A Asociación Alexandre Bóveda informa que o vindeiro venres 21 de setembro terá lugar a presentación do libro Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario (1912-2012).No libro participaron os seguintes autores: Isaac Alonso Estraviz, Xosé Mª. Álvarez Cáccamo, Carmen Blanco, Vicente Araguas, Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo Andión, Lois Diéguez, Xesús Rábade Paredes, Anxeles Penas, Claudio Rodríguez Fer, Alberte Suras e Luz Pozo Garza. Xunto coa colaboración gráficas de Felipe Senén.
Será ás 20:00 h. no salón de actos da asociación, con entrada aberta.

Cartafol de soños (Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario) pretende ser unha humilde homenaxe de trece galegos que tiveron a honra e a fortuna de coñecer a Celso Emilio Ferreiro. A súa vida foi extraordinaria, chea de feitos e matices verosímiles e inverosímiles, pero tamén cunha abondosa dose de incomprensión e aldraxe. Celso Emilio nunca renunciou ao seu xeito de pensar. Era un home de conviccións políticas moi simples e que sempre as manifestaba dun xeito indubidable: “Estou contra a inxustiza, estou pola liberdade, estou en contra da explotación do home polo home e estou a favor de Galicia”. Estas conviccións eran o seu fundamento literario e poético. A poesía era para Celso Emilio una necesidade vital. A súa mensaxe de verdade, esperanza e loita permanece, aínda hoxe, plenamente vixente: “Non importa agardarei polo albor do novo día”. Os poemas que atoparedes nesta obra son froito da fermosa inspiración de cada un dos autores, pero tendo sempre presente a lembranza, o exemplo e as verbas do poeta de Celanova.

La Región  24-08-2012

Un cabezudo de Celso Emilio de cartón-pedra percorreu onte as rúas de Celanova para escenificar as pegadas do poeta na súa vila natal. Un regreso que forma parte do documental biográfico que está a rodar a Asociación Arraianos.

A Taberna do Galo, os xardíns de Curros Enríquez ou o popular mercado dos xoves celanovés foron onte escenario de rodaxe dun novo proxecto audiovisual na memoria de Celso Emilio Ferreiro. Un cabezudo de cartón-pedra devolveu a Celanova a presencia testimonial da súa figura, chamando a atención dos viandantes que preguntaban con curiosidade cando poderían ver o filme. ‘Presentarase a final de ano, como colofón as actividades organizadas no galo do centenario do seu nacemento’, aclaráballes Aser Álvarez, director do documental biográfico impulsado pola Asociación Arraianos.

Nas últimas tres semanas, o equipo de rodaxe desplazouse por diferentes enclaves vitais do autor de ‘Longa noite de pedra’. Paisaxes de Oviedo, Vigo, Pontevedra, Caracas (Venezuela) ou Celanova serviron de base para retratar o Celso Emilio máis contemporáneo. ‘É un longametraxe 100% Celso Emilio. Moi fresco, pouco académico e onde tratamos de mixturar as súas facetas, o seu carácter auténtico, verdadeiro e combativo, pero sin mitificalo’, advirte Álvarez.


RECONCILIACIÓN CO POBO

Dirixido sobre todo para a xente máis nova, pero que a bo seguro enganchará a todas as idades, o documental mixtura ritmos de rap e hip-hop, coas testemuñas de artistas e veciños que lembran o Celso Emilio máis intimo e o recitado dos seus poemas más representativos. ‘Non lembro cando foi a derradeira vez que o vin, pero si me quedou marcada unha das últimas conversas, onde un Celso Emilio emocionado me confesou a falta de cariño que sentira dos seus veciños, nunha Celanova onde non tiña tantos amigos como il pensaba’, lembra Baldomero Moreiras. Hoxe, cen anos despois, ise sentimento está esquecido.

