Músicos e escritores lembrarán a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria prepara un concerto de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro que terá lugar o próximo 14 de xuño en Vigo e que forma parte do programa de actividades que a Xunta de Galicia está a promover en 2012 para celebrar o centenario do nacemento do escritor. Así o anunciou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para presentar o cartel desta iniciativa musical e poética no Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo, onde se celebrará o concerto.

O Secretario Xeral estivo acompañado polo director da Fundación Celso Emilio Ferreiro, Luís Ferreiro, así como tamén polos artistas Frans Banfield, e dous dos integrantes do grupo Ataque Escampe, Roi Vidal e Miguel Mosqueira, que actuarán o próximo xoves no concerto; así como integrantes da Coral de Beade. A vertente musical do concerto, que conta coa produción artística de Articket, congregará a Coke Céspedes, a Davide e á Coral de Beade.
Novas voces da literatura galega
Ademais, o concerto, que será presentado pola escritora Yolanda Castaño, contará cos recitados de novas voces da literatura, como son Iolanda Zúñiga, Rexina Vega e Inma López Silva. Estarán tamén o xornalista Fernando Franco, o catedrático de Literatura Galega Xesús Alonso Montero, alumnas da Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD) e mais estudantes de bacharelato do IES Álvaro Cunqueiro. “En definitiva –dixo Anxo Lorenzo–, presentamos un cartel amplo e diverso para esta homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, un poeta que, aínda que nacido en Celanova, desenvolveu en Vigo boa parte do seu ciclo creativo”.
Ano Celso Emilio Ferreiro
Anxo Lorenzo recordou na presentación que o Parlamento de Galicia acordou proclamar 2012 como Ano Celso Emilio Ferreiro, ao se cumpriren os cen anos do nacemento do escritor e, ao mesmo tempo, os cincuenta anos do seu poemario máis coñecido, Longa noite de pedra. Con esta motivación, a Xunta de Galicia deseñou un amplo programa de actividades e proxectos, que inclúen desde concertos, ata edicións conmemorativas que poñen a obra do autor en diálogo con outras linguas; xornadas para afondar na investigación e na difusión pública da súa vida e da súa obra etc.
“Polo tanto, imos ter ao longo deste ano numerosas oportunidades para coñecer un pouco máis a obra deste autor senlleiro das nosas letras”, declarou.
Mostra interactiva na biblioteca nodal de Vigo
O secretario xeral tamén avanzou que Vigo será a próxima parada dunha pequena mostra interactiva, moi interesante para o público xeral, coa que a consellería está a difundir a vida e a obra do poeta por diversos concellos de todas Galicia. Esta exposición, que actualmente se encontra na Casa da Xuventude de Ourense, poderá visitarse desde o 11 ata o 28 de xuño na biblioteca nodal da cidade da oliveira.

05 de junio de 2012

Onte pola tarde dou comezo na casa de cultura de Noia un curso formativo dirixido a profesores no que se aborda a figura de Celso Emilio Ferreiro. Neste 2012 cúmprense cen anos do nacemento do escritor, de aí a organización desta actividade. Na sesión inaugural, presentada polo profesor Xavier Castro, coordinador do curso, interviron Luís Ferreiro, fillo de Celso Emilio e director da fundación que leva o nome de seu pai, así como Ramón Nicolás, biógrafo do escritor ao que se lle dedica esta actividade. Ambos fixeron un repaso pola biografía do autor de “Longa noite de pedra”. Na xornada desta tarde, que dará comezo ás oito, intervirá Baldo Ramos, escritor, poeta e pintor. Aínda que o curso se dirixe a mestres, poden acudir como público todas aquelas persoas que o desexen.

Catro alumnas de 1º de Bacharelato do IES «Castro Alobre» de Vilagarcía de Arousa (Inés, Ainhoa, Irene e Loaira), baixo a coordinación da profesora Carme Moure realizaron este coidado e artístico vídeo para conmemorar o centenario do ano Celso Emilio Ferreiro, baseándose no célebre poema dedicado a Moraima.

