Entrevista con Ramón Nicolás no Faro da Cultura (Faro de Vigo): «O epistolario de Celso Emilio é un auténtico tesouro»
Entrevista realizada por Lourdes Varela e publicada o 13 de setembro de 2012 nas páxinas do suplemento literario “Faro da Cultura”, do Faro de Vigo.
A saída do prelo de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro (Edicións Xerais) é acaso un dos acontecementos do centenario do poeta, que se conmemora neste 2012. Ninguén máis axeitado para realizar esta “biografía monumental” do de Celanova que Ramón Nicolás, a rastrexar na vida e obra do biografado dende hai anos, tal e como se vira xa reflectido noutros, seus, volumes anteriores.
—Cando, como é o seu caso, se dedican tantas e tantas horas, meses e anos ao estudo dun personaxe determinado, non se corre o risco de obsesionarse con el e acabar por perder a perspectiva? Cal foi a súa “táctica” para manter a obxectividade no momento de abordar a figura de Celso Emilio Ferreiro?
—No meu caso, ese risco si cobrou forma, pois non podería dicir que non acabase obsesionado: sobre todo no seu proceso de confección técnica, talvez non tanto co biografado, senón coa conxuntura de darlle forma a unha enorme cantidade de información. Mesmo creo que, nalgunha medida,era algo natural. Eu partía do interese pola obra, pero a vida de C.E.F. era algo descoñecido para min, dado que nunca o tratei.“Vivir”o personaxe desde tan preto proxectaba algúns riscos que tentei solventar: por un lado, apoiándom no multiperspectivismo –isto é, cederlle espazo ás outras voces que me falaron de Celso Emilio, “escoitando” o que dicían, interpretando posteriormente os centos de documentos conservados, moitos deles inéditos,que se puxeron ao meu dispor desde a Fundación que leva o seu nome, para alén doutros textos que proviñan de colleita propia– e, doutra banda, procurei evitar tamén un ton que puidese resultar monocorde para os lectores. Vistas as dimensións que ía cobrando o traballo, tomei a licenza de construír máis literariamente algún capítulo; sempre, iso si, desde a instancia de ser máis ou menos fiel ao que foron algúns acontecementos na vida de Celso Emilio.
—Coincide Vde. con quen opina que a altura acadada polo Celso Emilio poeta veu perxudidar a estima por esoutro Celso Emilo narrador?
—As cousas son como son no que se refire ás imaxes que van proxectando os focos de interese dun autor ou autora e que logo quedan; isto é, as razóns que explican a súa canonización literaria, e aínda máis no caso dunha das figuras senlleiras da literatura galega do século XX como é o caso que el representa.A súa inclinación pola expresión poética é algo patente desde moi mozo e isto acompañouno até a morte.C.E.F. escribiu poesía sempre: en Celanova,en Asturias ao longo da guerra, en Pontevedra,Vigo, Caracas ou Madrid, arreo. Outra cousa é a relevancia e a celebridade que adquiriu a través do éxito que colleitou Longa noite de pedra e, máis tarde, Viaxe ao país dos ananos ou Onde o mundo se chama Celanova. A súa figura entrou no ámbito do mito, catapultouse a ese olimpo acadado por moi pouca xente,como é o conformado por poetas que reciben o nome de “populares” –antes del, Rosalía, Curros, Cabanillas e poucos máis- e no seu caso impulsado, sen querelo nin pretendelo, por ”Voces Ceibes” e outros cantautores. Era inevitable que as súas achegas noutros xéneros –como no da narrativa- ficasen un tanto ocultas ou difuminadas, cousa que estamos sempre a tempo de emendar asomándonos ao resto do seu legado.
—Os xornais foron un medio onde Celso Emilio Ferreiro publicou moito. Existe, entón, un Celso Emilio xornalista ou quedámonos simplemente coa existencia dun Celso Emilio-escritor que (tamén) publicaba nos xornais?