Máis de 70 persoas colaboran neste proxecto audiovisual impregnado de celanovismo. Dende o seu director Aser Álvarez ata o traballo de son de Javier da Silva, pasando polos artistas locais Baldomero Moreiras ou Méndez Ferrín, así como unha dúcia de amigos e veciños do poeta. O documental, como as obras e publicacións que xurdiron neste ano do centenario, son unha demostración de que o pobo quere ao poeta. ‘E ista biografía audiovisual é a escenificación desa reconciliación, necesaria e de xustiza. Porque fixo máis polo coñecemento de Celanova no mundo que calquera’.

Ao pé da imaxe doutro grande celanovés, Manuel Curros Enríquez, Aser Álvarez lembra a Celso Emilio como un dos referentes da poesía galega, ‘cun discuso que sigue sendo vixente, porque a súa poesía non envellece’.

Entries with this post type link to a different page with their headline. Lorem ipsum dolor sit amet, consectetuer adipiscing elit. Aenean commodo ligula eget dolor.

Nas páxinas de Terra e Tempo acóllese este interesante artigo de Manuel López Foxo.

Todas e todos nós levamos na nosa memoria máis viva moitos versos de Celso Emilio Ferreiro. Como dicía Eugénio de Andrade a propósito da lectura que el fixo da poesía portuguesa ao longo de toda a súa vida, “ás veces é só um verso, outras é todo o poema”. Ás veces son uns versos. Quen non leu en Viaxe ao país dos ananos ou non escoitou na voz de Suso Vaamonde?: Nunca virá de fóra / remedio ou esperanza. / Si o noso povo morre / quedámonos sin patria… Quen entre nós non lembra aqueles versos que din: Común temos a patria, / común a loita, ambos. / A miña man che dou, / coma un irmán che falo. Ou quen non recitou mil veces “Deitado frente ao mar…”?: Lingua proletaria do meu pobo, / eu fáloa porque si, porque me gosta, / porque me peta e quero e dáme a gaña… Outras veces o poema quedou todo el na nosa memoria: O teito é de pedra. / De pedra son os muros / e as tebras. / De pedra o chan / e as reixas. / as portas, / as cadeas, / o aire, / as fenestras, / as olladas, / son de pedra. / Os corazóns dos homes / que ao lonxe espreitan, / feitos están / tamén / de pedra. / E eu, morrendo / nesta longa noite / de pedra.

Mais hai un Celso Emilio, igual que hai un Manuel María, que ficou asolagado polas augas caudalosas da literatura que elevou a estes dous poetas a mestres da denominada poesía social-realista. Libros como Onde o mundo se chama Celanova, de Celso Emilio Ferreiro, ou Poemas ó outono, de Manuel María, están a reclamar aínda hoxe un capítulo singular dentro dos traballos relativos á poesía galega contemporánea, fundamentalmente porque ambos poemarios preludian o cambio de rumbo que houbo na poética galega dos setenta. Nunca puidemos comprender como nos estudos da literatura galega se ignorou durante moito tempo a existencia e a importancia dos Poemas ó outono, escritos en 1976 e publicados ao ano seguinte no medio do máis absoluto silencio da crítica. Foi só ultimamente cando este libro de Manuel María empezou a ser considerado por críticos e estudosos da nosa poesía como Luciano Rodríguez, Teresa Seara ou Méndez Ferrín e a ser valorado como un precedente da renovación que veu despois. E algo moi semellante sucedeu co libro de poesía que Celso Emilio Ferreiro publicou en 1975. Nin naquel momento nin nos anos inmediatamente posteriores, cando aparecen as voces poéticas dos oitenta, se fai mención ao verbo renovador deste poemario de Celso Emilio, no que agroman xa algúns dos temas que van predominar na expresión dos máis importantes poetas desa nova xeración. Non deixa de ser sorprendente que esta obra non tivera unha segunda edición até 16 anos despois, nin sequera levando o Premio da Crítica de Poesía Galega en 1976. É de xustiza citar aquí o nome de Xosé María Álvarez Cáccamo, porque foi el talvez o primeiro en reivindicar a importancia de Onde o mundo se chama Celanova, aínda que Méndez Ferrín en 1984, nas páxinas De Pondal a Novoneyra, xa fala de que o poeta, con algúns dos poemas deste libro, acada un “dos intres estelares da súa historia literaria”. Recordemos, por exemplo, os versos de “Alma da terra”, escritos en Caracas en 1971:

Lonxana Celanova vinculeira,
torre ebúrnea da miña mocedade,
cando te lembro sai da súa toqueira
coma un furón de soños, a saudade.

