Ao fío da publicación de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, Praza pública publica esta entrevista, realizada por Montse Dopico, con
Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro non é só unha biografía máis. O libro de Ramón Nicolás foi agardado como a gran obra sobre a vida e a obra do autor de Longa noite de pedra. E o resultado é un estudo de máis de seiscentas páxinas que documenta, amplía e sistematiza o que xa se sabía, e tamén bota luz sobre aspectos máis descoñecidos, como a etapa de militancia política de Celso Emilio anterior á guerra civil. Tamén reivindica o narrador, o político, o ideólogo, ou o poeta sarcástico. Alén do poeta social, tal como pasou á historia da literatura galega.
En Conversas con Celso Emilio Ferreiro, un libro que publicaches no 2009, traballabas xa con cartas, entrevistas e textos do autor de Longa noite de pedra. Naceu nese tempo a biografía?
A idea de abordar a biografía parte dun traballo que fixen para unha edición facsimilar de Longa noite de pedra, de Xerais, no ano 2002. Previamente traballara sobre O soño sulagado. Pouco despois de acabar a carreira fixera unha busca de textos na hemeroteca do Faro de Vigo… Así, o contacto viña de atrás, e o libro de conversas foi o primeiro paso, pero o proxecto da biografía, en concreto, tomou corpo hai uns sete ou oito anos.
As fontes son moitas e variadas. Supoño que che fixeron falta todos estes anos para consultalas…
Tentei ser todo o exhaustivo posible, aínda que sempre hai cousas que quedan fóra. De feito despois de publicar o libro aínda me chegaron datos que non coñecía… Beneficieme moito, sobre todo, da consulta do epistolario do arquivo de Celso Emilio. No fondo da Fundación tamén se conservan moitos documentos de carácter persoal. Outra parte do material atopeina eu en hemerotecas, en arquivos particulares… Tamén fixen entrevistas. Podían ser máis, pero non houbo tempo. E despois está, ademais, esa interpretación máis libérrima que fago, nesas partes que son máis literarias. Aínda que é unha licenza persoal, todo o que conto responde á realidade: se non foi así, sería moi parecido. En todo momento tentei ser moi respectuoso cos documentos, e citar as fontes. Nunha biografía sempre quedan cabos soltos, pero nalgún momento tamén hai que parar. De feito, suprimín os dous capítulos finais, porque eran bastante longos e xa levaba máis de 600 páxinas.
“Teño a convicción de que o censor non sabía o que facía cando aprobou a publicación de Longa noite de pedra. De feito, poemas deste mesmo libro, cando xa estaban publicados, atoparon problemas coa censura no contexto da Nova Canción Galega”
Unha das moitas dimensións de Celso Emilio que tratas é a de colaborador ou redactor en prensa e revistas, que lle axudaron a proxectarse tamén como escritor, non si?
Si, escribe en moitas publicacións. O que eu procurei na biografía é sinalar onde o fixo, e na medida do posible onde se poden atopar esas fontes… É evidente que, desde moi novo, espalla o seu pensamento político a través desas publicacións que, si, danlle unha transcendencia maior como autor.
“Celso Emilio Ferreiro foi a cabeza visible das Mocedades Galeguistas en Celanova. E enchoupou cun compromiso e unha belixerancia moi fortes toda a Federación das Mocedades Galeguistas: cun pensamento, ademais, arredista”
E esa faciana súa está relacionada cos moitos problemas que tivo coa censura. Como cando Manuel Fraga, daquela ministro de Información e Turismo, cualificou de “repugnante libelo” os Canti della nuova resistenza espagnola nos que Celso Emilio participaba cuns poemas, e mesmo instigou a publicación dun libro profranquista como resposta…
Tivo, si, moitos problemas coa censura, sobre todo a partir da publicación de de Longa noite de pedra. Eu teño a convicción de que o censor non sabía o que facía cando aprobou a publicación de Longa noite de pedra. De feito, poemas deste mesmo libro, cando xa estaban publicados, atoparon problemas coa censura no contexto da Nova Canción Galega, cando foron musicados. A Celso Emilio prohibíronlle libros enteiros, ou partes, como os dez poemas de Antipoemas que despois publicou en Venezuela co título Poemas prohibidos.
