O blogue de Ramón Nicolás, cuxa biografía sobre Celso Emilio Ferreiro se anuncia como inminente, iniciou unha sección titulada “Manuscritos” que estreou cun texto inédito de Celso Emilio Ferreiro. Deixámolo aquí:
La Región OURENSE – 04-08-2012
Os versos de Celso Emilio Ferreiro soaron onte en euskera, galego, francés, italiano e portugués no recital poético protagonizado na praza Maior da vila de San Rosendo.
O acto estivo protagonizado por un grupo de voluntarios que participa no campo internacional de traballo orgaízado polo Concello de Celanova e a Dirección Xeral da Xuventude e contou coa a asistencia dun grupo de maiores da residencia San Carlos da localidade. ‘A xornada de onte foi a súa primeira acción socio-cultural das que levarán a cabo durante os vindeiros 15 días’, informaban os organizadores do evento que, o rematar, improvisaron un sinxelo homenaxe a unha das residentes da fundación, a celanovesa Irene Feijóo que o prouximo 5 de Setembro cumplirá 100 anos, os mesmos que houbera cumprido Celso Emilio Ferreiro.
O blogue Trafegando ronseis incorpora o seguinte comentario da edición bilingüe de Longa noite de pedra publicada a finais do ano pasado:
Reler os clásicos de cando en vez convértese sempre nunha práctica magnífica que permite decatarnos da súa intemporalidade, de como seguen vixentes e, ás veces, incluso poden reinterpretarse tocando teclas máis actuais. É o que acontece coa versión bilingüe (galego-castelán) de Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, publicada no 2011 por Auga Editora. A tradución e introdución asínaas Ramón Nicolás, a cronografía final corre a cargo de X. A. Perozo e as ilustracións que acompañan algúns dos poemas pertencen a María Lires.
Todos sabemos o significado desta obra no momento da súa escrita (a denuncia da barbarie que supuxo o rexime autoritario franquista e as consecuencias sociais e políticas deste), mais léndoo de novo, vemos a posibilidade de empregar outras claves. Fagamos a proba. Vaiamos á páxina 22 e releamos en Tempo de chorar os seguintes versos: “Hei de chorar sin bágoas duro pranto,/polas pombas de luz aferrolladas,/ polo esprito vencido baixo a noite/da libertá prostituída”. As pombas daquela teñen hoxe distintos nomes (xente en paro, mineiros, inmigrantes…) e todas as tropelías duns cantos contéstanse na rúa coa “salvaxe voz que ha de trocarse en ira,/en coitelo de berros i alboradas/para subir ao cumio dos aldraxes”. ¿Segue de actualidade ou non?
O mesmo exercicio podería aplicarse a composicións como O edificio (“I enriba, nas outuras,/deitada sobre arelas i esperanzas,/a Cariátide xorda presidindo”) Libremente(“Nós queriamos libremente/comer o pan de cada día”), Monólogo do vello traballador (“ O patrón está rico á miña conta,/eu, á súa, estou vello”), e tantos outros.
Unha pequena obxección: saben a pouco os debuxos de María Lires, tan aquelados e suxerentes.
Dicía Sandor Marai: “Le coma se fose unha cuestión de vida ou morte, porque a lectura é o mellor regalo do ser humano. Ten en conta que de todos os seres vivos, o ser humano é o único que le”. Beizóns a Inés, Irene e Loaira.