Unha chuvia monótona e tristeira
cai decote na miña intimidade,
e sinto que unha sombra silandeira
coma un solpor o meu esprito invade.

Quero voltar a ti, nai garimosa,
colo natal, arxila rumorosa,
pra acalar esta angustia que me berra

dende o fondo da noite estrelecida,
pedindo amor, pregando fe de vida,
pra ser eternamente alma da terra.

Efectivamente, nese libro está a evocación nostálxica do territorio da nenez, “a patria lonxana” cun “perfil de mañán ensimesmada nun ceo de mazás i amoras verdes”, o desexo de recuperar o sosego da terra, a vivencia amorosa, en definitiva, a viaxe cara a dentro, esa navegación espiritual na que o poeta “quixera bogar pra sempre corazón adentro”, temas todos eles cos que posteriormente vai dialogar o discurso poético da xeración dos 80. Non é, desde logo, nada irrelevante que o poeta, na madurez da súa vida e en plena eclosión da actividade política, publique este poemario de carácter autobiográfico e intimista e incluso integre entre as súas páxinas textos líricos que xa viran a luz en O soño sulagado, Longa noite de pedra e Terra de ningures. Estamos ante unha obra de regreso ás raíces e de refuxio íntimo tras unha longa vida de combates políticos, ideolóxicos, sociais, persoais e mesmo de enfrontamento coas súas propias contradicións como cidadán galego e galeguista. Por iso Celso Emilio rescata, por exemplo, un poema como “Nai”, que aparecía en 1955 no seu primeiro libro en galego, un poema certamente soberbio e que remata con dous versos que estremecen o corazón máis frío:

Eu non choro por ti, pois sei que mouras
onde a fonte do tempo, alá no fondo
de todos os camiños.

Choro por min un pranto inconsolábel,
que me quedei sin ti, meu limpo espello,
coma un arbre na noite, soio e núo,
fendido polo cerne, coas reigames
sin os doces segredos das violedas.

Choro por min, por estas maus de cinza
que outrora foron pombas,
cando o meu corazón era un paxaro
e ti pasabas sempre atafegada
nun andar de formiga labourando.

Tecían as labercas os abrentes
i eu era un vagalume, unha estreliña
ateigada de luz polos camiños.
Dios estaba con nós.

Agora vou senlleiro,
orfo de beixos tépedos sin mácula.
Choro por min que xa non teño colo,
para pousarme nil coma nun niño,
miña nai imposíbel, viva e morta
no cristal dos meus ollos.

Tamén nesta obra, construída sobre o territorio da emoción, o amor ocupa, así mesmo, un lugar destacadísimo. En realidade esta última parte do libro, que comprende quince poemas, fora inicialmente concibida polo autor como un poemario todo el de poesía amorosa. Sen temor a equivocarnos podemos dicir que Celso Emilio Ferreiro entréganos aquí algúns dos máis fermosos versos de amor da nosa literatura, datados en Caracas en 1972 e dedicados, como non, a Moraima:

Cando quero vivir digo Moraima.
Digo Moraima cando semento a espranza.
Digo Moraima e ponse azul a alba.
Cando quero soñar digo Moraima.
Digo Moraima cando a noite é pechada.
Digo Moraima e ponse a luz en marcha.
Cando quero chorar digo Moraima.
Digo Moraima cando a angustia me abafa.
Digo Moraima e ponse a mar en calma.
Cando quero surrir digo Moraima.
Digo Moraima cando a mañá é crara.
Digo Moraima e ponse a tarde mansa.
Cando quero morrer non digo nada.
E mátame o silencio de non dicir Moraima.

