27 de Xuño do 2012

Artistas e autores nunha homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no  centenario do seu nacemento

Escritores e  músicos compartiron escenario na noite de onte no Teatro Novacaixagalicia de Vigo, para homenaxear a Celso Emilio, con motivo do primeiro centenario do seu nacemento.
O acto foi presentado pola poeta Yolanda Castaño e os versos do autor de Celanova soaron nas voces de Rexina Vega, Inma López Silva, Manoel Soto e Fernando Franco, sendo ademais musicados por artistas de moi variado estilo como El Puto Coke, Ataque Escampe, Patricia Moon e Frans Banfield, Davide, Xesús Alonso Montero e Luis Emilio Batallán, a Coral de Beade e alumnos da Escola Superior de Arte Dramática e do IES Álvaro Cunqueiro.
Unha das actuacions máis emotiva foi a do catedrático Xesús Alonso Montero, que cantou dous poemas de Celso Emilio, pertencentes ao libro  “Cantos de la nueva resistencia española”.

27 Xuño do 2012

Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro.
A campaña Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro consiste nunha acción de buzoneo masivo dun completo folleto sobre o poeta, que se distribúe nas 28 localidades galegas que contan cunha rúa dedicada a Celso Emilio. O obxectivo é que os cidadáns tomen conciencia de quen era o celanovés, do valor da súa obra e que desde ese achegamento á figura do poeta, sintan o orgullo de vivir na rúa que leva o seu nome.
Ouvirmos deseña e produce esta campaña para a Xunta de Galicia dentro dos actos do centenario. Hoxe, 27 de xuño, distribúese na provincia de Lugo: en Lugo capital, Sarria, Monforte de Lemos, O Saviñao, Viveiro e Burela. Nesta última localidade preséntase aos medios de comunicación a distribución da campaña Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro na provincia. Farémolo cun acto diferente, onde estudantes, comerciantes, inmigrantes, etc. participarán recitando na rúa os versos de Celso Emilio.

Podedes ver e descargar o folleto completo en:
http://ouvirmos.com/web/wp-content/uploads/2012/04/F-BUZONEO-AnoCEF.pdf