19-11-2012, Tempo de lecer Ourense

Data: Luns, 19 de novembro de 2012.
Actividade: Presentación do libro Onde o Mundo se chama Celso Emilio Ferreiro.
Lugar: Liceo (Ourense).

Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro” ofrece por primeira vez o acceso ó epistolario e documentación inédita para coñecer ao poeta celanovés.

 

Aquí está o meu Celso Emilio, o que puiden coñecer a través dos documentos e por as voces que me falaron dél”.
Con estas verbas o escritor e investigador Ramón Nicolas quixo explicar a súa última obra, “Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro” , editado por Xerais.

 O Salón Nobre do Liceo Recreo Ourensán acolleu este luns, 19 de novembro , a presentación dunha intensa biografía sobre o escritor celanovés, unha obra que levoulle ao seu autor cinco anos de investigación nos documentos públicos, pero tamén “e por vez primeira, o acceso a documentos privados” relacionados co autor de Longa Noite de pedra.

O resultado é unha obra de máis de 600 páxinas nas que o autor destacou o descobremento dun novo Celso Emilio.
Ramón Nicolás destacou que o principal descobremento deste último achegamento a Celso Emilio é “o seu compromiso coa súa tribu, os máis próximos, o clan Ferreiro”, unha característica que sempre queda oculta por outra das facetas do escritor celanovés, que tamén destaca Ramón Nicolás na súa obra: “o seu extraordinario compromiso coa actividade política, xa dende os seus anos de mozo en Celanova”. O autor resaltou que ó longo da traxectoria vital de Celso Emilio sempre destacou a súa vinculación co galeguismo e o “mundo das esquerdas”. O escritor considerou que estes dous eixes da personalidade de Celso Emilio se completan co seu “compromiso intenso coa creación literaria e cos máis desfavorecidos da sociedade”.

O epistolario inédito do escritor

A biografía foi posible, segundo o autor, grazas a o acceso libre ó “epistolario inédito do escritor”, o que tivo acceso grazas á colaboración da Fundación Celso Emilio Ferreiro. Nestas cartas recibidas polo escritor podense rastrexar as súas preocupacións, tanto persoais, como en materia artística ou política. Para completar estes últimos aspectos, a obra tamén documéntase exhaustivamente nos artigos e colaboracións firmadas por Celso Emilio e que apreceron na prensa galega. Ramón Nicolás tamén destaca que “por primeira vez” daselle voz ós que compartiron vivencias co escritor celanovés. “Tiven a fortuna de entrevistar á memoria vinculada con Celso Emilio. É algo moi valioso poder escoitar as súas vivencias por xentes que as compartiron”. O texto complétase con varios capítulos novelados, nos que o autor considera que “están tan documentados que eu os conto tal e como pasaron, ou penso que moi parecido”.

Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro foi presentado por Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia e presidente da Asociación Galega de Editores, quen destacou que a obra de Ramón Nicolás “aborda novidades moi interesantes sobre a figura de Celso Emilio”, algo que calificou coma “sorprendente” tendo en conta que Celso Emilio é un dos autores galegos con máis obra publicada entorno a súa figura. Bragado destacou que “a obra achega novidades” e “clarifica episodios da súa vida” grazas ós “milleiros de documentos consultados ó longo dos cinco anos de criación desta obra e polo acceso á correspondencia do arquivo da Fundación”.

Pola súa banda, Luis Ferreiro, da Fundación Celso Emilio Ferreiro e fillo do autor, calificou este libro como “a biografía canónica e oficial, autorizada pola familia” pola “súa visión total” sobre o protagonista “respaldada por unha enorme documentación e que sólo contén una pequena parte de ficción”. Ferreiro tivo un recordo especial para o Liceo Ourensán, o que recordou “polas visitas que facía cando era neno para visitar ó meu tío, que entón era o director desta casa”.

Un nacionalismo galego moderno e de esquerdas

Xoán Carlos Domínguez Alberte, do Centro de Documentación da Asociación de Escritores en Lengua Galega, aproveitou a súa intervención para resaltardiversos episodios da vida de Celso Emilio, coma a súa aposta pola  construción dun nacionalismo galego moderno e de esquerdas” que levouno a tentar a confluencia entre a unión do Pobo Galego e o Partido Comunista. Domínguez Alberte tamén resaltou a que definiu coma a súa “etapa conflitiva en Caracas” onde a súa oposición a Dictadura non era seguida por moitos dos membros da emigración galega. Nesta liña de oposición ó fascismo foi o terceiro dos casos concretos sinalados por Domínguez Alberte na obra de Ramón Nicolás, a súa”chamada ós mozos no ano 1934 a tomar partido e combater en contra do fascismo”.
Nesta liña enmarcouse un párrafo lido por Dominguez Alberte ó peche da súa presentación, extraído dun artigo titulado A Pantasma do ano 1934: “Os mozos temos que declararlle a guerra a todos os fascismos, non se pode ser transixente con quen predica a intransixencia, nin negociar con quien odia a libertade, non se pode ser demócrata con quen quere destruir a democracia”. Domínguez Alberte considera que o libro de Ramón Nicolás sirve para “dar a coñecer a actualidade da mensaxe de Celso Emilio e dar a coñecer as múltiples facetas dunha figura insobornable polo poder”.

A presentación contou coa presenza do conselleiro de Cultura en funcións da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez e a cantante María do Ceo, quen ofreceu un concerto con letras de Celso Emilio Ferreiro para finalizar.

 

 

18-11-2012

<<Deitado frente o mar>>

Ao cumprirse o centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, unha das voces fundamentais da literatura galega da segunda metade do século XX, desde a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) desexamos renderlle homenaxe pública cunha acción de carácter colectivo que simbolice toda a forza e enerxía que transmite a súa palabra,símbolo permanente de valores de solidariedade e xustiza universais, pero tamén de compromiso cívico coa cultura e lingua de
Galicia

.RecitandoCelsoemiliO

1. A quen se dirixe?

En primeiro lugar, a todos os centros educativos da comunidade educativa galega, en todos os niveis de ensino non universitario, desde Educación Infantil ata Bacharelato.
Tamén poden sumarse a esta iniciativa asociacións de nais e pais, clubs de lectura,bibliotecas escolares e municipais, asociacións veciñais… e calquera persoa ou entidade interesada en participar nun acto festivo en torno á figura de Celso Emilio Ferreiro.

2. En que consiste?

A actividade consta de dúas accións simultáneas e complementarias:
Un acto colectivo de recitado público do poema Deitado fronte ao mar de Celso Emilio Ferreiro, publicado inicialmente no libro Longa noite de pedra (1962).

Un envío masivo a través das redes sociais do lema recitandocelsoemilio, acompañado do texto do poema Deitado fronte ao mar.

3. Cal é o lema da convocatoria?

O lema común vai ser recitandocelsoemilio; durante o tempo de celebración da actividade de recitado este lema debe figurar en lugar ben visible encabezando o acto, mediante o soporte físico que se estime máis oportuno.

4. Cando se celebra?

Moi doado: o mércores día 12 de decembro de 2012, ás 12.00 horas; a celebración do recitado deberá axustarse en todos os centros de ensino á data e hora oficial desta convocatoria, así como a difusión do lema central a través da rede.

5. Onde se celebra?

Dentro dos centros educativos, recoméndase a celebración conxunta de toda a comunidade escolar en espazos como salóns de actos, bibliotecas, patios de recreo, instalacións deportivas… Se existise colaboración de entidades como concellos, asociacións culturais ou de veciños, recoméndase que o recitado colectivo se celebre en lugares públicos fóra do centro que poidan ter un valor simbólico para a comunidade.

6. Como se participa?

Todos os centros educativos ou entidades colaboradoras que desexen participar en recitandocelsoemilio deberán enviar un correo electrónico de confirmación á CGENDL, indicando nome do centro, persoa oordinadora da actividade e número previsto de participantes. O prazo límite de inscrición remata o luns 10 de d ecembro.Unha vez celebrado o acto, deberá ser acreditado ante a CGENDL mediante rexistro fotográfico ou audiovisual do mesmo; as imaxes ou gravacións que dean conta do recitado serán enviadas á páxina web da CGENDL, especificando datos concretos do centro educativo e do número de persoas participantes no mesmo.

7. Cal é o seu obxectivo?

O obxectivo central é manter viva a memoria dun dos grandes poetas galegos do século XX a través da posta en valor dun dos seus poemas máis emblemáticos; así mesmo, desexamos manifestar, dun modo lúdico e masivo, o noso compromiso cívico cara á lingua galega, porque si, porque nos peta. 

8. Quen a coordina?

O equipo de normalización e dinamización lingüística de cada centro educativo; por defecto, calquera membro do equipo directivo ou do claustro dun centro que asuma o cumprimento correcto da actividade, baixo as condicións especificadas nos puntos anteriores.

9. Como se pode enriquecer esta actividade?

Aínda que o acto central de recitandocelsoemilio consiste na acción de recitado físico prevista para o día 12 do mes 12 do ano 2012, durante as semanas previas á actividade cada centro educativo ten a potestade de enriquecer e contextualizar o acto con aqueles recursos didácticos e lúdicos que estime máis oportunos. Suxerimos accións como:
elaboracións de temas musicais a partir do texto do poema, elaboración de murais, collages e pancartas xigantes, gravación e difusión de vídeos inspirados na temática do poema, utilización de espazos virtuais para difundir a obra de Celso Emilio Ferreiro e calquera outra acción de carácter creativo que contribúa a  incrementar a participación en recitandocelsoemilio, ben no propio centro, ben no contorno escolar.

10. En definitiva...

Se tedes interese en vos sumar a esta iniciativa, promovida pola CGENDL, agradecemos que vos apuntedes o antes posible e que a difundades por todos os medios ao voso alcance, para que esta información chegue axiña a todos os claustros escolares, asociacións de nais e pais, bibliotecas e clubs de lectura de Galicia.

A que estades esperando?

Unídevos xa a RecitandoCelsoemiliO!

COA VOSA AXUDA PODEMOS CELEBRAR UNHA GRAN FESTA COLECTIVA!

Nota:

A CGENDL desexa facer público o seu máis fondo agradecemento @s profesor@s Luz Beloso e Seso Durán (AudioVisual As Barxas), así como ao alumnado do IES As Barxas, pola seu entusiasmo e xenerosidade para con nós, pois grazas ao seu traballo e esforzo contamos cun magnífico vídeo de presentación da actividade. Beizóns!

Coordinadora Galega e ENDL – correo@coordinadoraendl.org