O último Celso Emilio poeta é tamén o Celso Emilio que vai vivir a súa ruptura coa UPG ao seu regreso de Venezuela. Agardamos que o novo libro de Ramón Nicolás, que aínda non puidemos ler, (Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro), peche definitivamente este tema. Seguramente o compromiso que Celso Emilio Ferreiro mantivo co nacionalismo galego entre 1964 e 1974 encaixaba perfectamente cunha UPG aínda en constante e progresiva evolución e clarificación interna. Seguramente tamén a súa práctica como militante activo da UPG foi máis aló do seu pensamento, radicalmente galeguista, mais non suficientemente enraizado dunha forma firme nas ideas do nacionalismo, como o demostrou posteriormente a súa evolución política. Por outra parte, seguramente Celso Emilio foi un home de conviccións políticas moi fondas, pero moi simples: a defensa de Galiza, da liberdade e da xustiza social. De calquera xeito creo que debemos valorar que a pesar da súa relación co PCE a comezos dos anos sesenta e a pesar de ser chamado a París con Alexandre Cribeiro e Fernando Alonso Amat para participar en diversas reunións con Enrique Líster e Santiago Álvarez co fin de abordar a posibilidade dun futuro PCG, ao final Celso Emilio decántase por participar na fundación da UPG en xullo de 1964 e por militar no nacionalismo galego unha etapa moi importante da súa vida, dedicando a este compromiso partidario soños e esforzos persoais e asumindo riscos que non todos naquel tempo e na clandestinidade estaban dispostos a asumir. É un acto de xustiza con Celso Emilio recoñecer esa súa entrega ao nacionalismo galego. Non podemos esquecer, por exemplo, o seu inxente labor en Venezuela, onde exerce a Secretaría de Relacións Exteriores da UPG e onde elabora varios números do “Terra e Tempo”, carteis, pegatinas ou un importante documento para espallar e defender as ideas do galeguismo político no seo da colectividade galega de Caracas, un breve ensaio que remata cun “Viva Galicia Ceibe” e no que Celso Emilio escribe que “Galicia é un pobo que ten dereito a rexer os seus propios destiños dentro da comunidade multinacional da Península Ibérica” ou que “a nosa terra é unha nación sometida, asoballada, negada, e que como tal ten un absoluto dereito á súa autodeterminación, como todas as nacións do mundo”. Ese era o pensamento de Celso Emilio en 1967, e a comezos dos setenta, aínda que logo acabara distanciándose do nacionalismo nos anos finais da súa vida, deixando incluso a súa militancia no PSG en 1978 para afiliarse formalmente ao PSOE na agrupación de Vigo en xuño de 1979, tres meses antes da súa morte.

Nós pensamos, non obstante, que non sería correcto valorarmos a obra literaria de Celso Emilio Ferreiro pola súa evolución ideolóxica na etapa final da súa vida, igual que non sería xusto que a súa breve militancia no PSOE eclipsase todo o que hai de luminosidade na biografía política de quen nos seus anos mozos creou con Xosé Velo a Mocedade Galeguista de Celanova e mesmo foi secretario de Organización da Federación de Mocedades Galeguistas, do activista revolucionario que defendía a necesidade dunha organización nacionalista estendida por todo o territorio galego e que soñou durante moito tempo con inzar de pintadas todas as estradas do país co slogan “Galicia ceibe e socialista-UPG”, do home que ao longo de toda a súa vida quixo “acougar nunha terra” e andou “a buscar unha patria, senlleira e ceibe”, do poeta galego que escribiu seguramente os mellores versos da nosa literatura sobre Alexandre Bóveda e que aínda no tempo da transición nos deixou unha súa imaxe de militante pexego, proclamando, puño el alto, a liberdade de Galiza. É innegábel que hai un Celso Emilio Ferreiro que puxo o seu canto e o seu compromiso como cidadán ao servizo da patria que soñamos. Claro que a todos e todas nós nos gustaría que a súa fidelidade ao país tivera tamén a súa plasmación na acción política do nacionalismo neses seus últimos anos, igual que nos gustaría que fose un poeta nacionalista, na liña dun Ramón Cabanillas ou dun Manuel María. Mais Celso Emilio Ferreiro non foi nin Cabanillas nin Manuel María, foi el, coas súas frustracións, coas súas contradicións ideolóxicas, coa verdade da súa palabra, coas súas luces e coas súas sombras, e así o temos que ler, como un poeta que amou fondamente a súa terra e que se mergullou nos problemas da humanidade e do seu tempo, sabendo nós, ademais, que non por ser un poeta de expresión rotundamente nacionalista a súa obra alcanzaría unha maior calidade literaria. Celso Emilio foi un grandísimo poeta galego e ninguén pode negarlle o lugar que en xustiza lle corresponde na literatura galega, por moitas renuncias que el tivera nos anos setenta a respecto da defensa política do seu país desde unha posición nacionalista.