 

Vía Caderno da crítica:

 

Crónicas de la emigración incorpora unha colaboración de Rebeca Caride na que resume algunhas das ideas que desenvolvín na Xornada Celso Emilio Ferreiro que se celebrou hai uns días no Consello da Cultura Galega. Deixo aquí a súa versión en galego:

A actividade cultural e política de Celso Emilio Ferreiro centrou a conferencia que Ramón Nicolás, profesor de lingua e literatura galega, impartiu no marco da xornada organizada polo Arquivo da Emigración Galega para celebrar o centenario do nacemento do ilustre galeguista. Considerado por Xosé Manuel Núñez Seixas, coordinador deste encontro, como «o mellor coñecedor da vida de Ferreiro», Ramón Nicolás iniciou o seu relato en Celanova, a vila natal do insigne intelectual e que, segundo dixo, «é unha alfa e omega na súa vida».

Celso Emilio Ferreiro funda en 1932, xunto co seu amigo Xosé Velo, as ‘Mocedades Galeguistas de Celanova’  e, un ano máis tarde, segundo Ramón Nicolás, implícase na redacción do semanario ‘Adiante’, que só publica un número, e que lle serve para «comezar a fortalecer a súa voz pública». Ademais, participa na constitución da Federación de Mocedades Galeguistas, que celebra a súa primeira asemblea en maio de 1934 e nace co fin de «crear unha conciencia nacionalista no noso país». Así pois, encárgase de fomentar os estudos sobre historia, literatura e economía galega, construír unha biblioteca galega e promover a cultura da terra. É na segunda asemblea da Federación de Mocedades Galeguistas, que ten lugar en Ourense en 1935, cando Celso Emilio Ferreiro e Xosé Velo empezan a dominar os órganos executivos da  entidade. Nese momento, búscase «máis operatividade, resultados a curto prazo alimentados polo ideal nacionalista» e se «acentúan as posicións maximalistas», explicou Ramón Nicolás.
Cabe destacar que, uns meses despois, o intelectual galeguista é designado concelleiro de Celanova, cargo do que dimite porque non sentía o apoio da organización á que pertencía aínda que o que en realidade sucedía era que, segundo dixo o relator, «non» quería colaborar cos partidos estatalistas».  No terceiro encontro da entidade, celebrado en Ourense en maio de 1936, ambos os dous dirixentes abandonaron a Federación tras perder as eleccións. Despois de vivir en Ourense e Celanova, Ferreiro é destinado a Oviedo, onde vive como soldado do exército sublevado. Ao seu regreso a Galicia oposita á Fiscalía de Taxas e, entre 1941 e 1949, aséntase en Pontevedra, colaborando con diversas revistas e xornais. Nesta etapa comeza a relacionarse con células do Partido Comunista (PC) aínda que «con baixa intensidade», indicou Ramón Nicolás.

Ao mesmo tempo, Ferreiro continúa coa súa formación e logra o título de procurador dos tribunais. É entón cando se traslada a vivir a Vigo e inicia a súa actividade política na clandestinidade, aproximándose ao PC e participando no proxecto de creación da UPG, partido que se funda en xullo de 1964. A súa colaboración cos Cantos della nuova resistenza espagnola provoca que a policía lle poña cerco á súa vida política e vital o que, unido ás súas dificultades económicas, orixina que emigrase. Nese instante, explicou Ramón Nicolás, o ilustre intelectual «tiña idealizado o mundo da emigración». Tras ser expulsado da Irmandade Galega de Venezuela, declarou o experto, «non» perde «a idea de retornar, unha realidade que ve de preto da man de Felipe Armesto e de María Victoria Fernández España, os cales estudan a posibilidade de que traballe en ‘Tribuna Médica’, en Madrid». Durante a súa  estancia en Caracas, Celso Emilio Ferreiro «vive unha ausencia total de información da UPG» e, en 1974, dá por finalizada a súa relación coa agrupación. Catro anos máis tarde, ingresa no PSOE de Vigo, onde participa en reunións sobre o Estatuto de Autonomía e colabora na tradución ao galego do programa electoral do partido. Finalmente falece en agosto de 1979.

