O Teatro Jofre encheuse para escoitar os poemas musicados de “O meu primeiro Celso Emilio”
17-11-2012, Diario de Ferrol
Ante un Jofre ateigado –desde o martes xa non quedaban entradas– a lembranza á poesía de Celso Emilio Ferreiro volveu inzar de emoción o teatro ferrolán na presentación da obra didáctica “O meu primeiro Celso Emilio” (Edicións Xerais), elaborado por Xosé e Xiana Lastra neste ano que é o do centenario do escritor celanovés.
Trala presentación do volume, o espectáculo trasladouse ao escenario coa música que inclúe este libro-disco. As súas voces, María Manuela, Xiana Lastra e Mini e Mero, interpretaron os poemas musicados do mestre de Celanova, pezas entre as que non faltaron “Erguerémo-la espranza”, “Eu en ti”, “Agardarei” ou tamén unha cantiga adicada ao propio poeta “Cantiga a morte de Celso Emilio Ferreiro”
Entre tema e tema, na pantalla do Jofre proxectouse un audiovisual que ía debullando a vida e obra do escritor. Ademais dos cantantes do proxecto, tamén estaban músicos que interviron na gravación e outros a maiores, como o pianista Pablo Sabio, Xurxo Varela, o baixista Manolo Dopico, Paco Barreiro, Nuria Lestegás ou Roberto Grandal, que xa puxeron música ao espectáculo noutras localidades.
Pola mañá, houbo unha presentación previa para 500 escolares de Ferrol