Para descubrirmos a verdadeira dimensión poética de Celso Emilio cómpre que nos liberemos dunha vez por todas dos prexuízos sobre a poesía social e que fagamos, por outra parte, un triplo esforzo intelectual: ver a súa obra no seu conxunto (desde O soño sulagado a Onde o mundo se chama Celanova); valorar o forte impacto literario e social de Longa noite de pedra e, finalmente, analizar todo o seu corpus poético á marxe do compromiso político que tivo o escritor coa esquerda española nos derradeiros anos da súa vida, unha etapa, por certo, absolutamente estéril desde un punto de vista creativo. Celso Emilio Ferreiro foi un poeta extraordinario, como o é Álvaro Cunqueiro cando escribe Dona do corpo delgado ou Herba aquí e acolá ou como o é Manuel Cuña Novás con Fabulario novo. Só abonda con ler un poema como “Eiquí será”, que o poeta incorporou tamén ao libro Onde o mundo se chama Celanova, despois de aparecer en Longa noite de pedra, para sabermos que estamos ante un altísimo poeta:

Quero morrer eiquí (cando me chegue
a hora da viaxe que me agarda).
Equí, niste silencio
de pombas arruladas,
niste vento que dorme nos piñeiros
un profundo soño de arelanzas.
Quero morrer eiquí cos ollos postos
no fumigar das tellas, na borralla
do tempo, frente a frente
de min, aberta a ialma
aos latexos das horas, nunha tarde
ateigada de arpas.
Van e veñen as nubes viaxeiras,
as anduriñas pasan.
O pandeiro da chuvia
repinica unha maina
melodía de outono
que no roncón do río se acompasa.
Quero morrer eiquí.
Ser sementado
nesta miña bisbarra.
Finar eiquí o meu cansancio acedo,
pousar eiquí pra sempre as miñas azas.

Manuel Bragado, no seu blog Brétemas, realiza o seguinte comentario arredor da biografía de Celso Emilio Ferreiro subscrita por Ramón Nicolás.

Case coincidindo co cincuenta aniversario da publicación de Longa noite de pedra, chegaron os exemplares de control de calidade da agardadísima biografía de Celso Emilio Ferreiro preparada por Ramón Nicolás. Probablemente esta biografía monumental, froito dun traballo de investigación moi concienciudo e demorado, constitúa un dos maiores acontecementos do exitoso Ano Celso Emilio. Do excelente traballo do meu admirado Moncho Nicolás, do que sei se falará devagariño nas vindeiras semanas quixera adiantar e salientar neste adral apenas tres cuestións. Primeira: a amplitude do relato e a diversidade dos milleiros de fontes documentais e orais consultadas debuxan un perfil moi completo do autor de Onde o mundo se chama Celanova. Esta será, sen dúbida, durante moito tempo a biografía de referencia sobre Celso Emilio. Segunda: a integración de parte do epistolario de Ferreiro, até agora completamente inédito, achega numerosas novidades biográficas escritas en primeira persoa, ao tempo que clarifica episodios até agora polémicos. Terceira: o magnífico pulo narrativo de Ramón Nicolás, mesmo a súa vontade de estilo inequívoca, tanto nos capítulos de investigación como naqueloutros «ficcionados», fan engaiolante e amenísima a lectura dun libro que supera as seiscentas páxinas. Esta biografía literaria de Nicolás, como a de Barreiro sobre Murguía ou a de Rodríguez sobre Rosalía, amosan o pulo, tamén en galego, dun dos xéneros narrativos preferidos hoxe entre o lectorado literario. Recomendo todas as tres moi vivamente.

