“Verbas para Celso Emilio Ferreiro”, poema de Manuel María


29-04-2016

Manuel Maria,Remol

Libro: Remol
Primeira edición Ano: 1970

Lugar: Bos Aires
Editorial: Edicións Nós
Limiar de Manuel María, portada de Alberto Castro Couso


 

Verbas para Celso Emilio Ferreiro

Celso Emilio Ferreiro, compañeiro,
irmao na poesía e en Galiza,
mestre que vas deixando
un ronsel de luz detrás de ti,
un suco de amor para sementar auroras.
Por ti sabemos dos soños máis sinxelos,
das arelas máis amadas,
dos anceios derrubados brutalmente,
dos traballos de cada día:
pequenos, eternos, precisos
para gañar o pan e o viño,
a roupa que usamos,
o teito que nos cobre,
a esperanza e a desesperanza que,
como un verme, nos rilla o corazón.

Anque Mora e Saleta nos sorrían,
anque estean agardándote Isabel,
Xosé María, Lois e máis Xavier,
e che teñan preparada unha sorpresa
que pode ser un disco con poemas
ou coas canciós formidábeis de Raimon,
ti segues, enviso e caviloso,
doéndoche a ferida que Galiza
puxo, para sempre, no teu peito.
E é que ti – e é que nós – sentimos
que aínda sigue o noso soño sulagado
nunha longa noite de pedra inacabábel
mentres teñamos milleiros de emigrantes
en todos os currunchos do planeta
e os nosos mariñeiros e labregos,
sigan, á espreita, ollando ao ceo
porque tan soio teñen
liberdade de chorar canto lles praza.

Pero temos aquí a túa palabra
ardendo en corazón,
traballada na forxa da verdade,
petada deica a dor co vello
martelo de ferreiro do teu nome,
recollida entre o pobo que traballa
e que sofre en silencio,
luídan nos turreiros e peiraos,
nas vendimas, esfollas e seituras,
santificada na intimidade do fogar
polo calor amantes das lareiras.
A túa palabra enche
de acesa claridade a nosa alma:
o espírito de Galiza que pervive
entre a brétema escura que nos cobre.

Ti, Celso Emilio, viñeche para dicirnos
que os soños e os paxaros son irmaos,
viñeche para traer
un facho de esperanza que nos guíe,
para dicir que non
aos que fan da inxustiza unha bandeira;
para erguer un fogar, pedra a pedra,
con paredes de amor e lealdade.
Escoita, amigo meu, pastor
de marabillas,
sabedor da música que canta
na nosa agachada intimidade,
dono da máxica liberdade do reiseñor,
non teño máis que darche:
só estas palabras pobres,
núas,
coa luz do corazón iluminadas.

 

Artigos relacionados


O Documental 100% CEF, no Museo Municipal de Lalín
Premios da Asociación de Escritores en Língoa Galega
“Xigantes ou ananos? Celso Emilio e o debate sobre a emigración galega”, no Consello da Cultura o 24 de maio