VICENTE ARAGUAS, "Celso Emilio non cesa"
29-07-2012
EN CELANOVA, na parede exterior do mosteiro de San Rosendo, moito máis que O Escorial de Galicia como din os refitoletros ou as damas da media améndoa, ese abraio vertixinoso que contén (xogo de caixas chinesas ou bonecas rusas) unha sorpresa -minimalista- máis, a capeliña mozárabe de San Miguel, hai unha pintada. Non feita con aerosol senón con brocha gorda.
No ano 1933. E reza o rótulo: Adiante, publicitando o único número do que fora órgano das Mocidades Galeguistas de Celanova. Número que recibín o outro día, en edición facsimilar moi coidada, no peche das Xornadas adicadas a Celso Emilio pola UIMP. Non vou enumerar todos os participantes nelas, moitos e de calidade, de Xesús Alonso Montero a Luciano Rodríguez, quen deran a lección inaugural e a de clausura dun curso ben levado por José María Paz Gago. Eu quero dicir, simplemente, que o centenario do nacemento de Celso demostra que o coraxudo (ilustrado, namorado,paisaxístico) poeta celanovés, como Castor Elices ou Curros Enríquez, segue a gañar batallas despois de morto. No verán infausto de 1979, cando aínda podía tirar moito vitriolo, mais tamén amor, da súa pluma de aceiro nunca esgallada. Celso Emilio é xa un clásico. “O que non se pode tocar”, como dicía non sei quen. Un clásico que se abra por onde se abra, como fixen eu o outro día no púlpito de San Rosendo co seu Credo, ou Alfredo Conde con Consellos (baseado no Libro dos Proverbios), ten lume aproveitable. Desta maneira hai versos de Celso que, en cincocentos anos, terán actualidade, e quen os diga igual xa nin sabe o seu autor. Como comeza pasar hoxe co nerudiano “Es tan corto el amor, es tan largo el olvido”, inserido xa no tesouro popular,algo semellante vai acontecer con “O patrón está rico á miña conta,eu á súa estou vello”. E máis, moitas máis cousas que eu podería dicir deste Celso Emilio Ferreiro, que nada lle debe a Voces Ceibes (contra do que algúns sosteñen). Voces Ceibes máis ben,algúns dos seus compoñentes, é a que está en débeda con Celso Emilio Ferreiro. E Galicia enteira, si, hoxe máis que nunca precisada de quen lle diga, poéticamente falando, as verdades do barqueiro. Celso Emilio Barqueiro, por exemplo, axudando aos cegos cruzar o río. Si.