Cando o mundo é poesía
Crítica de Ramón Rozas
‘Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro’, de Ramón Nicolás, amosa desde a monumentalidade a faciana íntima deste autor como nunca antes se fixera.
Hai obras que, en canto as tes nas mans, sabes da súa importancia. Nesta ocasión estamos ante un deses traballos, esta biografía de título tan suxerente como ‘Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro’, que firma Ramón Nicolás baixo a edición de Xerais. Merece especial atención o labor dunha editorial que sabe de antemán que con este libro non vai batir récords de ventas, pero a idea de facer país dende a cultura e o coñecemento dos nosos grandes autores imponse á rendibilidade, por outra banda, tan escasa nestes tempos literarios. Afondar, no ano no que se celebra o centenario do nacemento do poeta celanovés, na súa figura é case unha obriga.
Vaia por aí o primeiro aplauso. O segundo ten que ir dirixido ao autor, por enfrontarse a un abrumador traballo como é o de recoller as diferentes direccións tanto biográficas como creativas dun autor referente das nosas letras ao longo do século pasado, para o que non aforra en esforzos, ofrecendo un abraiante seguemento por vilas e espazos, por amizades e inquedanzas, por traballos e desexos que foron quen de ir agromando ao longo da poesía do autor de ‘Longa noite de pedra’. Ramón Nicolás colle así o relevo da meritoria biografía que nos oitenta realizou Xesús Alonso Montero pero que, como é evidente, necesitaba unha maior achega ao personaxe e cunha visión de hoxe.
Celso Emilio Ferreiro é un mundo en si mesmo, un mundo alicerzado polos reflexos de Galicia e as súas xentes. Esa construción da súa obra non foi fácil, e tivo un vencello moi especial co devir dun século tan singular e dun tempo como o que lle tocou vivir. De xeito minucioso, Ramón Nicolás achéganos ata ese berce celanovés dende onde veu ao mundo o poeta, o menor de sete irmáns, e o seu posterior crecemento e toma de conciencia das súas posicións políticas. Este tipo de capítulos son sempre especialmente delicados. A súa participación na creación da Mocedade Galeguista, a súa incorporación a filas e un polémico poema que fixo correr ríos de tinta sobre as súas posicións ideolóxicas pero que non debería deixar de ser máis que unha anécdota.
Logo tocou vivir nos tempos da escuridade, que foron reflectidos como ninguén foi quen de facer no poemario ‘Longa noite de pedra’. A fundación da UPG un ano máis tarde, en 1963, e o compromiso constante foron os ingredientes que tinxiron a súa poesía desa fonda humanidade e ligazón con Galicia.
Os diferentes capítulos da biografía fannos seguir como nunha viaxe a Celso Emilio Ferreiro polas paisaxes que percorreu: Celanova, Pontevedra, Vigo, Caracas ou Madrid, descubrindo espazos tan marabillosos como descoñecidos, como podía ser esa Pontevedra dos anos 40 chea de creadores que se reunían en diferentes faladoiros e que nunca lle deron as costas aos seus soños.
Pontevedra foi moi especial para el, aquí naceron os seus fillos, relacionouse con personaxes esenciais no seu futuro, participou dos ambientes culturais e formaba parte de publicacións periódicas como Ciudad. Pero tamén participou nesa aventura que, da man do editor Sabino Torres, foi a creación da colección Benito Soto de poesía.
Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro’, amosa dende a súa monumentalidade, a faciana íntima deste home como nunca antes se fixo nunha obra xa imprescindible.