A Conselleria de Cultura e Educación, a través da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, realiza un intercambio documental coa Fundación Celso Emilio Ferreiro

Mar 8, 2013 editor de CEF novas

7 de marzo de 2013,Iria Flavia (Coruña)

As entidades intercambian en copia dixital os fondos correspondentes á intensa relación que ambos escritores mantiveron.

Trátase de máis de 170 cartas cruzadas e diverso material relativo á revista de creación literaria “Papeles de Son Armadans”, fundada e dirixida por Cela de 1956 a 1979 e na que colaborou activamente Celso Emilio Ferreiro

.– A Fundación Pública Galega Camilo José Cela e a Fundación Celso Emilio Ferreiro veñen de realizar un importante intercambio documental que permitirá a estudosos e investigadores destes dous grandes escritores galegos o acceso ao fondo documental conxunto que se conservaba en ambas fundacións.

Deste xeito, póñense a disposición da comunidade científica máis de 170 cartas e documentos que amosan a intensa relación literaria e profunda amizade que uniu ao premio Nobel padronés e ao poeta de Celanova dende finais dos 40 ate o falecemento do segundo en 1979. Unha relación que se consolidou nos anos 50 a raíz da continua colaboración do poeta na revista de creación literaria Papeles de Son Armadans (fundada e dirixida por Cela entre 1956 e 1979) e por mor da participación de Celso Emilio nas Conversaciones poéticas de Formentor organizadas tamén por Cela en 1959.

Referencias persoais, anécdotas e expresións de profundo amor a Galicia impregnan esta relación epistolar que, sen dúbida, sorprenderá a moitos, pero que non deixa de ser unha mostra máis da enorme personalidade destes dous clásicos.

Dende ambas institucións quérese salientar que este é o primeiro banzo dunha liña de traballo conxunto en prol do fomento da obra de Cela e Ferreiro, á procura dun beneficio mutuo na difusión do traballo de ambos creadores.

 

 

Artigos relacionados


Celso Emilio no MOME da Estrada
‘Sei que fixen un contrato de por vida con Celso Emilio’
Cando o mundo é poesía