O derradeiro verso de Antidio Cabal

Caderno da Crítica 1-11-2012

Infórmame Luís Ferreiro, director da Fundación Celso Emilio Ferreiro, do pasamento de Antidio Cabal. É ben posible que a súa morte pase desapercibida no mundo cultural galego, agardo que non no hispánico onde desenvolveu un monumental labor creativo, especificamente poético e ensaístico. Entre nós debía ser lembrado aínda que fose só pola estreita amizade que o uniu a Celso Emilio Ferreiro na época venezolana deste último. Se cómpre falar de dúas persoas, poetas os dous, que exerceron un poderoso influxo no poeta de Celanova, e viceversa; que estiveron canda el,  canda Moraima e os fillos destes nos bos e malos momentos, estes foron entre outros Joaquín Marta Sosae mais Antidio Cabal.

        Manexei moita información de Antidio que se custodiaba na Fundación CEF para a elaboración da biografía de Celso Emilio, sobre todo marabillosas cartas de índole persoal, mais tamén a súa era unha presenza recorrente cando falaba con calquera persoa arredor das vivencias daqueles anos en Caracas, momentos tamén pragados de anécdotas extraordinarias. Vivía en Costa Rica desde había tempo mais tiven ocasión de coñecelo en Vigo no ano 2004, nunhas Xornadas sobre Celso Emilio Ferreiro, ás que asistiu emocionado polo recordo de quen foi o seu amigo; lembro que deixou mostra nun relatorio dunha lúcida e asombrosa  interpretación do valor da poesía no mundo, e a de CEF concretamente: foi mágoa que nunca se publicase.

      Deixo abaixo senllos poemas de Antidio. Que a terra lle sexa leve.

Mi alma sin libertad ha levantado
un rasgo de relámpago, que es un rasgo
ardiente
de restos de belleza,
y la acción del amor es
un herido
completo de ceniza.

El amor me engaña cuando no me convence,
el amor me engaña cuando me convence,
el amor me engaña cuando existe.