“Sorprende a amizade entre Celso Emilio e Cela”

Mar 6, 2012 editor de CEF novas

O crítico literario e investigador Ramón Nicolás publicará a finais de maio a súa agardada biografía de Celso Emilio Ferreiro. A obra atópase en proceso de maquetación e a Editorial Xerais pretende lanzalo ás librarías galegas a finais de maio e iniciar as presentacións na Feira do Libro do Vigo. Polo momento, a obra de Nicolás non ten un título definitivo, mais a editorial manexa como provisional Celso Emilio Ferreiro. No rodicio da vida. Esta será unha biografía de gran dimensión, apoiada nunha ampla documentación e que busca diferenciarse doutras obras xa realizadas sobre a vida do poeta celanovés. “Non quixen facer unha biografía literaria como a que realizou o profesor Xesús Alonso Montero. Neste libro sacrifico o que sería tecer interpretacións sobre as obras literarias para centrarme no seu mundo, na súa vertente máis persoal e vital”, explica Ramón Nicolás. Para o director de Xerais, Manuel Bragado, esta biografía será a partir de súa publicación unha obra de “referencia” para coñecer o autor de Longa noite de pedra.

A estrutura do libro responde a unha biografía ao uso baseada nunha diversa documentación, pero o autor permitiuse certas licenzas para ir un pouco máis alá. “Trátase dunha biografía canónica, con moitos documentos e que segue unha liña cronolóxica. Pero, ao mesmo tempo, intercálase algún capítulo que relata momentos da vida de Celso Emilio Ferreiro cun xeito ficcional”, admite Ramón Nicolás, quen aclara que tomou esa licenza para lle dar un “rexistro diferente”, pero que todo ten unha “base documental”. Dese modo, o biógrafo relatará determinados momentos da obra do poeta, como a morte de seu pai ou o inicio da guerra civil.

A AMIZADE “SORPRENDENTE” CON CELA

Para elaborar a biografía, Ramón Nicolás -investigador que leva anos furando na vida e obra de Celso Emilio- mergullouse nun amplo conxunto de documentos, gran parte cedidos pola Fundación Celso Emilio Ferreiro. Entre eses pegadas do pasado, o biógrafo tamén tivo acceso á correspondencia do escritor. “Consultei o epistolario que el tiña, conservado no seu arquivo. Aí había unha gran serie de cartas que revelan moitas cousas do seu ámbito privado”, explica Nicolás, quen puido acceder principalmente ás cartas recibidas por Celso Emilio, xa que o poeta non adoitaba facer copias das que el enviaba.

A través da correspondencia, Ramón Nicolás realiza unha análise da evolución ao longo dos anos das relacións que mantivo con determinados persoeiros. Cunqueiro, Luís Seoane ou Fernández del Riego foron algunhas das persoas coas que máis carteou. Non obstante, un nome que destaca entre todos pola longa relación e a sorprendente amizade é o de Camilo José Cela. “Como investigador, a relación entre Cela e Celso Emilio foi a que máis me sorprendeu. As cartas comezaron a finais dos corenta. Estableceuse unha amizade perenne, sen ningún conflito pese as diferenzas de carácter ideolóxico e político que mantiñan”, explica Nicolás. Segundo o autor da obra, as cartas ofrecen unha “imaxe sorprendente” do autor de La Colmena. “Hai referencias de Cela sobre o seu traballo na RAE para eliminar definicións pexorativos da entraga ‘gallego’. Hai cartas tamén nas que Cela amosa sentimentos de pertenza a Galicia e mesmo chega a autodenominarse como emigrante”, sinala Nicolás.

Algunhas cartas con Cela e con outros persoeiros recolleranse nun apéndice da obra, que contará con máis de 50 documentos de diversa índole. Deste xeito, os lectores poderán ler misivas de Celso Emilio, coñece rdocumentos de cando foi expulsado da Hermandad Gallega de Caracas ou ver unha gran gama de fotografías.

Un exemplo do tipo de pezas que terán os lectores nese apéndice pódese consultar á esquerda. A Fundación Celso Emilio Ferreiro cedeu a Dioivo esta credencial do ano 1971, asinada por Alonso de los Ríos, polo que o poeta entraba a formar parte do Consello de Galiza. Este documento, xunto outros moitos, aparecerá recollido no apéndice da biografía preparada por Ramón Nicolás.

O CELSO EMILIO POLÍTICO

A relación entre Cela e Celso Emilio sorprende na medida en que a figura do poeta está vencellada a unha visión política radicalmente oposta á do Nobel. Unha dimensión política e militante que describe o libro, dende os  comezos do poeta na Federación da Mocidade Galeguista. “A súa actividade política transita polo nacionalismo, aínda que lle fixo ás beiras ao PC durante bastante tempo. Fóra diso, formou parte da fundación da UPG”, lembra Nicolás.

Non obstante, acabaría marchando desa formación tralo seu paso por Venezuela. “Quedou moi desencantado polo certo illamento que viviu en Caracas coa UPG, cando volve no ano 1974, desvincúlase da UPG”, explica. Despois, o poeta concluíría a súa evolución política entrando no PSOE co obxectivo de galeguizalo. “A razón do seu ingreso é galeguizar o partido. El entrou no partido coa intención de darlle un ton galeguista”, conclúe Ramón Nicolás.

ACTIVIDADE POLO CENTENARIO

A publicación de Ramón Nicolás será, probablemente, un dos momentos máis destacados do Centenario de Celso Emilio Ferreiro, unha conmemoración que está a encherse de actos e diversas iniciativas, tanto institucionais como populares. Este feito pode lembrar ao que se viviu en 1989, ano no que se lle dedicou as Letras Galegas. “Neste sentido, as Letras Galegas de Celso Emilio Ferreiro foron, para min, o máis parecido que houbo ao Vento Lois. Ese ano había motísimos actos nos que se implicou a xente, no que tamén se implicaron organizacións e asociacións de veciños. Este ano tamén parece que haberá bastante actividade sobre a súa figura”, sinala Nicolás.

Ao redor dese calendario de actividades, xerouse nos últimos días unha polémica pola programación institucional. A semana pasada, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou os actos institucionais previstos para celebrar a efeméride acompañado por representantes do Consello da Cultura Galega, da RAG, do Centro Pen, das Fundacións de Celso Emilio, de Curros e da Cidade da Cultura. Na foto faltaba só a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Esta situación soprendeu a Nicolás, quen comentou a ausencia no seu blog Caderno da Crítica. Acto seguido, respondeu nun comentario a secretaria da AELG, Mercedes Queixas, deixando ás claras que a Asociación de Escritores non fora convidada a participar. A polémica quedou servida e a omisión da entidade deixa en mal lugar os novos resonsables da Xunta en materia cultural.

 

FOTOGRAFÍA: Fundación Celso Emilio Ferreiro

Artigos relacionados


Homenaxe a Celso Emilio na Casa dos Poetas de Celanova (II)
No Día do Libro con Celso Emilio Ferreiro: vídeo-creacións da comunidade galega de Londres
HOMENAXE A CELSO EMILIO FERREIRO EN FERROL