23/09/2012
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva ata a provincia de Pontevedra a campaña Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Cultura que ten como obxectivo difundir e poñer en valor o legado do escritor entre os veciños e veciñas que residen nalgunha das 28 rúas que en Galicia levan o seu nome.

 

Vivo na rúa Celso Emilio FerreiroA Consellería distribuíu entre os veciños das rúas da provincia dedicadas a Celso Emilio Ferreiro o material desta campaña, que consiste nun folleto de dezaseis páxinas con información detallada sobre o autor, presentada de maneira lúdica e orixinal: a vida en formato de fotonovela, unha liña biográfica, información sobre os discos que recollen no mercado os seus poemas musicados, un catálogo das súas obras e mesmo unha proposta de pasatempos (labirinto, sopa de letras, encrucillado etc.) sobre algunha desa información.

A campaña chegou concretamente aos concellos de Vilagarcía de Arousa, Cambados, Pontevedra, Nigrán e Vigo. Fíxoo logo do seu paso polas provincias de Ourense, no mes de abril, e de Lugo, no mes de xuño. A Secretaría Xeral de Cultura completará a difusión desta campaña en outubro, coa distribución dos folletos na provincia da Coruña.

Celso Emilio, nos centros educativos

Xunto con esta campaña, a Consellería de Cultura e Educación promoveu ao longo de 2012 diversas actuacións de divulgación da obra e da vida do escritor de Celanova, no marco da programación do Ano Celso Emilio Ferreiro.

Entre elas inclúese unha exposición interactiva arredor da vida e da obra do escritor. Logo do seu paso polas bibliotecas nodais de Galicia no primeiro semestre do ano, a Consellería de Cultura e Educación retomará nos próximos días a itinerancia desta mostra nos centros educativos de Galicia. Desde o mes de outubro ata final do ano, a exposición achegaralles o legado do poeta ao alumnado de diversos centros de ensino das catro provincias.

24-9-2012
O vindeiro venres, 28 de setembro, ás 20:00 horas, na JT Photogallery, rúa Abeleira Menéndez, 13 de Vigo, vai ter lugar a primeira presentación pública do libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás. No acto participarán Luis Ferreiro, Isabel Ferreiro, Manuel Bragado e Ramón Nicolás.
Ao remate das palabras, intervirán Labregos do tempo dos Sputniks que cantarán poemas de Celso Emilio Ferreiro.

Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro é unha biografía monumental, un libro que realiza un percorrido vital pola traxectoria persoal e literaria dun autor de referencia da literatura galega e que ve a luz cando se celebra o centenario do seu nacemento e os cincuenta anos da publicación de Longa noite de pedra.

Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro
Esta biografía escrita por Ramón Nicolás, que viña transitando polos ecos e as pegadas do universo Celso Emilio Ferreiro desde hai anos, benefíciase da consulta de milleiros de documentos escritos e testemuños orais, dándolle forma a un relato no que se percibe o alento de moitas das persoas que o coñeceron. Ademais, a biografía integra o máis salientable dun epistolario riquísimo, polo que non se detén unicamente na esculca da faceta persoal de Celso Emilio, senón que establece un diálogo da parte máis íntima da súa vida coa fecunda actividade literaria, cultural e política que o caracterizou.

O asedio á personalidade e mais ao herdo que Celso Emilio Ferreiro deixou, desde os días luminosos da infancia celanovesa ata os derradeiros momentos da súa vida en Vigo, constitúen o alicerce e sentido final desta voluminosa biografía, concibida, en palabras do seu autor, «coa vontade de sumar para que ese lume que alampea xamais o vexamos morto».
Ramón Nicolás (Vigo, 1966) é profesor de Lingua e Literatura Galegas. Dirixe a colección BLG de Xerais e exerce a crítica literaria semanalmente no suplemento Culturas de La Voz de Galicia, nas revistas Biblos, Qué leer e desde o seu blogue cadernodacrítica.blogaliza.com. Recibiu varios galardóns en virtude do seu traballo como crítico literario e é patrono da Fundación Celso Emilio Ferreiro. Publicou O soño sulagado de Celso Emilio Ferreiro (1992), Diccionario dos verbos galegos (1992), Entrevistas a Álvaro Cunqueiro (1994), Papeis de literatura (dez anos de revisión crítica) (Xerais, 2001, edición dixital 2012), Manuel Lugrís Freire. Vida e obra (Xerais, 2006) e Manuel Lugrís Freire. Biografía e antoloxía (Xerais, 2006). Participou no Diccionario de Literatura Galega (vol. 1, 1995), en Galicia Literatura (vol. 34, 2000) e en Celso Emilio Ferreiro. Fotobiografía sonora (2008).

Coeditou Fírgoas (Xerais, 1992), Manuel Luís Acuña (Xerais, 2000) e Materia prima (Xerais, 2002). Editou unha Antoloxía da poesía galega 1 (2008) e as seguintes obras de Celso Emilio Ferreiro: Poesía galega completa (Xerais, 2004), Semblanzas, crónicas e artigos (Xerais, 2004), Celso Emilio Ferreiro. Escolma poética (2008); e traduciu ao castelán A taberna do Galo (2010) e Longa noite de pedra (2011) e publicou Conversas con Celso Emilio Ferreiro (Xerais, 2009). Ocupouse de Manuel Lueiro Rey en O sol na crista do galo (Xerais, 2005), Derradeira escolma ferida (Xerais, 2003) e O Grove: canción do sal e do vento (Xerais, 2005). Entre outras, traduciu para o galego obras de Bernardo Atxaga, Rosa María Lojo, Mercedes Neuschäfer-Carlón, Jordi Sierra, Jack London, Jan Lööf, António Mota, Jorge Araújo, Reko e Tina Lundán, Leonel Moura ou Chico Buarque.