28 Xullo, 2012-Brétemas, Manuel Bragado
Memorable foi o concerto no Auditorio Municipal de Teo de presentación do librodisco O meu primeiro Celso Emilio. Unha gozada escoitar oito poemas de Celso Emilio interpretados por unha ducia de músicos extraordinarios. Unha ocasión única que sabemos será moi difícil repetir. Abriu María Manuela –tamén formidable ilustradora do libro– con «Erguerémo-la espranza», un dos poemas civicos de Longa noite de pedra. Fermoso o seu diálogo con Manolo Dopico, apoiado na firmeza das cordas da guitarra de Xurxo Varela e o violín de Nuria Lestegás. «Saúde a todos, compañeiros!» foi o retrouso que deu inicio a un concerto no que a emoción e a complicidade do público foron en incremento. Continuaron Xiana e Mero cun dúo inédito con «Eu en ti», un intenso poema de amor d’ O soño sulagado, musicado polo propio Mero. A interpretación de Xiana de «María Soliña» foi un dos momentos máis inesquecibles do serán; o arranxo de Xurxo Varela da versión de A. Paz Valverde é marabilloso. Outrosí sucede cos «Cantares» de María Manuela, un tema que ela arranxou ao xeito tradicional de Onde o mundo se chama Celanova, cun acompañamento de José L. do Pico á zanfona. A versión potentísima de «Irmaus», probablemente a peza estrela do disco, marcou outro momento de máxima emoción. O centenar de asistentes quedamos abraiados pola interpretación coral do himno de Mini, un dos temas esenciais na formación sentimental da nosa xeración de nacionalistas galegos. De bagoar. A seguir, «Moraima», versión de Suso Vaamonde do poema «Xaneiro 1972,II», recuperou a voz do íntimo doutro poema de amor de beleza desbordada. Xiana deixounos pampos coa súa versión de «Agardarei», con arranxos jazzísticos de Nani García, mellorando de lonxe a que fixera Batallán. Quedará para a nosa memoria a saída de Xosé Lastra para compañar(fachendoso) a Xiana no escenario. Todo o elenco no escenario bailou cos aires caribeños do derradeiro tema, «A mulata Coromoto», outro dos temas de Miguel Varela, o músico ferrolán ao que se lembrou en varias ocasións ao longo do concerto. Pagou moito a pena editar este traballo musical e literario no centenario de Ferreiro, cheo de matices e sutilezas. Un modelo do que entendemos é a edición estendida que precisa un momento como o actual. Se o público así o entende, pretendemos que teña continuidade o vindeiro ano con «A miña primeira Rosalía», con motivo da celebración do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos. Luís Ferreiro e máis eu baixamos cantando pola autoestrada máis contentos ca cucos. O de Teo foi moito. A próxima presentación d’ O meu primeiro Celso Emilio será o xoves, 9 de agosto, ás 21:15 horas, na Feira do Libro da Coruña. Avisados quedamos.
29-07-2012
EN CELANOVA, na parede exterior do mosteiro de San Rosendo, moito máis que O Escorial de Galicia como din os refitoletros ou as damas da media améndoa, ese abraio vertixinoso que contén (xogo de caixas chinesas ou bonecas rusas) unha sorpresa -minimalista- máis, a capeliña mozárabe de San Miguel, hai unha pintada. Non feita con aerosol senón con brocha gorda.
No ano 1933. E reza o rótulo: Adiante, publicitando o único número do que fora órgano das Mocidades Galeguistas de Celanova. Número que recibín o outro día, en edición facsimilar moi coidada, no peche das Xornadas adicadas a Celso Emilio pola UIMP. Non vou enumerar todos os participantes nelas, moitos e de calidade, de Xesús Alonso Montero a Luciano Rodríguez, quen deran a lección inaugural e a de clausura dun curso ben levado por José María Paz Gago. Eu quero dicir, simplemente, que o centenario do nacemento de Celso demostra que o coraxudo (ilustrado, namorado,paisaxístico) poeta celanovés, como Castor Elices ou Curros Enríquez, segue a gañar batallas despois de morto. No verán infausto de 1979, cando aínda podía tirar moito vitriolo, mais tamén amor, da súa pluma de aceiro nunca esgallada. Celso Emilio é xa un clásico. “O que non se pode tocar”, como dicía non sei quen. Un clásico que se abra por onde se abra, como fixen eu o outro día no púlpito de San Rosendo co seu Credo, ou Alfredo Conde con Consellos (baseado no Libro dos Proverbios), ten lume aproveitable. Desta maneira hai versos de Celso que, en cincocentos anos, terán actualidade, e quen os diga igual xa nin sabe o seu autor. Como comeza pasar hoxe co nerudiano “Es tan corto el amor, es tan largo el olvido”, inserido xa no tesouro popular,algo semellante vai acontecer con “O patrón está rico á miña conta,eu á súa estou vello”. E máis, moitas máis cousas que eu podería dicir deste Celso Emilio Ferreiro, que nada lle debe a Voces Ceibes (contra do que algúns sosteñen). Voces Ceibes máis ben,algúns dos seus compoñentes, é a que está en débeda con Celso Emilio Ferreiro. E Galicia enteira, si, hoxe máis que nunca precisada de quen lle diga, poéticamente falando, as verdades do barqueiro. Celso Emilio Barqueiro, por exemplo, axudando aos cegos cruzar o río. Si.
Ourense / La VOZ DE GALICIA, 29 de julio de 2012
O autor de «Longa noite de pedra» foi homenaxeado na Insua dos Poetas.
Unha escultura en bronce de Manuel Penín, baseada no poema Irmaus, que Celso Emilio Ferreiro ido libro “Longa noite de pedra”, preside dende onte a entrada á Insua dos Poetas. A finca herdada polo escritor Luís González Tosar e convertida, co apoio da Deputación de Ourense, nun espazo de encontro literario e artístico, acolleu onte a cuarta edición da Festa da Palabra dedicada precisamente ao escritor e galeguista de Celanova polo centenario do seu nacemento.
Na cita participaron o seu biógrafo, Ramón Nicolás, que centrou o seu relato nos últimos días da vida do celanovés; e o académico Xesús Alonso Montero, que tras cualificalo como «a voz con máis corazón» pediu que a obra se traduza «aos 7.200 idiomas que aínda se falan nos cinco continentes». Pero, sen dúbida, a lembranza máis sentida, sinxela e próxima, foi a do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín quen, como el mesmo lembrou, non so foi amigo de Celso Emilio dende a infancia, senón «amigo prenatal». «Porque as nosas familias xa eran amigas antes de que nós naceramos», sinalou. Lembrou os sentimentos da infancia e confesou sentirse «orgulloso de ter respirado o mesmo ar que el alentaba; foi un home sinxelo e bo, un alma sensible ao horror e a inxustiza».
No acto, no que tamén participaron o conselleiro Xesús Vázquez, os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística e o presidente da Deputación de Ourense, houbo ademais moitas referencias á loita dos veciños da zona contra a incineradora que pretende instalar a Xunta no Irixo.
«Celso Emilio foi un meteoro que atravesou incendiado o ceo da vida cultural e política galega»
X. L. Méndez Ferrín
La Region-OURENSE – 26-07-2012
A finca da Esgueva (parroquia de Madarnás, O Carballiño), na que o escritor natural de Guimarás, Luís González Tosar está cimentando o proxecto literario-cultural denominado ‘A insua dos Poetas’ en colaboración coa Deputación provincial e a Consellería de Cultura, acollerá hoxe a instalación da segunda obra artística, neste caso un monumento dedicado a Celso Emilio Ferreiro con motivo da celebración do seu centenario. É unha obra coa que o escultor ourensán Manuel Penín realizou unha alegoría do poema ‘Irmaus’ que o poeta publicou no libro ‘Longa noite de pedra’ e que pasar por ser, sen lugar a dúbidas, un dos máis
É unha obra coa que o escultor ourensán Manuel Penín realizou unha alegoría do poema ‘Irmaus’ que o poeta publicou no libro ‘Longa noite de pedra‘ e que pasar por ser, sen lugar a dúbidas, un dos máis coñecidos do vate de Celanova. Os traballos de instalación da escultura, na finca da Esgueva, concitará a presencia do autor da obra, Manuel Penín, así como do escritor Luis González Tosar.
En calquera caso, o acto de mañá non será, senón, o preámbulo da ‘IV Festa da Palabra’, que terá lugar o próximo sábado, día 28 de xullo, a partir das 12,00 horas e que se enmarcará dentro da celebración do Centenario de Celso Emilio Ferreiro.
ACTO
O desenvolvemento do acto está estructurado en catro apartados, que se iniciarán, como non podía ser doutro xeito, cunha lectura poética centrada fundamentalmente na obra de Celso Emilio Ferreiro, continuarán coa inauguración oficial do monumento realizado polo escultor Manuel Penín, a entrega dos premios ‘Setecarballas’ que o escritor creou para recoñecer a outros tantos representantes de distintos ámbitos da cultura e da sociedade galega. O acto rematará coa actuación da cantora María do Ceo, que intepretará varias cancións con letra do propio Celso Emilio Ferreiro que ela musicou no ano 2008 con motivo da conmemoración do cento cincuenta aniversario de, Curros Enriquez.
Celanova 17/07/2012
A segunda xornada do curso que a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) dedica en Celanova ao poeta Celso Emilio Ferreiro, baixo o epígrafe de “Ética e poética”, estivo adicada á creación: poesía civil e social. Abriu a sesión o poeta e crítico literario Vicente Araguas, quen destacou que Celso Emilio mestura como ninguén a fortaleza do concepto coa boa inxeniería poética, e esta é unha das claves do éxito popular que obtén
Un éxito só comparable co de Rosalía e Curros os tres poetas máis populares da literatura galega. Así, Celso Emilio atopou a fórmula para musicar poemas, e dáse o paradoxo de que son máis coñecidos os mal chamados cantautores por musicar os poemas de Celso Emilio Ferreiro, que Celso Emilio por ser musicado por recoñecidos cantantes.
POLIVALENTE
Logo de Celso Emilio, non hai outro poeta igual, declarou Araguas. Dábanselle tamén os poemas satíricos ou de escarnio, como os de amor (Moraima’) ou os paisaxísticos (‘Aló onde ou mundo se chama Celanova‘). Tocaba todos os temas: a opresión social, o antimilitarismo, a problemática dos labregos ou a do idioma. ‘É un dos meus heroes cívicos, pero tamén estéticos”, concluíu Araguas.