—A vida de Celso Emilio Ferreiro estivo intimamente relacionada cos xornais, coa tinta e mais a letra impresa. Entendía a súa participación neles como algo natural, que formaba parte de estar no seu tempo e de poder así compartir o que escribía ou pensaba, cando se podía. Na miña biografía rastrexo, creo que amplamente, o seu paso polas numerosas cabeceiras nas que colaborou ao longo da vida, e onde resulta significativa a súa presenza no propio FARO DE VIGO. Celso Emilio exerceu sempre un xornalismo que estaba dacabalo entre a columna de opinión, o articulismo literario e,nalgunhas ocasións, a crónica de viaxes ou os textos de doutrina política. Mais, sen dúbida, fóra do labor de dirección que exerceu no semanario Adiante, e que durou só un número, no boletín Irmandade da Hermandad Gallega, por un breve período de tempo ou mesmo nalgún número do voceiro da UPG –o Terra e tempo clandestino–,o certo é que C.E.F. sempre foi un colaborador externo, un escritor que –tamén– publicaba nos xornais…, e que non o facía mal.
—A traxectoria política de Celso Emilio, que pasou de fundar a UPG a afiliarse ao PSOE, conforma unha deriva coherente ou estivo moi influída por certos desencantos padecidos?
—Na biografía non se ocultan as polémicas que C.E.F. protagonizou ao longo da súa vida. Dentro delas, é inevitable, nunha persoa da súa traxectoria e relevancia, facer referencia á traxectoria política, algo que devén clave para entendelo na integridade.Ao meu ver, a súa foi unha traxectoria intachable respecto do compromiso co país e coa lingua, trazando un percorrido fiel ás ideas do galeguismo e da esquerda.
—O seu libro contén un apartado dedicado ao epistolario de Celso Emilio. Quixera que me falase desa parte da “obra” de C.E.F. e tamén de se atopou Vde. algunha carta, ou cartas, que o sorprendesen ou que lle chamasen especialmente a atención.
—Unha das miñas sorpresas ao asomarme á traxectoria vital de Celso Emilio, foi precisamente acceder ao epistolario conservado: fundamentalmente, o “recibido”, pois C.E.F. . non adoitaba facer copia das cartas que enviaba. Este material que, para min, é un tesouro, foi clave para descubrir ángulos da súa vida persoal e literaria que, iso coido, deica hoxe non foran tratados e que mesmo poden axudar a reformular certos lugares comúns arredor de moitos asuntos de corte persoal, político ou literario da posguerra. No aspecto persoal, hai cartas, por exemplo, de Joaquín Marta Sosa ou Xosé María Álvarez Blázquez que son estremecedoras; outras con Luís González Blasco “For”ou Carlos Díaz son fundamentais para coñecer o seu paso pola UPG; as que susbscriben Alonso Montero, Méndez Ferrín, Manuel María, Neira Vilas ou Basilio Losada… claves para entender a xestión ou recepción da súa obra literaria.
—Hai quen aínda non o cre, pero Celso Emilio e Camilo José Cela foron moi amigos. Como se explica esa amizade se el sabía perfectamente das actividades máis escuras de Cela (censor e chivato, segundo algúns)?
—A amizade entre Cela e Celso Emilio é perfectamente constatable no seu epistolario. Eu limítome a expoñela, pois faltaría á verdade no caso de non facelo público. Quen se asome a ela, advertirá que a relación amigable nace nos anos cincuenta, en Pontevedra, desde as instancias da literatura e a paisanaxe, e vai asentando logo no ámbitos do persoal. Neste, e noutros temas,intentei moverme con prudencia: constato, como é natural, o universo das xentes que o trataron, reflicto as amizades, mais tamén as inimizades; despois corresponderalle ao lector ou á lectora xulgar.
—Logo deste libro, haberá algo máis que dicir (ou que escribir) sobre C.E.F.?
—Creo que moito máis. Ficaron fóra dous longos capítulos, por decisión persoal, pois parecíanme demasiado especializados e, nalgunha medida, prescindibles xa que atinxían, un, o que ocorreu coa figura de C.E.F. desde 1979 deica 1989, cando se lle dedica o Día das Letras, e, o outro, desde aquela data até hoxe. Na biografía deito, nun extenso corpo de notas, información suficiente para afondar ou desenvolver no futuro diversos asuntos como o xornalismo,a súa doutrina política, os seus inéditos, etc. É imposible compendiar todo Celso Emilio, nin sequera nun libro voluminoso coma o meu. Este é tan só un paso máis para ilo coñecendo.