CONTRIBUCIÓN AO PLAN DE DESENROLO ECONÓMICO

09-07-2013

Poema de Celso Emilio, publicado na Revista VIEIROS en 1965.

O meu país predilecto
limita ao norde cos ventos alisios,
ao sul cun arrabalde de Bós Aires
e cun porto de Hamburgo;
ao leste con tres pombas mensaxeiras,
ao nordeste coa terra de ningures.

O meu país predilecto é un emporio
de cousas nunca vistas:
os homes viven fora da lei da gravedade,
pro coñecen moi ben a lei do embudo
i o principio da palanca e do fungueiro.

Un país que vive de milagre.
Produce ao ano xustos doce meses
e tres mil romerías de San Roque.
Quinientas toneladas de labercas,
setecentas de grilos,
vinte de volvoretas
e sete de tabáus incontrolados.
Suma e sigue:
Oitenta mil arrobas de maletas,
dous mil metros cuadrados de ataúdes,
sete lobos per cápita,
dez raposos por cada contribuínte
e chumbo, moito chumbo,
que esportamos,
transportamos,
soportamos.

Item mais:
Cinco mil toneladas de carneiros
e un castrón por parroquia.

¿É que cicais non somos
un país ben desenrolado?

Somos os segundos kilovatios do mundo
e os primeiros amperios de Europa (fora Rusia).
A nosa industria de amolar coitelos,
navallas e tixeiras
non ten rival en Oucidente.

Fábricas de corozas: setecentas.
Comprexos industriales
prá produición en serie de foguetes:
cinco mil, mais industrias ausiliares.
Fábricas de zocas: quinientas.
Fábricas de albardas: outras tantas.
Fornos altos e baixos: non se sabe,
non hai datos.
Fábricas de gaseosas: sete mil.
Laboratorios sicotécnicos
pra o estudo do porvir
(sorte do paxariño): sete ducias.
Fábricas de serrar paus: nove mil.
Fábricas de coller puntos
ás medias das mulleres: tres mil ducias.
Empresas colaboradoras
prá cocacolonización da patria: cen mil.
¿Quén dixo que o país non está desenrolado?
Cinco mil toneladas de esgarabellos das patacas.
Cinco mil toneladas.
Cinco mil toneladas de moscas e mosquitos.
Cinco mil toneladas.
Cinco mil toneladas de castañas bolecas.
Cinco mil toneladas.
Cinco mil toneladas de formigas.
Cinco mil toneladas.
Cinco mil toneladas de prixel e de nabos.
Cinco mil toneladas.
Cinco mil toneladas de paciencia.
Cinco mil toneladas.
Cinco mil toneladas de emigrantes.
Cinco mil toneladas.
Cinco mil, cinco mil, cinco mil toneladas
de camándulas, pillos,
de morcegos ilustres
e de pegas piedosas.
Cinco mil toneladas.

Suma total, salvo omisión ou erro:
Quinientos mil kilómetros cuadrados
de túneles na noite interminable.
1 comentario

Los comentarios están desactivados.