Tras o rastro de Celso Emilio

La Región  24-08-2012

Un cabezudo de Celso Emilio de cartón-pedra percorreu onte as rúas de Celanova para escenificar as pegadas do poeta na súa vila natal. Un regreso que forma parte do documental biográfico que está a rodar a Asociación Arraianos.

A Taberna do Galo, os xardíns de Curros Enríquez ou o popular mercado dos xoves celanovés foron onte escenario de rodaxe dun novo proxecto audiovisual na memoria de Celso Emilio Ferreiro. Un cabezudo de cartón-pedra devolveu a Celanova a presencia testimonial da súa figura, chamando a atención dos viandantes que preguntaban con curiosidade cando poderían ver o filme. ‘Presentarase a final de ano, como colofón as actividades organizadas no galo do centenario do seu nacemento’, aclaráballes Aser Álvarez, director do documental biográfico impulsado pola Asociación Arraianos.

Nas últimas tres semanas, o equipo de rodaxe desplazouse por diferentes enclaves vitais do autor de ‘Longa noite de pedra’. Paisaxes de Oviedo, Vigo, Pontevedra, Caracas (Venezuela) ou Celanova serviron de base para retratar o Celso Emilio máis contemporáneo. ‘É un longametraxe 100% Celso Emilio. Moi fresco, pouco académico e onde tratamos de mixturar as súas facetas, o seu carácter auténtico, verdadeiro e combativo, pero sin mitificalo’, advirte Álvarez.


RECONCILIACIÓN CO POBO

Dirixido sobre todo para a xente máis nova, pero que a bo seguro enganchará a todas as idades, o documental mixtura ritmos de rap e hip-hop, coas testemuñas de artistas e veciños que lembran o Celso Emilio máis intimo e o recitado dos seus poemas más representativos. ‘Non lembro cando foi a derradeira vez que o vin, pero si me quedou marcada unha das últimas conversas, onde un Celso Emilio emocionado me confesou a falta de cariño que sentira dos seus veciños, nunha Celanova onde non tiña tantos amigos como il pensaba’, lembra Baldomero Moreiras. Hoxe, cen anos despois, ise sentimento está esquecido.

Máis de 70 persoas colaboran neste proxecto audiovisual impregnado de celanovismo. Dende o seu director Aser Álvarez ata o traballo de son de Javier da Silva, pasando polos artistas locais Baldomero Moreiras ou Méndez Ferrín, así como unha dúcia de amigos e veciños do poeta. O documental, como as obras e publicacións que xurdiron neste ano do centenario, son unha demostración de que o pobo quere ao poeta. ‘E ista biografía audiovisual é a escenificación desa reconciliación, necesaria e de xustiza. Porque fixo máis polo coñecemento de Celanova no mundo que calquera’.

Ao pé da imaxe doutro grande celanovés, Manuel Curros Enríquez, Aser Álvarez lembra a Celso Emilio como un dos referentes da poesía galega, ‘cun discuso que sigue sendo vixente, porque a súa poesía non envellece’.