Proxección do documental 100% CEF na Casa das Crechas en Santiago
21-03-2013
A Casa dás Crechas proxecta 100% CEF, un documental froito da edición e a montaxe de case cen horas de gravación con entrevistas, colaboracións artísticas, lecturas de poemas e musica, que axuda a debuxar un retrato contemporáneo e pouco académico de Celso Emilio Ferreiro, 100 anos logo do seu nacemento. Este traballo audiovisual, escrito e dirixido polo celanovés Aser Álvarez e con Luís Tosar no papel de Celso Emilio, foi gravado en Celanova, Acebedo, Vigo, Pontevedra, Santiago, Asturias e Ourense. A TVG, a Xunta de Galicia e os concellos de Pontevedra, Vigo e Celanova, ademais de ducias de empresas e particulares colaboran neste traballo, promovido por Arraianos e coproducido con Asombra. Ao longo dunha hora de duración, Celso Emilio Fereiro (Celanova, 1912- Vigo, 1979) é (re)construído a través de entrevistas con familiares, expertos, historiadores, literatos, amigos e grazas á participación de persoas anónimas e coñecidas que recitan, len, rapean e cantan os seus poemas, demostrando que CEF é un dos poetas máis populares de Galicia.
“É un documental biográfico pero que non aspira a abarcar toda a súa vida e obra, senón que se trata dun exercicio interpretativo onde damos voz a xente moi diversa e heteroxénea“, asegura o director, guionista e productor executivo, Aser Álvarez. Este traballo audiovisual, que conta con Luís Tosar no papel de Celso Emilio, pechou os actos do Centenario de CEF. Esta montaxe é o resultado dun intenso traballo de investigación e achega á vida e obra do poeta de Celanova, que levou ao equipo dirixido por Álvarez a rebuscar en arquivos de Asturias, Celanova, Madrid, Vigo, Pontevedra e Venezuela.
Este “retrato poliédrico e moi ferreirano” de CEF faise a través de charlas cos seus fillos, Isabel e Luís, os seus biógrafos, Xesús Alonso Montero e Ramón Nicolás, o seu amigo e paisano, o expresidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín; Xosé Neira Vilas, Suso de Toro ou Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira e Daniel Salgado, entre outros.
Os poemas chegan coa voz de cantantes como Luís Emilio Batallán, Xiana e Xosé Lastra, Mini e Mero, pero sobre todo co punk dos Labregos do Tempo dos Sputnik, e co rap máis contemporáneo de Ferriman, Nuno e Fred.
O documental tamén conta coas colaboracións de artistas como Baldo Ramos, que elabora un libro de artista que funciona como fío condutor do documental, Francisco Leiro, Manolo Paz ou Baldomero Moreiras.
Máis información:
Lugar: Casa dás Crechas
Localización: Rúa dá Via Sacra, 3, Santiago de Compostela, 15782
Hora de inicio: 20:00
Data de inicio: 21/03/2013
Gratuito: Si