Da súa militancia política coñécese o seu paso pola UPG, o PSG, o PSOE… Pero non tanto a súa importancia no galeguismo xuvenil da preguerra, na que afondas no libro.
Celso Emilio Ferreiro foi a cabeza visible das Mocedades Galeguistas en Celanova. E enchoupou cun compromiso e unha belixerancia moi fortes toda a Federación das Mocedades Galeguistas: cun pensamento, ademais, arredista. Non pertenceu ao Partido Galeguista, pero tivo unha influencia enorme nas Mocedades. Chegou a ser designado concelleiro, pero non quixo aceptar o cargo por non colaborar coas forzas españolas.
“Cando se decantou polo PSOE non o fixo só: foi unha decisión colectiva de máis xente do PSG. Ademais, o PSOE daquel momento non abdicara aínda do seu marxismo, tiña unha proposta federalista…”
Unha das túas conclusións é, precisamente, que se mantivo sempre fiel aos seus principios, fronte á visión dos que o critican polas súas mudanzas de partido.
El mantívose sempre dentro das coordenadas do pensamento socialista e nacionalista. Cando se decantou polo PSOE non o fixo só: foi unha decisión colectiva de máis xente do PSG. Ademais, o PSOE daquel momento non abdicara aínda do seu marxismo, tiña unha proposta federalista… Eu creo que os seus cambios tiveron que ver, ademais, co desencanto. Estando na órbita do PSG, fora candidato ao senado pola Candidatura Democrática Galega, e non saíra elixido por poucos votos, malia estar traballando a prol do nacionalismo desde os anos 20…
Unha das etapas máis escuras da súa biografía segue a ser a asturiana, durante a guerra civil.
É certo. Celso Emilio estaba moi preocupado pola evolución dos acontecementos no 36, e foi ver ao gobernador civil para tentar facer algo. Acabou sendo detido, despois liberado, logo estivo un tempo agochado… Fora chamado a filas, e eu creo que na súa decisión de incorporarse ao exército pesou moito o irmán. Na súa etapa de soldado coñeceu a Moraima, escribía poemas en castelán… Nun permiso berra en público Viva Rusia, unha veciña denúnciao, e acaba no calabozo no mosteiro de Celanova: é entón cando escribe o poema que lle dará título a Longa noite de pedra. A súa situación era moi difícil entón. E é nese contexto, e en concreto no da conmutación da súa pena de morte, no que aparece, asinado por Emilio Ferreiro Miguez, o poema en El Compostelano que gaba o exército, e que se cadra o obrigaron a escribir, se é que é da súa autoría.
“Nun permiso berra en público Viva Rusia, unha veciña denúnciao, e acaba no calabozo no mosteiro de Celanova: é entón cando escribe o poema que lle dará título a Longa noite de pedra”
A súa poesía social non foi entendida por todo o mundo na súa época. Citas no libro críticas de persoas que a consideraban panfletaria…
É certo que o libro Longa noite de pedra non encaixou con parte do stablishment galego da época, que non soubo ver a importancia dun libro que se converteu en parte fundamental da historia da literatura galega. A súa poesía de corte social non era o modelo de Pimentel, nin do propio Aquilino Iglesia. É singular, neste sentido, que Longa noite de pedra demorase tanto en reeditarse, e que non o fixese Galaxia, senón El Bardo, en edición bilingüe.
É singular que Longa noite de pedra demorase tanto en reeditarse, e que non o fixese Galaxia, senón El Bardo, en edición bilingüe
Reivindicas, na biografía, o Celso Emilio narrador.
Si, a súa narrativa quedou un pouco esquecida. Chegou a facer unha viaxe a Madrid cun feixe de relatos, pensando en proxectarse como narrador en castelán, pero esa idea non chegou a levala a cabo nunca. En galego escribiu dúas grandes pezas de narrativa. A fronteira infinda é un libro moi bo, con conexións con Avilés de Taramancos. A taberna do galo é unha obra chea de humor, ironía… que ía formar parte de Memorias de nunca, un libro que non chegou a rematar. Na biografía reivindico tamén o Celso Emilio ideólogo, os seus textos de índole política e doutrinaria. Non só os que escribiu para as Mocedades. Tamén os de Terra e Tempo cando estaba coa UPG, ou a súa reflexión política posterior ao 75, con achegas moi interesantes.
