12-01-2013,La voz de Galicia

Producido por Arraianos, foi incluído na lista da Academia Galega do Audiovisual .
A Academia Galega do Audiovisual publicou a lista de candidaturas aceptadas para os premios Mestre Mateo 2013 na que o documental 100 % CEF, producido por Arraianos sobre a figura de Celso Emilio Ferreiro, figura entre os mellores documentales do ano. Aparece nas categorías de mellor guión, dirección de fotografía, montaxe, música orixinal e mellor produción. O guión é de Aser Álvarez, así como a dirección. Alfonso Cortizo encargouse da dirección de fotografía. Este documental fíxose aproveitando que  2012 foi o ano dedicado a lembrar a Celso Emilio Ferreiro con numerosas actividades culturais, entre elas, a gravación do citado traballo que agora opta a estes premios da Academia Galega do Audiovisual.

12-01-2013,Concello de Lalin

 

Anunciouno o alcalde, José Crespo, no transcurso da inauguración da exposición interactiva multimedia en homenaxe ao poeta celanovés, que tivo lugar no Auditorio, e á que asistiron os secretarios xerais de Cultura, Anxo Lorenzo, e de Política Lingüística, Valentín García, ademais dos concelleiros María Álvarez e Manuel González Aller

Abrindo os actos de homenaxe do Concello de Lalín a Celso Emilio Ferreiro, onte tivo lugar no Auditorio lalinense a inauguración da exposición interactiva multimedia sobre este destacado poeta, escritor e galeguista con motivo do seu centenario. Unha mostra que incorpora obxectos persoais, fotos, poemas musicados, narraccións de poesías coa propia voz de Ferreiro, e na que estiveron presentes o alcalde de Lalín, José Crespo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e os edís María Álvarez e Manuel González Aller. Participaron nela ao redor dun público conformado por 60 persoas, procedentes de centros educativos e do mundo artístico da comarca.

Crespo destacou a especial vinculación que Celso Emilio Ferreiro tivo con Lalín, xa que foi amigo de Laxeiro, degustou cocido con Castroviejo e foi pregoeiro da Feira do Cocido en 1978, un pregón do que se conserva copia e que “se nota que o preparou”. Por este especial arraigo do poeta celanavés con Lalín, Crespo anunciou que ao longo deste ano se lle dedicará unha rúa ou un espazo público: “Celso Emilio Ferreiro terá un recuncho en Lalín, KM0 de Galicia, a modo de recoñecemento á traxectora deste gran poeta”.

Valentín García tamén abondou na relación de Ferreiro con Lalín, especialmente con Laxeiro e co escritor Ramón de Valenzuela e Anxo Lorenzo subliñou que en 2012 non acaba o ano de Celso Emilio, continúa para seguir poñendo en valor a súa obra.