28 Xullo, 2012-Brétemas, Manuel Bragado

Memorable foi o concerto no Auditorio Municipal de Teo de presentación do librodisco O meu primeiro Celso Emilio. Unha gozada escoitar oito poemas de Celso Emilio interpretados por unha ducia de músicos extraordinarios. Unha ocasión única que sabemos será moi difícil repetir. Abriu María Manuela –tamén formidable ilustradora do libro– con «Erguerémo-la espranza», un dos poemas civicos de Longa noite de pedra. Fermoso o seu diálogo con Manolo Dopico, apoiado na firmeza das cordas da guitarra de Xurxo Varela e o violín de Nuria Lestegás. «Saúde a todos, compañeiros!» foi o retrouso que deu inicio a un concerto no que a emoción e a complicidade do público foron en incremento. Continuaron Xiana e Mero cun dúo inédito con «Eu en ti», un intenso poema de amor d’ O soño sulagado, musicado polo propio Mero. A interpretación de Xiana de «María Soliña» foi un dos momentos máis inesquecibles do serán; o arranxo de Xurxo Varela da versión de A. Paz Valverde é marabilloso. Outrosí sucede cos «Cantares» de María Manuela, un tema que ela arranxou ao xeito tradicional de Onde o mundo se chama Celanova, cun acompañamento de José L. do Pico á zanfona. A versión potentísima de «Irmaus», probablemente a peza estrela do disco, marcou outro momento de máxima emoción. O centenar de asistentes quedamos abraiados pola interpretación coral do himno de Mini, un dos temas esenciais na formación sentimental da nosa xeración de nacionalistas galegos. De bagoar. A seguir, «Moraima», versión de Suso Vaamonde do poema «Xaneiro 1972,II», recuperou a voz do íntimo doutro poema de amor de beleza desbordada. Xiana deixounos pampos coa súa versión de «Agardarei», con arranxos jazzísticos de Nani García, mellorando de lonxe a que fixera Batallán. Quedará para a nosa memoria a saída de Xosé Lastra para compañar(fachendoso) a Xiana no escenario. Todo o elenco no escenario bailou cos aires caribeños do derradeiro tema, «A mulata Coromoto», outro dos temas de Miguel Varela, o músico ferrolán ao que se lembrou en varias ocasións ao longo do concerto. Pagou moito a pena editar este traballo musical e literario no centenario de Ferreiro, cheo de matices e sutilezas. Un modelo do que entendemos é a edición estendida que precisa un momento como o actual. Se o público así o entende, pretendemos que teña continuidade o vindeiro ano con «A miña primeira Rosalía», con motivo da celebración do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos. Luís Ferreiro e máis eu baixamos cantando pola autoestrada máis contentos ca cucos. O de Teo foi moito. A próxima presentación d’ O meu primeiro Celso Emilio será o xoves, 9 de agosto, ás 21:15 horas, na Feira do Libro da Coruña. Avisados quedamos.

 