“Mantivo diferenzas con Piñeiro pero en realidade sempre mantiveron unha relación máis ou menos cordial. Con outros amigos si que chegou a haber ruptura: con Cunqueiro, con Paco del Riego…”
Tiña sona de ter un carácter moi forte, e acabou afastándose de parte dos que foran os seus amigos. Nas diferencias con Galaxia, canto pesou o visceral anticomunismo de Ramón Piñeiro?
Para entender a súa relación con Piñeiro hai que ter en conta que se coñecían desde as Mocedades. É certo que tiveron diferencias, -é coñecido o anticomunismo de Piñeiro, que mesmo criticou con dureza a súa obra-, pero en realidade sempre mantiveron unha relación máis ou menos cordial. Con outros amigos si que chegou a haber ruptura: con Cunqueiro, con Paco del Riego… Con Cela sempre tivo boa relación. Hai pouco souben que na Fundación Cela se conserva o limiar que este autor escribira para La jaula de los pájaros raros. Unha das razóns das súas discusións cos amigos foi que aceptase ser director cultural do Ateneo de Madrid, nun momento no que a presidenta fixera unhas declaracións pouco afortunadas sobre as “linguas rexionais”.
Foi acusado de traidor. A polémica do Ateneo tivo que ver, ademais, segundo contas no libro, coa súa decisión de deixar a UPG.
Celso Emilio sentiuse moi illado, estando en Venezuela. Sentiu que non contaban con el na UPG. Chegou a dicir que non sabía se a UPG seguía existindo, porque non lle chegaba noticia ningunha. E isto doíalle moito. Cando volveu xa dixo el que seguía a ser o mesmo pero que ía a estar “dormente”. A partir diso foise afastando máis. E cando pasou o do Ateneo, dous compañeiros foron visitalo para facerlle escoller entre o cargo de director cultural, polo que non cobraba, ou o partido. El pensaba que ese traballo era unha oportunidade para dignificar a cultura galega, dala a coñecer en Madrid… Por todo isto acaba uníndose ao PSG.
“Cando pasou o do Ateneo, dous compañeiros foron visitalo para facerlle escoller entre o cargo de director cultural, polo que non cobraba, ou o partido”
Tamén foi moi criticado por publicar en castelán.
Celso Emilo sabía, desde a edición bilingüe de Longa noite de pedra, que publicar en castelán era un xeito de chegar a moita máis xente. Pero é que ademais é a época de Gabriel Aresti, de Salvador Espriu… Tiña que haber un representante da literatura galega. De feito con Onde o mundo se chama Celanova gaña o Premio da Crítica Española.
O seu Viaxe ao país dos ananos sentoulle mal a moita xente, que o entendeu como un ataque a toda a comunidade de emigrantes. Non lle perdoaron, no seu tempo…
E hai xente que aínda hoxe se sinte ferida e doída por ese libro. E iso que mesmo Seoane recoñeceu que o que Celso Emilio dicía sobre Caracas era moi semellante á realidade de Bos Aires ou doutros sitios. Porque había, si, moitos ananos entre os emigrantes. Hai que ter en conta que os mesmos que o chamaron para traballar na Hermandad Gallega acaban non só expulsándoo, senón facendo o posible para que non atopase outro traballo, para que o botasen do país… Foi unha etapa moi dura para el.
“Os mesmos que o chamaron para traballar na Hermandad Gallega acaban non só expulsándoo, senón facendo o posible para que non atopase outro traballo, para que o botasen do país… Foi unha etapa moi dura para el”
Ademais da dimensión social-realista da súa poesía, reivindicas outras, como a irónica ou a intimista, ás que se lles presta menos atención.
Creo que foi Alonso Montero quen dixo que Celso Emilio foi, con Quevedo, o gran autor crítico e sarcástico. A parte intimista está en Onde o mundo se chama Celanova, en O soño sulagado, e nalgúns poemas de Longa noite de pedra. En O soño sulagado xa atopamos moitos dos elementos que se desenvolveron en Longa noite de pedra.