 

Organiza: Biblioteca do IES de Celanova, Coordinadora comarcal de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística Terra de Celanova – Baixa Limia

Colabora: Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Fundación Celso Emilio Ferreiro

Lugar de celebración: Biblioteca do IES de Celanova
Datas: Mércores 20 de xuño (10.45-12.25). Xoves 21 de xuño (19.00 en diante)

Exposicións

Celso Emilio Ferreiro. Letras Galegas 1989 (IES de Celanova)
Elaborada no I.B. Celso Emilio Ferreiro no curso escolar 1988-1989

Descubrindo a Xocas (CEIP Xaquín Lourenzo “Xocas” – Bande),Libro feito polo alumnado de Educación Infantil

O foxo do lobo das Covateiras (CEIP Xaquín Lourenzo “Xocas” – Bande)
Maqueta elaborada a partir do libro de Davide Pérez

Os foxos do lobo. A caza do lobo na cultura popular

Moais do val do Limia (IES Aquis Querquernis – Bande)

Os ollos das palabras Exposición de obra gráfica de Baldo Ramos

Presentacións

Mostra bibliográfica Escritores da comarca Terra de Celanova – Baixa Limia (IES de Celanova)

Inauguración da mostra permanente de fondos dos escritores da comarca

Vieiros de palabra. Terra de Celanova – Baixa Limia en letras de autor

Presentación do libro conformado por textos orixinais de corenta e cinco autores vivos da comarca, editado pola Librería Conde, de Celanova

Audiovisuais

A miña palabra preferida é…(CEIP Curros Enríquez – Celanova)
Vocábulos escollidos polo alumnado, presentes na obra de escritores de Celanova

Celanova ten un vento (CPR Sagrado Corazón – Celanova)
Vídeo-poema cantado a partir do texto de Celso Emilio Ferreiro

A máis fermosa roseira (CEIP Rogelio García Yáñez – Ramirás)

Versión de poemas de Lois Antón Pérez e de Xoán Carlos Domínguez Alberte

Loa ao porco bravo (CEIP San Marcos – Cartelle)

Versión dun poema de Henrique Feixó

Letras do val do Limia (IES Aquis Querquernis – Bande)

Audiovisual sobre os escritores da bisbarra da Baixa Limia

Deus che dea ira, que paciencia tes de abondo (IES Lagoa de Antela – Xinzo de Limia)

Audiovisual sobre Celso Emilio Ferreiro, elaborado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL)

Ás veces fáltannos palabras (IES de Tomiño)

Versión plurilingüe dun poema de Baldo Ramos, elaborada polo EDLG

Recitais

Recital musicado dos poemas “Nai”, “Soldado” e “Moraima”, de Celso Emilio Ferreiro (IES de Celanova)

Interpretación musical dos poemas “Bande” e “María Soliña”, de Celso Emilio Ferreiro (IES Aquis Querquernis – Bande)

Intervencións

Celso Emilio Ferreiro fai cen anos

Palabras de Luís Ferreiro, presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro

Escritores da Terra. Terra de escritores

Lectura, a cargo do presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, dun manifesto elaborado pola AELG

A palabra dos nosos escritores

Lectura de textos de autores da comarca de Terra de Celanova – Baixa Limia

Propostas

Proposta do IES de Celanova para pasar a se denominar IES Celso Emilio Ferreiro

 

Xoán Gulías, coordinador do EDLG do IES Valadares (Vigo) é o responsable deste video colaborativo no que participou gran parte da  comunidade educativa do IES Valadares,implicando no proxecto a alumnado, profesorado, pais e nais e  persoal non docente, xunto con Luís Ferreiro.

Vigo, 29 de Maio do 2012
No Museo do Mar de Vigo foi presentado o Libro, “Correspondencia de Xosé Neira Vilas con Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro”.

O libro editado polo Centro Ramón Piñeiro na súa colección “Cadernos de Ramón Piñeiro”, contén a correspondencia mantida polo escritor Xosé Neira Vilas e os homenaxeados este ano, Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro.

O  acto de presentación estivo presidido polo Conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, acompañado polo Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García; o responsable da edición do libro, Xosé Neira Vilas; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; Alfonso Paz-Andrade, fillo de Valentín Paz Andrade; Luis Ferreiro, fillo de Celso Emilio; e Marta Lucio, directora do Museo do Mar. O Conselleiro destacou que con ista edición,a Consellería quere conmemorar doblemente as Letras Galegas, adicadas a Paz-Andrade, e o Ano Celso Emilio Ferreiro, no Centenario de seu nacemento.