29-07-2012

EN CELANOVA, na parede exterior do mosteiro de San Rosendo, moito máis que O Escorial de Galicia como din os refitoletros ou as damas da media améndoa, ese abraio vertixinoso que contén (xogo de caixas chinesas ou bonecas rusas) unha sorpresa -minimalista- máis, a capeliña mozárabe de San Miguel, hai unha pintada. Non feita con aerosol senón con brocha gorda.
No ano 1933. E reza o rótulo: Adiante, publicitando o único número do que fora órgano das Mocidades Galeguistas de Celanova. Número que recibín o outro día, en edición facsimilar moi coidada, no peche das Xornadas adicadas a Celso Emilio pola UIMP. Non vou enumerar todos os participantes nelas, moitos e de calidade, de Xesús Alonso Montero a Luciano Rodríguez, quen deran a lección inaugural e a de clausura dun curso ben levado por José María Paz Gago. Eu quero dicir, simplemente, que o centenario do nacemento de Celso demostra que o coraxudo (ilustrado, namorado,paisaxístico) poeta celanovés, como Castor Elices ou Curros Enríquez, segue a gañar batallas despois de morto. No verán infausto de 1979, cando aínda podía tirar moito vitriolo, mais tamén amor, da súa pluma de aceiro nunca esgallada. Celso Emilio é xa un clásico. “O que non se pode tocar”, como dicía non sei quen. Un clásico que se abra por onde se abra, como fixen eu o outro día no púlpito de San Rosendo co seu Credo, ou Alfredo Conde con Consellos (baseado no Libro dos Proverbios), ten lume aproveitable. Desta maneira hai versos de Celso que, en cincocentos anos, terán actualidade, e quen os diga igual xa nin sabe o seu autor. Como comeza pasar hoxe co nerudiano “Es tan corto el amor, es tan largo el olvido”, inserido xa no tesouro popular,algo semellante vai acontecer con “O patrón está rico á miña conta,eu á súa estou vello”. E máis, moitas máis cousas que eu podería dicir deste Celso Emilio Ferreiro, que nada lle debe a Voces Ceibes (contra do que algúns sosteñen). Voces Ceibes máis ben,algúns dos seus compoñentes, é a que está en débeda con Celso Emilio Ferreiro. E Galicia enteira, si, hoxe máis que nunca precisada de quen lle diga, poéticamente falando, as verdades do barqueiro. Celso Emilio Barqueiro, por exemplo, axudando aos cegos cruzar o río. Si.

Ourense / La VOZ DE GALICIA, 29 de julio de 2012

O autor de «Longa noite de pedra» foi homenaxeado na Insua dos Poetas.

Unha escultura en bronce de Manuel Penín, baseada no poema Irmaus, que Celso Emilio Ferreiro ido libro “Longa noite de pedra”, preside dende onte a entrada á Insua dos Poetas. A finca herdada polo escritor Luís González Tosar e convertida, co apoio da Deputación de Ourense, nun espazo de encontro literario e artístico, acolleu onte a cuarta edición da Festa da Palabra dedicada precisamente ao escritor e galeguista de Celanova polo centenario do seu nacemento.

Na cita participaron o seu biógrafo, Ramón Nicolás, que centrou o seu relato nos últimos días da vida do celanovés; e o académico Xesús Alonso Montero, que tras cualificalo como «a voz con máis corazón» pediu que a obra se traduza «aos 7.200 idiomas que aínda se falan nos cinco continentes». Pero, sen dúbida, a lembranza máis sentida, sinxela e próxima, foi a do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín quen, como el mesmo lembrou, non so foi amigo de Celso Emilio dende a infancia, senón «amigo prenatal». «Porque as nosas familias xa eran amigas antes de que nós naceramos», sinalou. Lembrou os sentimentos da infancia e confesou sentirse «orgulloso de ter respirado o mesmo ar que el alentaba; foi un home sinxelo e bo, un alma sensible ao horror e a inxustiza».

No acto, no que tamén participaron o conselleiro Xesús Vázquez, os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística e o presidente da Deputación de Ourense, houbo ademais moitas referencias á loita dos veciños da zona contra a incineradora que pretende instalar a Xunta no Irixo.

«Celso Emilio foi un meteoro que atravesou incendiado o ceo da vida cultural e política galega»

X. L. Méndez Ferrín

La Region-OURENSE – 26-07-2012

A finca da Esgueva (parroquia de Madarnás, O Carballiño), na que o escritor natural de Guimarás, Luís González Tosar está cimentando o proxecto literario-cultural denominado ‘A insua dos Poetas’ en colaboración coa Deputación provincial e a Consellería de Cultura, acollerá hoxe a instalación da segunda obra artística, neste caso un monumento dedicado a Celso Emilio Ferreiro con motivo da celebración do seu centenario. É unha obra coa que o escultor ourensán Manuel Penín realizou unha alegoría do poema ‘Irmaus’ que o poeta publicou no libro ‘Longa noite de pedra’ e que pasar por ser, sen lugar a dúbidas, un dos máis
É unha obra coa que o escultor ourensán Manuel Penín realizou unha alegoría do poema ‘Irmaus’ que o poeta publicou no libro ‘Longa noite de pedra‘ e que pasar por ser, sen lugar a dúbidas, un dos máis coñecidos do vate de Celanova. Os traballos de instalación da escultura, na finca da Esgueva, concitará a presencia do autor da obra, Manuel Penín, así como do escritor Luis González Tosar.

En calquera caso, o acto de mañá non será, senón, o preámbulo da ‘IV Festa da Palabra’, que terá lugar o próximo sábado, día 28 de xullo, a partir das 12,00 horas e que se enmarcará dentro da celebración do Centenario de Celso Emilio Ferreiro.

ACTO
O desenvolvemento do acto está estructurado en catro apartados, que se iniciarán, como non podía ser doutro xeito, cunha lectura poética centrada fundamentalmente na obra de Celso Emilio Ferreiro, continuarán coa inauguración oficial do monumento realizado polo escultor Manuel Penín, a entrega dos premios ‘Setecarballas’ que o escritor creou para recoñecer a outros tantos representantes de distintos ámbitos da cultura e da sociedade galega. O acto rematará coa actuación da cantora María do Ceo, que intepretará varias cancións con letra do propio Celso Emilio Ferreiro que ela musicou no ano 2008 con motivo da conmemoración do cento cincuenta aniversario de, Curros Enriquez.

PRESENTACION DO LIBRO-DISCO

Xose Lastra, autor do libro
Manuel Bragado, director de Xerais
Carme Hermida, concelleira de Cultura de Teo

CONCERTO:
Maria Manuela, Mero, Mini e Xiana Lastra 

PRESENTACION PUBLICA

VENRES, 27 DE XULLO,
20:30 HORAS
AUDITORIO MUNICIPAL DE TEO

 

 

Celanova 17/07/2012

A segunda xornada do curso que a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) dedica en Celanova ao poeta Celso Emilio Ferreiro, baixo o epígrafe de “Ética e poética”, estivo adicada á creación: poesía civil e social. Abriu a sesión o poeta e crítico literario Vicente Araguas, quen destacou que Celso Emilio mestura como ninguén a fortaleza do concepto coa boa inxeniería poética, e esta é unha das claves do éxito popular que obtén
Un éxito só comparable co de Rosalía e Curros os tres poetas máis populares da literatura galega. Así, Celso Emilio atopou a fórmula para musicar poemas, e dáse o paradoxo de que son máis coñecidos os mal chamados cantautores por musicar os poemas de Celso Emilio Ferreiro, que Celso Emilio por ser musicado por recoñecidos cantantes.
POLIVALENTE
Logo de Celso Emilio, non hai outro poeta igual, declarou Araguas. Dábanselle tamén os poemas satíricos ou de escarnio, como os de amor (Moraima’) ou os paisaxísticos (‘Aló onde ou mundo se chama Celanova‘). Tocaba todos os temas: a opresión social, o antimilitarismo, a problemática dos labregos ou a do idioma. ‘É un dos meus heroes cívicos, pero tamén estéticos”, concluíu Araguas.

 

 

Edicións Xerais de Galicia anuncia a inminente aparición da biografía de Celso Emilio Ferreiro, a cargo do crítico literario e profesor Ramón Nicolás, baixo o tìtulo de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro. Acompáñase a cuberta.

No Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, terá lugar o luns 16/7/2012 a partires das 20.00 horas, un recital poético-musical adicado a Celso Emilio Ferreiro. Con esta actividade pechase o ciclo Galicia Clasiccs, da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O recital, que leva por título Onde o mundo se chama Celanova,de Curros a Celso Emilio, foi ideado con motivo da conmemoración do Centenario de Celso Emilio Ferreiro e contará coa participación da Compañía Lírica Ofelia Nieto e do Grupo Internacional Cítola,que serán os  encargados de interpretar as dúas obras compostas a partires dos poemas de Celso Emilio, ‘Moraima’ e ‘Longa noite de pedra’.