15-08-2012

Actos enmarcados no centenario de Celso Emilio Ferreiro.

Recoñecemento como ARRAIANO UNIVERSAL a Celso Emilio Ferreiro.
E pola súa traxectoria literaria, así como polos estudos feitos sobre escritores galegos, e pola defensa da nosa cultura, a Asociación ARRAIANOS, decide nomear a Xesús Alonso Montero, Arraiano Maior da Raia Seca do ano 2012.
Coa entrega do ARRAIANO UNIVERSAL a Celso Emilio Ferreiro, a Asociación Arrarianos, ben a instaurar un novo recoñecemento, que se entregará a persoeiros distinguidos en datas sinaladas e vencelladas a devanditos guieiros da nosa cultura.
Durante a xornada haberá varias actividades que empezan ás 10,30h da mañá: cun roteiro literario ligado aos literatos nados en Celanova, unha ofrenda floral e un acto poético-musical no cemiterio de San Breixoda vila pétrea, onde se entregarán os recoñecementos, un xantar arraiano, e un espectáculo multimedia no claustro barroco do mosteiro de Celanova con actuacións musicais.

   

                                                                   
                                                                 Concello de Celanova

10-08-2012
Edicions Xerais
Autor: Ramón Nicolás
Crónica
EDICIÓN LITERARIA>CRÓNICA>Biografía

Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro é unha biografía monumental, un libro que realiza un percorrido vital pola traxectoria persoal e literaria dun autor de referencia da literatura galega e que ve a luz cando se celebra o centenario do seu nacemento e os cincuenta anos da publicación de Longa noite de pedra. Esta biografía escrita por Ramón Nicolás, que viña transitando polos ecos e as pegadas do universo Celso Emilio Ferreiro desde hai anos, benefíciase da consulta de milleiros de documentos escritos e testemuños orais, dándolle forma a un relato no que se percibe o alento de moitas das persoas que o coñeceron. Ademais, a biografía integra o máis salientable dun epistolario riquísimo, polo que non se detén unicamente na esculca da faceta persoal de Celso Emilio, senón que establece un diálogo da parte máis íntima da súa vida coa fecunda actividade literaria, cultural e política que o caracterizou. O asedio á personalidade e mais ao herdo que Celso Emilio Ferreiro deixou, desde os días luminosos da infancia celanovesa ata os derradeiros momentos da súa vida en Vigo, constitúen o alicerce e sentido final desta voluminosa biografía, concibida, en palabras do seu autor, «coa vontade de sumar para que ese lume que alampea xamais o vexamos morto».

A Coruña, 9-08-2012

Onte na Feira do Libro da Coruña foi presentado o derradeiro libro de Celso Emilio.Xosé Lastra e Manuel Bragado fixeron a presentación desta Antoloxía editada por Xerais, con ilustracions de María Manuela e edición de Xiana e Xosé Lastra. O libro leva un CD con musicación de oito poemas do autor, interpretados por María Manuela,Mini, Mero e Xiana. Como remate da presentación houbo un concerto onde se cantaron seis temas do disco.

O blogue de Ramón Nicolás, cuxa biografía sobre Celso Emilio Ferreiro se anuncia como inminente, iniciou unha sección titulada “Manuscritos” que estreou cun texto inédito de Celso Emilio Ferreiro. Deixámolo aquí: