Mostra multimedia Celso Emilio Ferreiro para centros de ensino e bibliotecas nodais de Galicia
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha unha nova iniciativa para contribuír á difusión da vida e da obra do escritor Celso Emilio Ferreiro, do que se celebra en 2012 o centenario do seu nacemento. Trátase dunha mostra interactiva que percorrerá Galicia ao longo dos vindeiros meses, primeiro nas bibliotecas nodais, ata o verán, e, a partir de outubro, nos centros de educación secundaria de diferentes localidades.
A instalación multimedia inicia hoxe a súa itinerancia na biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, onde foi inaugurada esta mañá polo conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad; polos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; o presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro e fillo do escritor, Luís Ferreiro, que estiveron acompañados pola directora do centro bibliotecario, Carina Fernández.
Durante a presentación, o conselleiro de Cultura e Educación explicou que a mostra expositiva forma parte dun programa amplo que a Xunta de Galicia promove coa implicación de diversas institucións, no marco do acordo parlamentario polo que se declarou o 2012 o Ano Celso Emilio Ferreiro. Tamén incidiu no “fondo sentido da mostra, que xorde itinerante co obxectivo de difundir a obra do poeta e achegala á cidadanía, no mesmo camiño no que el traballou a prol da difusión da nosa cultura”.
Descubrir o escritor a través dos novos soportes
Unha pantalla interactiva de gran tamaño conforma o elemento central da instalación, con acceso a aplicacións multimedia. Un muro vertical móbil co retrato do escritor e unha mesa de luz, con obxectos persoais de Celso Emilio Ferreiro, como as súas lentes, a máquina de escribir e unha cámara de fotos, completan a instalación.
“Os usuarios que se acheguen a este punto multimedia informativo van encontrar nel contidos variados”, explicou Anxo Lorenzo, “como notas biográficas, imaxes do escritor ou anacos das súas obras, e mesmo poderán escoitar o propio recitado na voz de Celso Emilio”. Tamén se inclúe un repertorio de cancións baseadas no poeta, así como audiovisuais e xogos participativos para coñecer máis do escritor e político. Moitos destes contidos están accesibles tamén vía web na páxina oficial do escritor, https://celsoemilioferreiro.org/, que puxeron en marcha este ano a Xunta de Galicia e a Fundación Celso Emilio Ferreiro.
Un percorrido por bibliotecas e centros de ensino
A mostra estará na biblioteca Ánxel Casal ata o 13 de abril e continuará o seu percorrido polo resto de bibliotecas nodais, pasando polas de Pontevedra, A Coruña, Ourense, Lugo e, finalmente, Vigo. Xa no mes de outubro, a exposición multimedia chegará aos centros educativos para achegarlles aos estudantes de secundaria a obra e a figura do poeta de Celanova. Acollerán a mostra o IES Francisco Daviña Rei (Monforte), o IES de Foz (Foz), o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), o IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Illa de Tambo (Marín), o IES Aquis Celenis (Caldas de Reis), o IES Xesús Taboada Chivite (Verín), o IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras) e, finalmente, o IES de Celanova (Celanova).
Respecto do seu paso polos centros de ensino, Valentín García destacou que “a exposición non só aborda a figura dun destacado escritor en lingua galega cuxa obra se estuda en secundaria, senón que o fai empregando medios orais e escritos que facilitan o traballo de diferentes destrezas lingüísticas”. Neste sentido, incidiu na “utilidade da mostra, concibida a partir de materiais interactivos e as tecnoloxías actuais, como apoio ao labor que desenvolven os equipos de dinamización da lingua galega”. (vía https://www.edu.xunta.es/web/node/4399 )