Recitando Celso Emilio a 30.000 voces

Dec 11, 2012 editor de CEF novas

11-12-2012, Praza Pública

Arredor duns 30.000 rapaces duns 200 centros educativos de toda Galicia participarán este mércores nunha homenaxe a Celso Emilio Ferreiro a través dun recitado colectivo que servirá tamén como acto reivindicativo “en defensa da lingua”. Será ás 12 do mediodía, do día 12 de 2012 nunha actividade organizada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (Cgendl).

Uns 30.000 rapaces recitarán á vez o poema ‘Deitado fronte ao mar’

A homenaxe centrarase nese recitado público, enorme e colectivo do poema Deitado fronte ao mar por parte de milleiros de cativos, á vez que nas redes sociais se promove “a mobilización” a través do hashtag #recitandocelsoemilio e mentres os centros escolares levan xa tempo elaborando vídeos, performances, murais e outros materiais ao redor deste poema do escritor de Celanova.

Será “unha homenaxe pública cunha acción de carácter colectivo que transmite toda a forza e a enerxía da súa palabra”

A Cgendl aproveita o centenario do nacemento do poeta para renderlle “unha homenaxe pública cunha acción de carácter colectivo que transmite toda a forza e a enerxía da súa palabra, símbolo permanente de valores de solidariedade e xustiza universais, pero tamén de compromiso cívico coa cultura e lingua de Galicia”.

Así, esta actividade, colectiva e simultánea, constará de diversas accións: O acto colectivo de recitado público simultáneo do poemaDeitado fronte ao mar,de Celso Emilio Ferreiro, publicado inicialmente no libro Longa noite de pedra (1962); un envío masivo a través das redes sociais do lema #recitandocelsoemilio, acompañado do texto do devandito poema, así como de lemas a prol do uso ea promoción do idioma.

Aínda que a homenaxe está centrada na actividade dos máis pequenos, tamén participarán un número moi significativo de colectivos vencellados á comunidade educativa, ao tempo que a Cgendl aclara que “a actividade está aberta á participación doutras entidades e colectivos, como concellos, asociacións culturais, bibliotecas e clubs de lectura”.

“O obxectivo central deste acto é manter viva a memoria dun dos grandes poetas galegos do século XX a través da posta en valor dun dos seus poemas máis emblemáticos, cuxa temática é unha mostra do orgullo pola nosa lingua que desde a Cgendl queremos promover”, aclara a Coordinadora.

Artigos relacionados


Agardarei, poema de Celso Emilio cantado por “ELADIO Y LOS SERES QUERIDOS”
Inauguración do mural de Celso Emilio no IES de Chapela
Lecturas críticas sobre «Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro»

Comentarios (2)


Os comentarios están pechados para este artigo