O blogue Trafegando ronseis incorpora o seguinte comentario da edición bilingüe de Longa noite de pedra publicada a finais do ano pasado:

Reler os clásicos de cando en vez convértese sempre nunha práctica magnífica que permite decatarnos da súa intemporalidade, de como seguen vixentes e, ás veces, incluso poden  reinterpretarse tocando teclas máis actuais. É o que acontece coa versión bilingüe (galego-castelán) de Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, publicada no 2011 por Auga Editora. A tradución e introdución asínaas Ramón Nicolás, a cronografía final corre a cargo de X. A. Perozo e as ilustracións que acompañan algúns dos poemas pertencen a María Lires.

Todos sabemos o significado desta obra no momento da súa escrita (a denuncia da barbarie que supuxo o rexime autoritario franquista e as consecuencias sociais e políticas deste), mais léndoo de novo, vemos a posibilidade de empregar outras claves. Fagamos a proba. Vaiamos á páxina 22 e releamos en Tempo de chorar os seguintes versos: “Hei de chorar sin bágoas duro pranto,/polas pombas de luz aferrolladas,/ polo esprito vencido baixo a noite/da libertá prostituída”. As pombas daquela teñen hoxe distintos nomes (xente en paro, mineiros, inmigrantes…) e todas as tropelías duns cantos contéstanse na rúa coa “salvaxe voz que ha de trocarse en ira,/en coitelo  de berros i alboradas/para subir ao cumio dos aldraxes”. ¿Segue de actualidade ou non?

      O mesmo exercicio podería aplicarse a composicións como O edificio (“I enriba, nas outuras,/deitada sobre arelas i esperanzas,/a Cariátide xorda presidindo”) Libremente(“Nós queriamos libremente/comer o pan de cada día”), Monólogo do vello traballador (“ O patrón está rico á miña conta,/eu, á súa, estou vello”), e tantos outros.

     Unha pequena obxección: saben a pouco os debuxos de María Lires, tan aquelados e suxerentes.

       Dicía Sandor Marai: “Le coma se fose unha cuestión de vida ou morte, porque a lectura é o mellor regalo do ser humano. Ten en conta que de todos os seres vivos, o ser humano é o único que le”. Beizóns a Inés, Irene e Loaira.