Cultura e Educación leva ao IES Aquis Celenis, en Caldas de Reis, unha exposición interactiva sobre a vida e obra de Celso Emilio Ferreiro

Nov 18, 2012 editor de CEF novas

15-11-2012

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva ao IES Aquis Celenis de Caldas de Reis unha exposición interactiva sobre a vida e obra de Celso Emilio Ferreiro. A mostra, que estará neste centro educativo ata o vindeiro 21 de novembro, enmárcase dentro das actividades programadas pola Xunta de Galicia para conmemorar o Ano Celso Emilio Ferreiro, declarado polo Parlamento de Galicia con motivo do centenario do nacemento do poeta.

Grazas a esta mostra, os estudantes poderán achegarse ao poeta de Celanova a través dun formato interactivo e novidoso que inclúe imaxes, poemas musicados, audiovisuais, xogos interactivos e mesmo gravacións sonoras co recitado de Celso Emilio Ferreiro. Ademais, xunto coa instalación multimedia, tamén se exhiben algúns dos seus obxectos persoais, entre os que se inclúen unhas lentes, a súa máquina de escribir e unha cámara fotográfica.

Esta mostra interactiva, que está percorrendo centros educativos das catro provincias galegas, visitará proximamente o IES Xesús Taboada Chivite, de Verín; o IES Lauro Olmo, do Barco de Valdeorras; e o IES de Celanova, vila natal do autor, na que se clausurará esta exposición no mes de decembro.

Moitos destes contidos están accesibles tamén vía web na páxina oficial do escritor,ttp://celsoemilioferreiro.org/, que puxeron en marcha este ano a Xunta de Galicia e a Fundación Celso Emilio Ferreiro.
Un enfoque interactivo e lúdico para achegarse a Celso Emilio No seu obxectivo de achegar a obra de Celso Emilio Ferreiro a toda a cidadanía, a Secretaría Xeral de Cultural tamén promoveu a realización de dúas unidades didácticas interactivas sobre o poeta adaptadas aos niveis de primaria e secundaria. As novas unidades didácticas están dispoñibles no espazo Abalar da Consellería de Cultura e Educación, en http://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/espazos/recursos. Ambas as dúas, cunha mesma estrutura e metodoloxía, repasan a vida e obra do poeta celanovés a través de seis etapas vitais diferentes, con textos descritivos e propostas de actividades lúdicas interactivas que os introducen tamén na súa creación poética.

A superación dos diferentes retos en forma de dameiros, chuvias de palabras e cuestionarios permítenlle ao alumno ir sumando puntuación como elemento de motivación para superar novas probas. No desenvolvemento destas actividades os participantes acceden a fotografías do autor, os seus textos orixinais e mesmo á voz de Celso Emilio recitando os poemas da súa autoría.

 

Artigos relacionados


A Casa dos Poetas honra a Celso Emilio Ferreiro
Celso Emilio, Canto de Cego a Federico G. Lorca interpretado polo Grupo A QUENLLA
Placa conmemorativa na casa natal de Celso Emilio en Celanova