Foron 1.284 alumnos de 35 centros escolares os que durante o primeiro semestre deste ano participaron no xogo literario “Cen poemas en Celanova”. A actividade consistía en localizar nos escaparates da vila as estrofas do coñecido poema “Longa noite de pedra”. Coa axuda dun plano de Celanova coa localización dos poemas, os estudantes tiveron a oportunidade de facer unha visita creativa e divertida pola vila ourensá e pola poesía de Celso Emilio, ao tempo que interactuaban co medio e coa xente.
Esta iniciativa forma parte do conxunto de actividades organizadas para a conmemoración do Ano Celso Emilio Ferreiro.

 

(Información vía La Región)

O escritor de orixe ourensá Celso Emilio Ferreiro foi homenaxeado onte en
Madrid polo centenario do seu nacemento, nun acto poético musical que tivo lugar
na Casa de Galicia. Autoridades locais e galegas, persoeiros da cultura,
familiares, amigos e numerosas persoas interesadas tamén na figura do poeta
participaron neste acto de celebración do Ano Celso Emilio Ferreiro, promovido
pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria.

Durante o acto, o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad,
destacou o vínculo do escritor con Madrid durante a súa última etapa creativa.
‘En Madrid -dixo-, o poeta encontrou foros onde expresar a súa humanidade e o
seu talento, e tribunas desde onde darlle unha parte do seu impulso final á
construción da Galicia que hoxe coñecemos’. ‘Por iso a homenaxe que hoxe traemos
á Casa de Galicia é tamén un acto de gratitude con esta cidade que vén ofrecendo
na súa historia miles de oportunidades humanas’, dixo o conselleiro.


LUGAR DE ACOLLIDA

Madrid foi para Celso Emilio o lugar de acollida na súa última etapa vital, onde viviu a partir
de 1973 na rúa Juan Bravo. Alí logrou difundir tamén en castelán a súa obra
poética e comezou a darlles forma ás vivencias traídas de Venezuela, onde tamén
medrou como escritor. No Ateneo de Madrid dirixiu a Aula de Cultura Galega,
traballou como crítico literario en ABC e escribiu no xornal Arriba. Tamén
redactou en Madrid páxinas de tanta autenticidade como as recollidas na súa
novela breve A taberna do Galo.

Segundo asegurou o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad na homenaxe,

‘os seus anos finais, de extraordinaria madureza intelectual e de asentamento da bagaxe dunha vida
intensa, encontraron en Madrid o clima humano que necesitaba para pechar un
ciclo, relativamente breve no tempo, pero cargado de vivencias importantes, para
el e para a nosa forma de asumir a galeguidade’. Madrid tamén foi o lugar da
multitudinaria homenaxe que lle foi tributada o 3 de novembro de 1979, tras a
súa morte, no Pazo dos Deportes.

Vázquez Abad presidiu o acto de homenaxe acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo director da Casa
de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega; polo director da Fundación Celso Emilio
Ferreiro, Luís Ferreiro; polo concelleiro presidente do distrito de
Moncloa-Aravaca en Madrid, Álvaro Ballarín; e polo membro da xunta directiva do
Ateneo de Madrid Miguel Pastrana, que participaron na lectura de poemas do
escritor. Tamén se sumaron ao recitado poético o escritor Carlos Reigosa, o
meteorólogo de Televisión Española Martín Barreiro, o alcalde de Celanova
Antonio Mouriño, a profesora de galego en Madrid, Carme Lamela e alumnado de
galego en Madrid, con poemas como ‘Moraima’, ‘Eu en ti’, ‘Tempo de chorar’ ou
‘Deitado frente ao mar’. Os versos de Celso Emilio Ferreiro tamén se recordaron
onte en Madrid a través da voz do cantautor Amancio Prada, que ofreceu unha
actuación musical para pechar o acto de homenaxe.