Celebrouse a homenaxe a Celso Emilio Ferreiro na Casa de Galicia de Madrid
(Información vía La Región)
O escritor de orixe ourensá Celso Emilio Ferreiro foi homenaxeado onte en
Madrid polo centenario do seu nacemento, nun acto poético musical que tivo lugar
na Casa de Galicia. Autoridades locais e galegas, persoeiros da cultura,
familiares, amigos e numerosas persoas interesadas tamén na figura do poeta
participaron neste acto de celebración do Ano Celso Emilio Ferreiro, promovido
pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria.
Durante o acto, o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad,
destacou o vínculo do escritor con Madrid durante a súa última etapa creativa.
‘En Madrid -dixo-, o poeta encontrou foros onde expresar a súa humanidade e o
seu talento, e tribunas desde onde darlle unha parte do seu impulso final á
construción da Galicia que hoxe coñecemos’. ‘Por iso a homenaxe que hoxe traemos
á Casa de Galicia é tamén un acto de gratitude con esta cidade que vén ofrecendo
na súa historia miles de oportunidades humanas’, dixo o conselleiro.
LUGAR DE ACOLLIDA
Madrid foi para Celso Emilio o lugar de acollida na súa última etapa vital, onde viviu a partir
de 1973 na rúa Juan Bravo. Alí logrou difundir tamén en castelán a súa obra
poética e comezou a darlles forma ás vivencias traídas de Venezuela, onde tamén
medrou como escritor. No Ateneo de Madrid dirixiu a Aula de Cultura Galega,
traballou como crítico literario en ABC e escribiu no xornal Arriba. Tamén
redactou en Madrid páxinas de tanta autenticidade como as recollidas na súa
novela breve A taberna do Galo.
Segundo asegurou o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad na homenaxe,
‘os seus anos finais, de extraordinaria madureza intelectual e de asentamento da bagaxe dunha vida
intensa, encontraron en Madrid o clima humano que necesitaba para pechar un
ciclo, relativamente breve no tempo, pero cargado de vivencias importantes, para
el e para a nosa forma de asumir a galeguidade’. Madrid tamén foi o lugar da
multitudinaria homenaxe que lle foi tributada o 3 de novembro de 1979, tras a
súa morte, no Pazo dos Deportes.
Vázquez Abad presidiu o acto de homenaxe acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo director da Casa
de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega; polo director da Fundación Celso Emilio
Ferreiro, Luís Ferreiro; polo concelleiro presidente do distrito de
Moncloa-Aravaca en Madrid, Álvaro Ballarín; e polo membro da xunta directiva do
Ateneo de Madrid Miguel Pastrana, que participaron na lectura de poemas do
escritor. Tamén se sumaron ao recitado poético o escritor Carlos Reigosa, o
meteorólogo de Televisión Española Martín Barreiro, o alcalde de Celanova
Antonio Mouriño, a profesora de galego en Madrid, Carme Lamela e alumnado de
galego en Madrid, con poemas como ‘Moraima’, ‘Eu en ti’, ‘Tempo de chorar’ ou
‘Deitado frente ao mar’. Os versos de Celso Emilio Ferreiro tamén se recordaron
onte en Madrid a través da voz do cantautor Amancio Prada, que ofreceu unha
actuación musical para pechar o acto de homenaxe.
Trackbacks y pingbacks
[…] pasado día 9 de xullo homenaxeouse a Celso Emilio Ferreiro na Casa de Galicia en […]
Los comentarios están desactivados.