega actual, en tributo aos versos
de Celso Emilio.
Presenta: Luís Ferreiro, fillo do poeta e Director da Fundación Celso Emilio Ferreiro.

 

O blogue Caderno da crítica reproduce un fragmento do poema “Cara a papá do ceo”: versos ben acaídos para reflexionar sobre a devastación que sufriron as Fragas do Eume: un dos nosos pulmóns naturais e patrimonio natural xa non ameazado senón destruído. Deixámolo aquí:

Ergo a miña protesta contra o lume,

dimito a miña voz na madrugada,

desterro o meu cantar, doume aos camiños.

Un arbre son, nacido diante un río

que pasa sin lecer e nunca é o mesmo.

Nacín cos brazos ceibes. Hoxe levo

o corazón atado a negras cordas

de tebras e xenreiras.