No Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, terá lugar o luns 16/7/2012 a partires das 20.00 horas, un recital poético-musical adicado a Celso Emilio Ferreiro. Con esta actividade pechase o ciclo Galicia Clasiccs, da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O recital, que leva por título Onde o mundo se chama Celanova,de Curros a Celso Emilio, foi ideado con motivo da conmemoración do Centenario de Celso Emilio Ferreiro e contará coa participación da Compañía Lírica Ofelia Nieto e do Grupo Internacional Cítola,que serán os encargados de interpretar as dúas obras compostas a partires dos poemas de Celso Emilio, ‘Moraima’ e ‘Longa noite de pedra’.
Foron 1.284 alumnos de 35 centros escolares os que durante o primeiro semestre deste ano participaron no xogo literario “Cen poemas en Celanova”. A actividade consistía en localizar nos escaparates da vila as estrofas do coñecido poema “Longa noite de pedra”. Coa axuda dun plano de Celanova coa localización dos poemas, os estudantes tiveron a oportunidade de facer unha visita creativa e divertida pola vila ourensá e pola poesía de Celso Emilio, ao tempo que interactuaban co medio e coa xente.
Esta iniciativa forma parte do conxunto de actividades organizadas para a conmemoración do Ano Celso Emilio Ferreiro.